13.9.07

Vicepresidencia implantará en Galiza o servizo galego de apoio á mobilidade persoal, o 065 social, destinado a persoas dependentes ou con discapacidad


O Consello da Xunta deulle hoxe luz verde a este servizo público de carácter social que facilitará o desprazamento ás persoas con problemas de mobilidade

O Consello da Xunta autorizou na súa xuntanza de hoxe o proxecto de decreto polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal, destinado para as persoas dependentes e/ou con discapacidade. Este novo servizo público de carácter social promovido pola Vicepresidencia da Xunta facilitará o desprazamento programado e non urxente das persoas con problemas de mobilidade, sempre baixo condicións de máxima seguridade, cos medios precisos e co apoio de persoal de acompañamento durante o traslado.

Segundo se establece no decreto aprobado hoxe, para acceder a este servizo será necesario ter recoñecida a existencia de dificultades de mobilidade que impidan a utilización de transportes públicos, atoparse nunha situación de dependencia ou ter recoñecido un grao de minusvalía superior ao 65 por cento. As persoas que cumpran un destes requisitos disporán dunha tarxeta identificativa e poderán beneficiarse desta iniciativa para cubrir así as súas necesidades básicas de desprazamento. A determinación da porcentaxe de participación dos usuarios no financiamento do servizo virá determinada pola capacidade económica persoal do solicitante, sendo o servizo gratuíto para as persoas con ingresos iguais ou inferiores ao 75% do IPREM.

A prestación do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal realizarase en función dunha serie de prioridades, como son a necesidade de acudir a consultas ou tratamentos sanitarios do sistema público, cando o desprazamento non sexa competencia do sistema sanitario; trasladarse a centros ou equipamentos do sistema de servizos sociais como residencias, centros de día ou outros equipamentos de aloxamento temporal ou permanente dos que sexan usuarios; acudir a centros ou equipamentos do sistema de servizos sociais que, non tendo carácter de aloxamento, dispoñen de programas ou actividades ás que acoden ou deban acudir como usuarios; realizar actividades relacionadas coa vida diaria autónoma e co seu desenvolvemento persoal; ou asistir a actividades de carácter educativo ou formativo.

A través desta orde de prioridades, na que tamén se ten en conta a idade dos solicitantes, a Vicepresidencia da Xunta pretende poñer a disposición das persoas con discapacidade e/ou dependentes os medios axeitados para facilitarlle a mobilidade, ao tempo que se garante o seu acceso en igualdade de condicións a servizos de calquera tipo, favorecendo así a súa plena integración e participación no seu contorno habitual. O obxectivo é implantar de xeito progresivo a prestación deste servizo a través de diversas experiencias piloto que poderán comezar neste ano, de xeito que a finais do ano 2009 o servizo funcione con normalidade en todo o territorio galego.

O custo da progresiva implantación deste servizo ascende a 61.404.966,63 euros, que se distribuirán en tres anualidades. Unha vez implantado, o custo anual consolidado do mesmo ascenderá a 33.669.163,53 euros.

Condicións e seguridade

O Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal procurará adaptarse, na medida do posible, á demanda de desprazamento do usuario. Así, cando os usuarios precisen da realización dun desprazamento que estea cuberto por este servizo deberán contactar con antelación coa unidade competente, indicando o seu número de tarxeta de usuario e as circunstancias que sexan necesarias para a organización do servizo.

Durante os traslados os usuarios disporán dunha persoa que os acompañará para prestarlle o apoio necesario durante o percorrido. Os vehículos empregados cumprirán a normativa de accesibilidade e supresión de barreiras e estarán adaptados para o transporte de persoas en cadeiras de rodas. Ademais, terán unha capacidade mínima de sete persoas e máxima de doce prazas de configuración mixta, de xeito que permita unha acomodación flexible ás necesidades do servizo. Como novidade, os vehículos estarán dotados de teléfono e integraranse nun sistema de control e localización GPS.

1 comentarios:

Anónimo disse...

Parados e paradas do BNG xa tedes ocasión de atopar un cholliño