28.1.11

A política de transparencia do PP

É un dos temas máis espiñentos de cara ás próximas eleccións municipais, así que no que respecta á posible proposta de candidatos vencellados con casos de transfuguismo o PP galego parece que prefire dar a noticia o máis tarde posible. Así, onte o seu portavoz, Antonio Rodríguez Miranda, asegurou que a dirección do partido “neste momento, non ten coñecemento” de que a xuntal local do PP en Mos propuxera por unanimidade a candidatura de Nidia Arévalo para optar á reelección como alcaldesa na localidade. A actual rexedora do concello acadou o bastón de mando tras unha moción de censura en 2008, un feito que foi declarado como caso de transfuguismo pola comisión estatal, xa que estivo apoiada por un tránsfuga socialista.

Rodríguez Miranda non quixo pronunciarse onte sobre esta proposta local, aprobada o martes, xa que dixo rexeitar facer “política ficción” baseada nas noticias que apareceron nos medios de comunicación, en referencia á elección, por unanimidade, de Arévalo para ser a cabeza de lista do PP. O presidente da xunta local do PP en Mos, Camilo Augusto Martínez, recoñeceu a Xornal de Galicia que “efectivamente” aínda non se remitiu por escrito a acta da votación á dirección provincial, polo que di non saber como sentou esta decisión “que sinceramente, aínda non o sondamos” sinala, pero engade que “eles están ao día, non hai nada que non saiban”.

Ademais, Martínez explica que a elección de Nidia Arévalo como candidata “é unha aposta do grupo municipal porque nestes momentos ela é a mellor xestora, dada a súa longa traxectoria no partido e o seu labor como alcaldesa durante estes meses en Mos”, unha poboación que “pasa por un momento difícil”. Por iso, advirte: “Non queremos fisuras nin problemas no municipio, Nidia conseguiu un grupo unido por e para os veciños, non sería responsable presentarlles unha candidatura que non estivese unida”.



“comunicación oficial”

Tal e como explicou Martínez “efectivamente o PP provincial non ten constancia oficial da elección de Nidia Arévalo como candidata ás eleccións municipais” porque aínda non enviaron “a comunicación oficial”, xa que “a pesar de que tentamos facelo o máis rápido posible, transcribir as actas e outros trámites obrigáronnos a atrasalo até mañá (por hoxe venres)”, engade. No PP pontevedrés tamén confirmaron a Xornal que a día de onte non recibiran a notificación da xunta local, que logo terá que ser estudada e aprobada, ou non, polo comité electoral provincial. Este órgano non ten data fixa para reunirse e aínda debe recibir “por escrito” a proposta para pasar a considerala nun encontro no que tamén se valorarían as candidaturas doutros concellos.



NOVO PARTIDO EN SANXENXO
Mentres o proceso se atopa neste punto en Mos –similar ao de Abegondo, outro dos concellos onde o PP local elixiu unha persoa vinculada ao transfuguismo, José Antonio Santiso Miramontes, que tamén está a espera da ratificación por parte do comité provincial– en Sanxenxo, un grupo de exconcelleiros do PP fundaron un novo partido para presentarse as eleccións municipais de maio. Estes críticos coa xestora popular que dirixe a actual alcaldesa Catalina González, din que o PP local “non responde a intereses da poboación”, senón a outros “de partido ou persoais”. Polo momento, dous exedis forman o grupo, pero o presidente da mesma Francisco Villaverde espera que non serán “menos de seis” os que se integrarán baixo o nome de Agrupación Liberal de Sanxenxo.

Nesta localidade, outro exconcelleiro popular Fernando Villaverde xa creou tamén unha nova forza, o Foro Popular de Sanxenxo, que ten previsto presentarse ás eleccións municipais.

Xornal

16.1.11

Presentación candidato á alcaldía de Neda


O vindeiro venres día 21 de xaneiro, o BNG, fai a presentación do candidato á Alcaldía de Neda, na Casa das Palmeiras, este acto é aberto a todo o público, contando coa presenza do portavoz parlamentar Carlos Aymerich, polo que o BNG convida a tódolos veciños e veciñas, á asistencia ao mesmo.

10.1.11

Aprobado o saneamento da Vila de Anca e Chao da Aldea ( Viladonelle)

Na sesión plenaria da Deputación Provincial de A Coruña, celebrado o pasado 17 de decembro, aprobouse a 3ª fase da anualidade 2010 do Plan de Cooperación Provincial(PCC), nela se inclúen, as obras de saneamento da Vila de Anca, Chao da Aldea ( Viladonelle) cun orzamento de 299.766,80 €, dos que a Entidade provincial aporta 270.298,20 €.

2.1.11

Manolo Castro Alonso, elexido candidato á Alcaldía de Neda polo BNG


O actual portavoz do Bloque Nacionalista Galego, no concello de Neda, foi elexido por maioría absoluta, na asemblea celebrada recemente no local do BNG de Neda, como candidato á alcaldía de Neda,; Manolo Castro, presentou diante da asemblea á maioría da candidatura (unha candidatura que ademais queda aberta a algunha nova incorporación), formada por mulleres e homes que o van acompañar nas vindeiras eleccións municipais do 29 de maio, persoas que ademais do coñecemnto en tareas municipais, gozan de traxectoria no ámbito do movemento asociativo no concello de Neda. Manolo Castro ( traballador da Administración Autonómica ), a estas alturas é un dos mais veteranos concelleiros de Neda, foi responsable do Bloque Nacionalista Galego mais de 12 anos, formou parte dos movementos asociativos do concello e está integrado no Consello Comarcal, máximo órgano de dirección do BNG comarcal entre asembleas.