31.8.07

Á indiferencia dos gobernantes de Neda, co noso patrimonio municipal


A Consellaría de Cultura quérelles dar o maior nivel de protección aos castros, que polo momento só figuran como bens inventariados. Por iso vai declarar Ben de Interese Cultural, o maior grao de protección, a vinte novos castros, que se unirán aos de Santa Tegra (A Guarda) e Elviña (A Coruña), os únicos que até agora contaban con este recoñecemento.

Nos vindeiros días comezarán os estudos necesarios para definir e delimitar os castros e os seus contornos de protección para posteriormente iniciar os trámites para declaralos BICs de forma individualizada. Neste labor a Consellaría investirá 37.200 euros. Coa información recabada, a Consellaría de Cultura elaborará unha proposta de delimitación de cada un dos castros e do seu contorno, definindo o tipo de protección.

Os traballos incluirán a realización de prospeccións arqueolóxicas intensivas tanto dos xacementos arqueolóxicos como dos seus contornos. Esta actuación abranguerá a zona incluída dentro das estruturas defensivas do xacemento e, tamén, a súa área exterior inmediata. O obxectivo é cubrir a totalidade da unidade fisiográfica que constitúe o castro. Os datos tomados serán de gran precisión: os elementos que forman o castro así como a delimitación do seu contorno cartografiaranse mediante o seu posicionamento en GPS.

Os castros seleccionados
Os castros seleccionados pola Consellaría son aqueles máis sobranceiros tendo en conta criterios de conservación, monumentalidade e calidade do rexistro arqueolóxico:
Punta dos Prados (Ortigueira)
Castro da Cidá de Borneiro (Cabana de Bergantiños)
Castro de Baroña (Porto do Son)
Castro de Neixón (Boiro)
Castro Lupario (Rois/Brión)
Castro de Fazouro (Foz)
Castro de Viladonga (Castro de Rei)
Castro de Santa María do Castro (Cervantes)
Castromaior (Portomarín)
Castro de Vilar (Folgoso do Courel)
Castro da Torre (Folgoso do Courel)
Castro de San Cibrao de Las (San Amaro/Punxín)
Castro e vila romana de Santomé (Ourense)
Castromao (Celanova)
Coto do Mosteiro (O Carballiño)
Casto de Saceda (Cualedro)
Castro de San Millán (Cualedro)
Facho de Donón (Cangas)
Castro de Troña (Ponteareas)
Castro de Penalba (Campolameiro)

Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa
Os xacementos castrexos son vestixios dun dos períodos máis interesantes da Historia de Galiza. Trátase de elementos de grande importancia na formación da paisaxe e son perfectamente visibles e identificables en todo o territorio. Na actualidade estímase que se poden atopar arredor de 5.000 castros espallados por toda a xeografía galega.

Para investigar mellor e dar a coñecer a todo o público os restos arqueolóxicos desta época, a Consellaría de Cultura está a crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, no castro de San Cibrao de Las, nos concellos de San Amaro e de Punxín. Para cando estea rematado en 2009 o centro de interpretación albergará exposicións e actividades de difusión así como medios para afondar na investigación. Este edificio e a ruta de visita ao propio castro formarán unha unidade para entender mellor a cultura castrexa. En total, o parque comprenderá unha superficie de máis de 25 hectáreas.

As visitas orientadas ao público en xeral contarán cun programa expositivo sobre a cultura castrexa e completarase co percorrido polo xacemento de San Cibrao. Os contidos abordan o conxunto da cultura castrexa: a relación dos habitantes coa paisaxe, a explotación dos recursos e a base económica da comunidade, a vida cotiá, a estrutura social e as crenzas e relixión; así como o impacto que supuxo a chegada de Roma.

