31.8.07

O BNG aposta por que o 2008 sexa o ano de pasar do 'vou facer' á posta en marcha de todos os proxectos comprometidos cos cidadáns



Carlos Aymerich defende que Galiza teña máis peso no Estado e confía en que non avancen “certas derivas” de sintonía entre o PP e o PSdeG

O portavoz do grupo parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, afirmou hoxe que o próximo período de sesións ten que deixar atrás o “vou facer” e materializar todos os proxectos que se puxeron enriba da mesa, “pois o 2008 é o ano que vai marcar a nota que este Goberno merece e se respondimos ás espectativas dos cidadáns”.

Aymerich -que compareceu ante os medios, xunto a Bieito Lobeira, tras a primeira reunión de grupo deste novo curso político- explicou que durante estes dous anos o Executivo dotouse dos instrumentos necesarios para agora poder pór en marcha os proxectos que asumiron, como a nova lei de Servizos Sociais ou de Vivenda, entre outros.

O portavoz nacionalista insistiu na idea xa exposta por Lobeira de que neste novo período o grupo parlamentar vai imprimir unha dinámica centrada na dialéctica “Galiza-Estado”, co obxecto de que Galiza teña máis peso na política de Madrid e nas demandas que teñan a ver co País pero que aínda dependan do Estado, para que sexa Galiza quen poida tomar as decisións.

Bieito Lobeira referiuse, especialmente, ao impulso das transferencias de competencias, anunciou que tentarán pór freo á invasión “que estamos a percibir” dalgunha delas e traballarán por ir creando un espacio galego de libre decisión.

Sobre as infraestructura, Carlos Aymerich manifestou que o obxectivo é que “as infraestructuras de Galiza tamén sexan problema de Estado” e pediu que non “avancen” en Galiza “certas derivas preocupantes” a nivel de Estado de sintonía entre o PP e o PSOE, como o acontecido en Navarra ou no Consello de Contas, onde o órgano de Goberno estará en mans do PP grazas ao apoio do PSdeG.

Neste sentido, o portavoz nacionalista lembrou que a lealdade é a regla de ouro dun goberno de coalición, pode haber debate pero non romper as co-relacións de poder que os cidadáns elexiron.

Identidade

Pola súa parte, Bieito Lobeira anunciou que tamén estarán atentos á actual “ofensiva de caverrna” que se está a producir sobre a identidade galega. “Nós imos defendela”, dixo, ante os ataques unhas veces “soterrados” e outras “descarados” que está a padecer, por exemplo o Himno, a singularidade de Galiza ou a lingua.

“Os símbolos son de todos pero somos nós os que os defendemos” e lamentou a situación de conflicto que xa vén de lonxe sobre este tema, para o que puxo como exemplo a interpretación do himno “amputado” ou “andaluzado”.

Comisión de Investigación

A preguntas dos xornalistas sobre a Comisión para investigar a xestión da Cidade da Cultura, Aymerich afirmou que para o BNG a máxima é a total transparencia, e amosou a súa esperanza en que o dito organismo se poida constituír sen limitar nin o seu obxecto nin os comparecentes.

Neste sentido, dixo que tanto Fraga como os directivos das empresas implicadas en presuntas irregularidades deberán pasar pola comisón e falar desas “virtudes” e “boa xestión” realizadas, como declarou o ex presidente da Xunta hai uns días.

Finalmente, insistiu en que a prioridade, malia a investigación, é que a Consellaría de Cultura, dirixida pola nacionalista Ánxela Bugallo, siga traballando para resolver co menor custe posíbel e da forma máis áxil a “lousa” que deixou o Partido Popular, e convertir o “mausoleo” nunha infraestructura útil para Galiza.

0 comentarios: