29.4.08

Financiarmos o autogoberno

Onte, venres, repasaba eu as miñas notas mentras tomaba un cafeíño rápido e agardaba polo Conselleiro Suárez Canal para a presentación pública do Plan de Dinamización do Medio Rural. Nesas, achegáronse á miña mesa dúas rapazas novas. Reproduzo a conversa:
- Ola, Anxo, desculpa un momentiño… Somos estudantes do último curso de Económicas e estamos a facer un traballo sobre as balanzas fiscais e o financiamento autonómico. No BNG, estades a favor de que se publiquen as balanzas fiscais? - As balanzas fiscais hai que facelas ben. Nesta materia do financiamento cómpre estudar moi ben os números e botar as contas ao dereito. -
Pero, qué lle convén a Galiza?
Financiámonos co que aquí se recada ou precisamos a solidariedade doutras zonas máis desenvolvidas?
- Mirade, o autogoberno significa autoresponsabilidade. Para nos autogobernar temos que contar cun financiamento suficiente e, de poder ser, o máis automático posíbel, que non faga depender a calidade dos nosos servizos nin o desenvolvemento das nosas políticas da decisión anual do Goberno central de subir ou baixar unha suposta cota de solidariedade.
- Xa, iso todo esta moi ben. Pero nos xornais, ás veces, saen informacións dicindo que temos que nos xuntar con Asturias, Castela e León ou Extremadura para impedir que os cataláns ou valencianos impoñan o modelo de financiamento que lles convén.
- Pois no BNG cremos que esa non sería unha boa estrategia porque Galiza non é pobre. Claro, non temos o grao de desenvolvemento da economía catalá e, por tanto, non temos ese exceso de recadación a respecto do custo dos nosos servizos. Mais tampouco é certo que recibamos moito máis do que recadamos. Estamos nun chanzo intermedio, porque o que recadan a Xunta e o Estado por tributación e o que invisten en cadanseus Orzamentos son magnitudes parellas.
- Si, xa sabemos iso. Pero mira, hai moitos galegos cobrando pensión…
- Cobran porque cotizaron aquí, en Suiza ou en Bilbao. A Seguridade Social baséase na caixa única e na cotización persoal. Aquí non pinta nada a solidariedade interterritorial, porque o da pensión é un asunto entre a caixa única e a persoa. Non se pode misturar o asunto do financiamento co da Seguridade Social.
- Entón, Anxo, se o choio é así e nos cederan a recadación do Imposto de Sociedades das empresas que producen aquí e cotizan en Madrid, teríamos cartos dabondo para financiar a autonomía.
- Segundo as nosas contas xa os teríamos agora. Pero é evidente que se o Imposto de Sociedades fose xusto, empresas como CITROEN ou UNIÓN-FENOSA haberían pagar aquí pola renda que gañan porque é aquí onde producen. Iso inxectaría un adicional de cartos moi importante e nos situaría, case definitivamente, no grupo das nacións e territorios que recadan o que precisan gastar de xeito claramente suficiente.
- Pero precisamos da solidariedade dos máis desenvolvidos para que nos paguen a débeda histórica…
- Non, a débeda histórica ou, o que é o mesmo, o pagamento do déficit estrutural que temos é unha cuestión de xustiza e non de solidariedade. Porque este déficit ou débeda xerouse pola falla de investimentos do Goberno central durante unha longa tempada da nosa historia. Por iso o BNG obtivo na lexislatura estatal pasada que os Orzamentos xerais do Estado invistan un 8% dos seus programas de infraestruturas na Galiza, a pesares de sermos só o 6% en termos poboacionais. Pero cómpre que se manteña esta porcentaxe durante uns dez ou doce anos para liquidarmos esta débeda.
-E despois de que nos paguen a débeda, financiarémonos nós sós?
-Despois de que nos paguen a débeda, a nosa economía atoparáse dotada dun capital social básico que nos vai permitir financiarmos o autogoberno cunha marxe suficiente. E exerceremos a autonomía como adultos. Sabedes que cando nos toca marchar da casa temos que botar contas, aforrar nunhas cousas e renunciar a outras. Pero non se pode medrar como persoas se non somos autónomos. Pois aos países pásalles o mesmo…
-Temos que marchar, Anxo. Enviarémosche por email o noso traballo…
-Adeus, moita sorte co traballo e nos exames… Ao marcharen as estudantes aínda tiven un minutiño para seguer a teimar neste tema. Tantas apelacións á solidariedade, non agocharán unha falta de definición que só beneficia ao Goberno central? Por qué aínda hai galegos que pensan que somos e seremos uns pobriños? E que non estamos todos dacordo en gobernarmos a nosa vida? Pero en calquera caso, vivimos tempos de crise e tamén de muda no modelo de financiamento autonómico. No novo modelo algúns queren priorizar a poboación ou o número de inmigrantes. E nós queremos que se teña en conta o avellentamento e o espallamento da nosa poboación (temos máis da metade dos núcleos urbanos do Estado). Tamén queremos que se avalíen outras variábeis que teñen que ver co noso esforzo medioambiental. Teño para mín que a defensa destas variábeis no novo modelo de financiamento só é posíbel desde a negociación bilateral co Estado. De igual a igual, coma Catalunya ou Euskadi. Velaí porque o mércores no Parlamento propuxen o acordo conxunto das tres forzas políticas para reformar a Comisión de Cooperación Xunta-Goberno central e convertela nunha auténtica Comisión Bilateral onde discutamos os investimentos estatais, a súa execución, a liquidación da débeda histórica ou o peso que estas variábeis teñan no noso financiamento futuro.
Porque a batalla do financiamento non a imos gañar facendo alianzas inestábeis e sempre á contra con territorios que non se asemellan para nada á nosa situación e circunstancias. Gañarémola só desde o diálogo e a negociación bilateral co Estado. En clave de país, dando e esixindo respecto institucional. Como adoitan facer as Nacións.
P.D.: Esta semana convídovos a que botedes unha ollada ó traballo que está a facer o meu compañeiro Alfredo Suárez Canal na Consellaría do Medio Rural. Despois de iniciativas transformadoras como a do Banco de Terras, a Mesa do leite ou as unidades de xestión forestal, tiven a honra de presentar con él onte o Plan de Dinamizacióin do Medio Rural. 212 millóns de euros para desenvolver un dos eixos centrais da política do BNG na Xunta contra a crise económica. Que vai permitir que o medio rural, no canto de ser o lugar onde se instale a crise, poida converterse nun espazo xerador de actividade económica e emprego. O traballo serio, o estudo rigoroso e o diálogo coa sociedade definen a boa xestión e a boa política. Grazas, pois, Alfredo.