O BNG aposta por que o 2008 sexa o ano de pasar do 'vou facer' á posta en marcha de todos os proxectos comprometidos cos cidadáns



Carlos Aymerich defende que Galiza teña máis peso no Estado e confía en que non avancen “certas derivas” de sintonía entre o PP e o PSdeG

O portavoz do grupo parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, afirmou hoxe que o próximo período de sesións ten que deixar atrás o “vou facer” e materializar todos os proxectos que se puxeron enriba da mesa, “pois o 2008 é o ano que vai marcar a nota que este Goberno merece e se respondimos ás espectativas dos cidadáns”.

Aymerich -que compareceu ante os medios, xunto a Bieito Lobeira, tras a primeira reunión de grupo deste novo curso político- explicou que durante estes dous anos o Executivo dotouse dos instrumentos necesarios para agora poder pór en marcha os proxectos que asumiron, como a nova lei de Servizos Sociais ou de Vivenda, entre outros.

O portavoz nacionalista insistiu na idea xa exposta por Lobeira de que neste novo período o grupo parlamentar vai imprimir unha dinámica centrada na dialéctica “Galiza-Estado”, co obxecto de que Galiza teña máis peso na política de Madrid e nas demandas que teñan a ver co País pero que aínda dependan do Estado, para que sexa Galiza quen poida tomar as decisións.

Bieito Lobeira referiuse, especialmente, ao impulso das transferencias de competencias, anunciou que tentarán pór freo á invasión “que estamos a percibir” dalgunha delas e traballarán por ir creando un espacio galego de libre decisión.

Sobre as infraestructura, Carlos Aymerich manifestou que o obxectivo é que “as infraestructuras de Galiza tamén sexan problema de Estado” e pediu que non “avancen” en Galiza “certas derivas preocupantes” a nivel de Estado de sintonía entre o PP e o PSOE, como o acontecido en Navarra ou no Consello de Contas, onde o órgano de Goberno estará en mans do PP grazas ao apoio do PSdeG.

Neste sentido, o portavoz nacionalista lembrou que a lealdade é a regla de ouro dun goberno de coalición, pode haber debate pero non romper as co-relacións de poder que os cidadáns elexiron.

Identidade

Pola súa parte, Bieito Lobeira anunciou que tamén estarán atentos á actual “ofensiva de caverrna” que se está a producir sobre a identidade galega. “Nós imos defendela”, dixo, ante os ataques unhas veces “soterrados” e outras “descarados” que está a padecer, por exemplo o Himno, a singularidade de Galiza ou a lingua.

“Os símbolos son de todos pero somos nós os que os defendemos” e lamentou a situación de conflicto que xa vén de lonxe sobre este tema, para o que puxo como exemplo a interpretación do himno “amputado” ou “andaluzado”.

Comisión de Investigación

A preguntas dos xornalistas sobre a Comisión para investigar a xestión da Cidade da Cultura, Aymerich afirmou que para o BNG a máxima é a total transparencia, e amosou a súa esperanza en que o dito organismo se poida constituír sen limitar nin o seu obxecto nin os comparecentes.

Neste sentido, dixo que tanto Fraga como os directivos das empresas implicadas en presuntas irregularidades deberán pasar pola comisón e falar desas “virtudes” e “boa xestión” realizadas, como declarou o ex presidente da Xunta hai uns días.

Finalmente, insistiu en que a prioridade, malia a investigación, é que a Consellaría de Cultura, dirixida pola nacionalista Ánxela Bugallo, siga traballando para resolver co menor custe posíbel e da forma máis áxil a “lousa” que deixou o Partido Popular, e convertir o “mausoleo” nunha infraestructura útil para Galiza.

25.8.07

No seu primeiro ano, máis de 3.000 nenos asistirán ás Galescolas


As 23 galescolas que comezan o curso en setembro teñen cubertas o 85% das prazas e o prazo para formalizar a matrícula finaliza o vindeiro día 30 de agosto.


Máis de cen persoas traballarán dende setembro nestes centros.


XORNAL I Santiago.- Máis de 3.000 nenos e nenas galegos asistirán este curso ás galescolas no seu primeiro ano de funcionamento. Concretamente, as 23 galescolas postas en marcha pola Vicepresidencia e xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que comezan a funcionar en setembro, acollerán a arredor dun milleiro de nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos. A esta cifra hai que sumar as 2.100 prazas existentes nas 25 escolas infantís xestionadas pola Xunta a través da Secretaría Xeral de Igualdade.

Ata o momento, teñen cubertas o 85% das prazas ofertadas, de acordo co proceso de preinscrición aberto o pasado mes de xullo. En total, das 930 prazas ofertadas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, unha vez rematado este proceso, cubríronse un total de 790 prazas, o que supón o 85% da oferta. Aqueles que aparezan nas listas definitivas de admitidos xa poden formalizar a súa matrícula nas Galescolas xa que o prazo remata o vindeiro día 30 de agosto.

As persoas interesadas no proceso de formalización de matrícula dispoñen dos listados provisionais cos nenos e nenas admitidos na galescola ou concello correspondente, así como na páxina web www.igualdadebenestar.org. Con todo, trátase dun procedemento que permanece aberto, polo que os pais e nais que queiran aínda inscribir a partir de agora aos seus fillos e fillas nestas escolas infantís poden facelo en calquera momento.

As 23 galescola que van comezar no curso 2007-2008 atópanse nas vilas de Cambre, Cerdedo, Coles, Crecente, Fene, A Fonsagrada, Ortigueira, Pantón, Portas, A Rúa, Taboada, Vilaboa, Boiro, Covelo, Rianxo, Pereiro de Aguiar, Ponteceso, Vilamarín, Poio, Zas, Xinzo de Limia, O Rosal e Campo Lameiro.

Máis de cen persoas van traballar nestas galescola. O proceso de selección de persoal xa está pechado en dezaseis destas escolas infantís, cun total de 107 traballadores, e nas outras sete galescola rematarase en breve. Dos 107 traballadores xa seleccionados, 29 son mestres (entres os que hai un director ou director apor galescola), 59 educadoras e 19 persoal de servizos xerais.


Rede galescola

As galescola son os centros educativos da Rede Galega de Escolas Infantís de 0 a 3 anos xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e impulsadas pola Vicepresidencia. A través desta rede, a Vicepresidencia vai crear 121 Galescola en toda Galicia, cun investimento de 33 millóns de euros. Os novos centros supoñen a creación de máis de 6.000 novas prazas para nenos e nenas menores de tres anos, así como a xeración de máis de 1.200 postos de traballo.

As galescola propiciarán que A Coruña supere a media estatal no índice de cobertura de prazas en escolas infantís públicas, xa que a taxa de cobertura da poboación de 0 a 3 anos na provincia pasará a ser do 22%, cando o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais fala dun índice de cobertura media no conxunto do Estado do 21%. As provincias de Ourense e de Lugo situaranse, grazas á Rede de Galescola, no pelotón de cabeza da educación infantil no Estado español. O índice de cobertura da poboación menor de 3 anos chegará ao 39,7% en Ourense e ao 34,4% en Lugo, superando así o 33% recomendado pola Unión Europea. En Pontevedra increméntase o número de prazas en escolas infantís en máis do 75%, unha cifra que a sitúa en niveis históricos na dispoñibilidade de recursos de educación infantil.

Estas primeiras 23 galescola exemplifican o modelo de centros que se queren estender dende a Vicepresidencia por toda Galicia. Trátase de centros modernos e funcionais, pensados para unha aprendizaxe que ten que ser para toda a vida. Son escolas con máis servizos e cunha mellor oferta educativa e pedagóxica, que educan en galego e en Galicia para os galegos e as galegas do século XXI.