24.4.08

O BNG, diante do prego de condicións do Parque Eólico singular


O pasado 26 de marzo, celebrouse no concello de Neda, un Pleno ordinario correspondente a ese mes, entre os seus puntos da orde do día e como 3º ía, o “Prego de condicións que rexerán a contratación de obra de explotación do Parque eólico singular de Neda “.
Este ponto da orde do día quedou enrba da mesa, primeiro, porque dende o goberno municipal introduciu variantes ao proprio prego de viva voz e alí no pleno, e segundo porque o Portavoz do Bloque Nacionalista Galego, solicitou a introdución de enmendas que ían dirixidas ao beneficio económico dos veciños e veciñas na súa parte de explotación ( aumento da parte variable do canon dun 6 a un 8% e aumento da cantidade fixa de 35.000 € a 70.000 € anuais, prego que quedou enriba da mesa co fin de facer unha comisión e dirimir estas cuestións.
A posición do Bloque Nacionalista Galego, en ningún momento apoiará un prego de condicións que tente quitar beneficios aos veciños e veciñas ( mais que nada por ser eles os perxudicados do impacto ambiental que provoca a instalación do parque ) en apoio de cuestións beneficiosas para os empresarios que pretenden explotar o mesmo, e non apoiará os adiantos económicos que se pretenden de 10 anos ( que son exclusivamente cun afán depredador económico da equipa de goberno, hipotecando no seu momento outros posibles gobernos de Neda ).
E teremos en conta os criterios que a nos nos parecen mais axeitados tanto para a empresa contratante como para os veciños, como son a producción, con alternativas de €/Mega/ano, que nos parece mais equitativo e razoabel, a parte do canon fixo.
NOTA ENVIADA AOS MEDIOS DE COMUNICACION