Dende á administración se indica que esta rede de escolas infantís responde "ao compromiso máis ambicioso da Vicepresidencia, que é o de apostar porque todas as galegas e galegos teñan o mesmo benestar e as mesmas oportunidades, vivan onde vivan, co fin de acabar coa fenda entre o rural e o urbano, a costa e o interior, que divide ás galegas e aos galegos en galegos de primeira e galegos de segunda".

23.8.07

Adxudicada a Urbanización e Pavimentación do tramo superior da R/Real


Foto 1905
A empresa San Martín S.A., será a encarregada, da execucción das obras de pavimentado e urbanización do tramo superior da R/Real de Neda, a empresa que con unha oferta de 91.500 €, e á vista da documentación remitida, acadou a puntuación mais alta, na mesa de contratación celebrada a mañá do xoves 23 de agosto.
O prazo de execución da obra é de 3 meses.

21.8.07

A noso ben máis prezado, a Fervenza do Belelle

18.8.07

Quintana reitera ao PP que para pasar do diálogo ao acordo co BNG o primeiro paso é que os populares retiren o veto ao Estatuto de Nación para Galiza


O líder nacionalista aposta por unha representación forte e propia de Galiza en Madrid para “termos unha posición determinante no Estado” e para “facer realidade os soños de Bóveda”

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, reiterou hoxe a proposta de diálogo co Partido Popular, “porque dende o nacionalismo asumismos que o diálogo é un elemento de primeira orde na política”, pero advertiu que para pasar do diálogo ao acordo “o primeiro que ten que facer o PP é retirar o seu veto a que Galiza teña un estatuto de primeira”.

Durante o acto de homenaxe a Alexandre Bóveda, celebrado en Poio, no día da Galiza Mártir, Quintana lembrou que hai un ano, na mesma conmemoración, “nos comprometimos a loitar para que Galiza tivera un estatuto de nación, aínda que non fomos quen de conseguilo estamos seguros de que Bóveda estaría satisfeito porque Galiza non se conformou cun estatuto de segunda” e isto foi posíbel, dixo, grazas a que existe o BNG.

“Agora –engadiu- hai chamadas de diálogo dende outras forzas políticas” pero para que isto sexa factíbel o PP debe retirar o “veto de Madrid” ao Estatuto, para que dende Galiza “nos ocupemos dos nosos problemas”.

O líder nacionalista insistiu en que a vontade do BNG é facer realidade os soños de Bóveda e lembrou que un destes soños era que Galiza tivera un peso importante en Madrid a través de forzas políticas propias.

Neste sentido, lembrou que as eleicións Xerais están á volta da esquina, “dende Madrid non se nos vai regalar nada, só dende unha representación forte e propia de Galiza no Estado será posíbel que o noso País teñan unha posición determinante na política estatal”.

“As nacións constrúense –dixo- coa vontade das persoas capaces de dalo todo pola súa patria, como Bóveda, por iso os nacionalistas, nunha data como esta lembramos a Alexandre e damos conta do cumprimento do noso compromiso coa súa memoria”.

Para Quintana, boa proba deste compromiso e de que o BNG está a cumprir as súas ideas é que os “nacionalistas gobernamos en máis concellos ca nunca e temos a maior introdución social e a maior representación territorial da historia”.

17.8.07

Unha nova cazolada, do Comité de emerxencia


O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convocou para as 20.15 horas unha cazolada no porto de Ferrol, ante a previsión de que o buque 'Akwa Ibom', que esta mañá non puido acceder ao peirao de Reganosa a causa do bloqueo por parte dos mariscadores, intente facer entrada na ría aproveitando a preamar.

Ante esta convocatoria, o Comité non descarta "outras actuacións que poidan planificarse". A plataforma reiterou que non existe "garantía algunha" de que, en caso de emerxencia durante a descarga do gas natural licuado, o metaneiro "poida saír ao mar aberto con rapidez e polos seus propios medios tal e como require a norma EN-1532".

As entidades englobadas no Comité Cidadán de pretenden chamar a atención das administracións para que non autoricen a entrada en funcionamento definitiva de Reganosa. Este trámite, afirman, terá que cumprimentarse ante a Dirección da área de Industria e Enerxía dá Coruña.

Recordan que o Ministerio de Industria trasladou a devandito organismo con sede na Coruña a necesidade de proceder á "verificación de varios condicionados" para outorgar a licenza definitiva, entre os que mencionan "acreditar que existan distancias suficientes até a poboación e a saída de urxencia dos buques gaseiros".

O Comité reitera que ambas as condicións son "imposíbeis de resolver" e piden a paralización da actividade de Reganosa "antes de que ocorra unha catástrofe que pode provocar miles de vítimas".

Así mesmo, a compañía, segundo os detractores da regasificadora, "ten un acta para probas por tres meses", que consideran "ilegal" polo feito de que Reganosa, tal e como afirman, "non ten terminadas as súas obras nin resoltos os condicionados da súa autorización de construción".

A plataforma esgrime o artigo 85 do Real Decreto 1434 do ano 2002, segundo o cal "só existe un mes para probas coa solicitude do acta de explotación comercial ou definitiva que Reganosa non presentou".

Por outra banda, o mariscador José Anxo Ríos, de 34 anos de idade, foi posto en liberdade pasadas as 13:00 horas tras ser detido esta mañá pola Garda Civil.

O barco podería tentar entrar na Ría coa preamar das oito e media da tarde
O portavoz do Comité, Carmelo Teixeiro, explicou que os membros deste colectivo seguirán atentos durante, xa que sobre as 20,30 horas da tarde do 17 de agosto haberá unha nova preamar e o barco podería intentar a manobra de atracada.

16.8.07

O BNG pide explicacións pola construción dun edificio de Tragsa nunha praia de Valdoviño


O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Rodríguez, rexistrou unha iniciativa parlamentaria na que pide explicacións pola construción dun edificio de Tragsa nunha praia de Valdoviño dentro da zona de dominio público-terrestre.

Rodríguez explica nun comunicado que esta construción é un "sinsentido" posto que no pasado mes de abril a Demarcación Costas de Galicia "derrubou un edificio das mesmas características situado a pouca distancia do actual", indica a nota.

Ademais, Rodríguez indica que o lugar onde se está construíndo este novo edificio de Tragsa atópase nunha "zona natural de alto valor" incluído na lista Ramsar, Lista de Humidais de Importancia Internacional, e que é zona de especial protección de aves e dos valores naturais.

Por todo isto, Rodríguez cre que existen "motivos suficientes" para que Costas "paralice a obra e derrube" a parte xa realizada

15.8.07

Estes irreductibles galegos


Bieito Lobeira rexistrou unha iniciativa parlamentar na que lembra que as aventuras destes personaxes son “referencia para unha parte moi importante do público infantil e xuvenil”, de feito están traducidas a 25 idiomas do mundo, “mais, lamentablemente, entre eles non está o galego, si o español e o catalán”.

O parlamentar lembra que hai anos si foi posíbel acceder a unha edición en lingua galega, e mesmo a filmes traducidos pola propia Televisión de Galiza. A situación mudou, explica, dende que a empresa editora Salvat-Bruño se fixo cargo no Estado desta publicación.

“Dende ese momento –afirma Lobeira- a lingua galega ficou radicalmente excluída e os milleiros de leitores e leitoras deste cómic na nosa nación perderon o dereito de poder disfrutar das aventuras destes irredutibeis galos no seu propio idioma”.

O deputado lembra que diferentes colectivos sociais como a Mesa pola Normalización ou as Ciberirmandades da Fala teñen apresentadas sinaturas perante a editorial para mudar a situación. Asemade, grupos de pais de numerosos centros de ensino teñen demandado “o exercicio dos seus dereitos lingüísticos na leitura das aventuras de Asterix”.