21.4.08

Teresa Táboas: "Coa polémica destes días cadaquén quedou retratado ante a sociedade galega


Moito obrigado Teresa por concedernos o teu tempo para esta entrevista para a web do BNG. Gustaríanos que explicases que beneficios lle vai reportar á sociedade galega as Normas do Hábitat Galego?
Dende o Departamento que dirixo, como conselleira nacionalista, tiñamos moi claro que había que mellorar as condicións de vida e de habitabilidade das vivendas dos galegos e galegas.
Hai que ter en conta que hai unha norma de deseño do ano 1978 para todo o Estado Español que marca como se teñen que deseñar as vivendas protexidas. É dicir, é unha norma do mesmo ano que a Constitución española, que por certo é das poucas que recolle o dereito a unha vivenda e que, ademais, no artigo 47 rexeita a especulación do solo. E curiosamente, 30 anos despois, aquí en Galiza temos un decreto do goberno galego anterior, do PP, do ano 1992 polo que se reduciru notoriamente a calidade da vivenda. Por exemplo: unha vivenda protexida pola norma do 78, que aínda está vixente, nun edificio de baixo e catro andares obriga a un patio de luces mínimo de 16 metros cadrados. Porén, o decreto do PP do ano 92 permíteo de 9 metros cadrados na vivenda libre.
Polo tanto a cuestión que tiñamos clara é que temos que mellorar as condicións de vida dos galegos e galegas por dous motivos. Por unha banda é o maior investimento que fan a meirande parte das familias porque se quedan hipotecados para 30 ou 40 anos. Teñen que asignar o 50% dos ingresos que entran nunha familia ou unidade convivencial á vivenda, cousa que no resto de Europa está nunha media dun 20%. E por riba teñen unhas vivendas cunha calidade ínfima en canto a iluminación, ventilación, accesibilidade e sustentabilidade.
Polo tanto, había que dar o paso con valentía e fíxose dende unha consellaría do BNG. En Galiza queremos ter normas para vivir que nos acheguen aos países máis avanzados do mundo, non que nos poñen nos países en cola na calidade da vivenda.
Queremos que as vivendas teñen máis luz, que os patios sexan máis luminosos, que os corredores e as portas servan para que poida entrar unha persoa con problemas de mobilidade, que aquelas persoas que deciden vivir soas teñan unha vivenda cun mínimo de 40 metros cadrados, para vivir cun mínimo de dignidade.
Tiñamos claro que queríamos facer ese cambio. O que fixemos logo, foi unha equipa técnica con varios profesores da Escola de Arquitectura (Alfredo Freixedo, Henrique Seoane..), cunha sería de consultores externos, como Manolo Gallego, César Portela, Víctor López Cotelo, co propio presidente do Consello de Arquitectos do Estado.....etc. Estivemos traballando, asesorándonos e cotexando con arquitectos de prestixio. Queriamos tamén unha norma aberta, de participación cidadá e polo tanto cun Comité Asesor de Habitabilidade onde haberá representantes dos arquitectos, dos usuarios, dos promotores, dos concellos., para que esa norma se puidera ir enriquecendo con novas propostas e, ao mesmo tempo, darlle a oportunidade aos arquitectos de innovar e de crear.
Esperades que sexa difícil garantir a súa aplicación?
A aplicación teñen que garantila os concellos, como xa se facía na norma do 92. Son os concellos a través das licenzas de obra e das licenzas de primeira ocupación os que teñen que velar para que se cumpran estas Normas do Hábitat Galego. Que pasa? Que hai concellos con orzamentos moi pequeno e que se ven imposibilitados de pagarlle a un técnico para que faga a revisión dos proxectos. Nós sabendo desa necesidade habilitamos unha partida de 1 millóns de euros no orzamento do 2008 para achegarlle estes cartos.