Para Lobeira, cómpre que institucionalmente se defenda tamén esta reivindicación e se disipe a falsa idea de que “o galego non vende”, de aí que pida á Secretaría Xeral de Política Lingüística que adopte as medidas que estean ao seu alcance para conseguir mudar a exclusión do galego das traducións das novas aventuras dos galos.

14.8.07

Cultura organiza 125 funcións para conmemorar o 125 aniversario do teatro galego


A Coruña, 13 Agosto 07. O 13 de agosto de 1882 estreábase no Liceo Brigantino da Coruña "A fonte do xuramento", a primeira representación rexistrada dunha obra en galego. Para conmemorar estes 125 anos de vida do teatro galego, a Consellaría de Cultura e Deporte e o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) organizan un programa especial con outras tantas 125 funcións teatrais.

A programación presentouna na Coruña a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, durante un acto de lembranza e de homenaxe a esa primeira representación en galego e de recoñecemento ao labor dos profesionais do teatro neste tempo. Acompañada da concelleira municipal de Cultura, María Xosé Bravo, e de numerosas persoas da escena galega, Bugallo descubriu unha placa conmemorativa na fachada do antigo Liceo Brigantino, que na actualidade acolle unha oficina municipal de servizos.

125 anos, 125 funcións

Coincidindo co número de anos da primeira representación da peza escrita por Francisco de la Iglesia terán lugar en todo o país 125 funcións. En total son 25 as compañías galegas participantes, con cadansúa obra e que percorrerán 40 localidades de toda Galiza do 14 de agosto ao 30 de setembro.

A intención desta programación é achegar o teatro a públicos novos e darlle unha maior presenza social. Neste sentido, boa parte da programación terá lugar en espazos non convencionais (lugares ao aire libre, hospitais, praias, lonxas, etc.) e estará complementada con diversas actividades e intervencións de promoción.

“Un país desde as táboas”

Nestes 125 anos a dramaturxia do noso país revelouse como unha arte cunha importante función cultural, social e económica; como factor de identidade colectiva, de coñecemento da nosa historia e da nosa literatura, de extensión do uso da nosa lingua e de manifestación da nosa capacidade creadora.

Dentro das actividades organizadas pola Consellaría para festexar o 125 aniversario, a exposición itinerante Un país desde as táboas recolle a historia do teatro en galego. A mostra inclúe os grandes períodos da escena galega: o teatro popular, o nacemento da dramaturxia galega, as tentativas modernizadoras na procura dun teatro para todos e todas, o esmorecemento da actividade teatral coa dictadura, a refundación dos anos sesenta e setenta do século XX e a consolidación do sistema teatral vivida nas últimas décadas.

Material audiovisual inédito

Xunto aos paneis explicativos, a exposición conta con material audiovisual de gran valor histórico. Rescatados dos arquivos ou cedidos expresamente polos propios protagonistas, algúns destes testemuños ven a luz por primeira vez nesta exposición. Entre o material figura un extracto de 4 minutos da estrea de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, ou entrevistas a Blanco Amor e a Álvaro Cunqueiro.

A mostra, que agora está no Museo de Belas Artes da Coruña, comezou o seu itinerario en Ribadavia e visitará Cee, O Carballiño, Vigo, O Barco, Carballo, Compostela, Lugo, Pontevedra e Narón.

Plan Galego das Artes Escénicas

Para que o teatro galego cumpra moitos máis aniversarios e cada vez con mellor saúde, a Consellaría e o IGAEM abriron este ano un debate co sector para crear unha estratexia para promover as artes escénicas: o primeiro Plan Galego das Artes Escénicas.

Presentado o borrador en xuño de 2007, está previsto que se aprobe definitivamente durante o outono. A partir de entón, as artes escénicas contarán cun marco xeral para promover a súa difusión social, reforzar a estabilidade das empresas, fomentar a creatividade e promover a proxección exterior do sector. O Plan inclúe estratexias e medidas concretas. O proxecto ten unha concepción global, integrando as dimensións cidadá, artística e económica das artes escénicas.

13.8.07

O Concello de Neda, convoca dous postos de traballo


10.8.07

Actos celebración Día da Galiza Mártir

7.8.07

A supresion do verquedoiro de Maciñeira, unha boa nova


Foto 17 outubro 2.004
O Bloque Nacionalista Galego de Neda, recibe de bo agrado a nova da supresión do Verquedoiro de Maciñeira, denunciado este en varias ocasións polos membros do BNG na corporación municipal e pola propia ANPA do colexio,polos problemas de seguridade que estaba a crear nas inmediacións do colexio.
Do que xa non está tan dacordo o Bloque Nacionalista Galego é que sexa o concello de Neda o que teña, que sufragar os gastos, cando a situación a crearon as empresas que fixeron obras en Neda ( pola súa comodidade ) e os gobernantes, que naquel intre tiña o Concello de Neda.
NOTA ENVIADA AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Roberto Mera afirma que o informe do Consello de Contas sobre as deputacións provinciais dalle a razón ao BNG


O secretario de Política Municipal do BNG asegura que os nacionalistas introducirán transparencia na xestión dos entes provinciais que gobernen e reduciran as súas funcións a aquelas que recollen as leis

Santiago de Compostela, 6 Agosto 07. O informe do Consello de Contas sobre o incumprimento por parte das deputacións da súa labor de asistencia aos concellos “corrobora as teses do BNG respecto ao funcionamento dos entes provinciais e o seu desencaixe no actual modelo territorial e institucional do país”, asegura Roberto Mera, secretario de Política Municipal da organización frontista.

Para o BNG é moi significativo que o informe do Consello de Contas faga fincapé no incumprimento por parte das deputacións do seu núcleo competencial básico, é dicer, a coordinación dos servizos municipais e a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos concellos de menor capacidade económica de xestión. Esta valoración confirma a necesidade defendida sempre polo BNG de abordar unha reforma da actual organización territorial do país que conduza á desaparición das deputacións e a creación dunha nova estructura institucional formada por concellos, áreas metropolitanas e comarcas, unha nova organización acorde coa realidade política e socioeconómica de Galiza.

“O país non pode permitirse o luxo de seguir soportando o custo dunhas deputacións provinciais que se converteron en simples intermediarias no reparto e distribución caciquil e e clientelar de cartos, uns entes ineficientes na xestión dos seus recursos cun grande nível de endebedamento, que funcionan cunha absoluta descoordinación e que non someten a súa actuación á coordinación e dirección do poder galego, malia estar así contemplado no actual estatuto de autonomía”, afirma Mera.

Novo Estatuto

O BNG aposta por abordar a desaparición das deputacións desde un novo Estatuto de nación. Mentres ese cambio estrutural non se produza, os nacionalistas defenden a necesidade de que as deputacións limiten a súa actuación ás competencias básicas recoñecidas por Lei, é dicer, prestar apoio aos concellos. Ademais, o BNG destaca a necesidade de que se remate coa “arbitrariedade e discrecionalidade no reparto dos fondos públicos desde as deputacións gobernadas polo PP aos concellos” e que a súa actuación se coordine e se someta ás directrices do goberno galego, dacordo coas actuais previsións estatutarias, que os nacionalistas consideran se debe concretar através “dunha lei de delimitación competencial e coordinación das deputacións provinciais e dun plan único de obras e servizos”.

A actuación do BNG desde o goberno da deputación da Coruña e Lugo nos vindeiros catro anos estará guiada por estes obxectivos de cinguir a actuación das deputacións ao apoio aos concellos, introducir transparencia na xestión dos recursos e coordinarse co goberno galego.

1.8.07

A web do BNG acada este mes de Xullo o duplo de sesións que no mesmo período do 2006