"Cando non se teñen argumentos sólidos a demagoxia de que van subir os prezos da vivenda é a ferramenta que se utliliza"Agardamos que todos rememos na mesma dirección. O que está claro é que nós, a consellaría de Vivenda e Solo, e eu como conselleira do BNG, temos claro que cando se sabe cara a onde vai un todos os ventos son bos. Nós sabemos cara a onde imos: a mellorar as vivendas de todos os galegos e galegas. Agardo que outros, que levantaron as súas voces críticas cuns intereses moi claros e afastados dos do conxunto da sociedade recapaciten e se sumen a estes novos tempos de cambio para acabar coas falcatruadas que se fixeron en materia de edificación.
Supoño un deses sectores que vai a contracorrente, é parte dos promotores inmobiliarios que agoiran que estas normas van encarecer o prezo da vivenda....
A demagoxia é a ferramenta máis sinxela para utilizar cando non se teñen argumentos sólidos. O prezo da vivenda ten medrado en Galiza até un 300% nos últimos 10 anos. Un incremento exponencial que levou a que moitas persoas quedaran fóra do acceso a unha vivenda e que, se o fixeron, foi cun sobresforzo que nestes momentos está a provocar traxedias pola suba dos tipos de xuro.
Neste sentido, esas voces críticas, que non son máis que demagoxia, o que están defendendo son uns intereses que lles defendía moi ben o decreto do PP do ano 1992. Por iso, Núñez Feijóo promete que se gaña as eleccións vai derrubar as Normas o Hábitat Galego.
Polo tanto, está claro onde está cara un: onde estamos nós e onde están outros. Xa chegaron os temos de que os beneficios do sector inmobiliario se reduzan se comecen a parecer máis aos doutros sectores económicos. A construción ten uns beneficios que rondan o 5% e no sector da promoción houbo momentos en que o beneficio se multiplicaba por 100 e por 200% do que se investía realmente. Que quede claro, de todas as formas, que unha parte do sector da construción si aposta por facer vivenda de calidade.
Hai que salientar que no Estado Español a construción, fundamentalmente adicada ao sector inmobiliario, representa o 15% do PIB. A media da UE está nun 7% e a do país máis rico do Estado Español, Euskadi, está nun 9%. Por iso, temos que ir achegando a eses estándares onde a promoción inmobiliaria sexa un elemento máis da nosa economía pero que non se converta no que se converteu neste momento sen ningún rigor e sen control. Houbo quen tivo a grandísima irresponsabilidade de deixar as políticas de vivenda en mans do mercado libre. E daquela falla de intervención da Administración veñen estes problemas que estamos a padecer.
Este anos destinaremos aos concellos 1 millóns de euros para garantir o seu cumprimentoA oposición de certos promotores era previsíbel, pero tamén agardaba que o PP e o PSOE utilizasen a FEGAMP para boicotear este decreto?
A oposición frontal de certos promotores era previsíbel, sen lugar a dúbidas, porque vían que a súa marxe de beneficios vaise ver reducida. Estamos ante intereses moi importantes que, dalgunha maneira, tamén repercuten nos posicionamentos de certas forzas políticas.
Certos sectores poderosos teñen altofalantes para defenderen os seus intereses e son quen de chegaren os poderes da administración pública. Non embargantes, a sociedade, a xente, non ten ese acceso. Por iso, esas voces escóitanse con tanta forza e son quen de posicionar a certas forzas políticas. Pero no BNG temos claro que quen nos ten que posicionar e por quen temos que traballar é polo conxunto da sociedade, pola xente porque para o que non estamos aquí é para beneficiar a un sector concreto, nin moito menos.
Na polémica destes días coas Normas do Hábitat Galego penso que todos quedaron claramente retratados para a sociedade galega.
Son conscientes de que a sociedade está farta de que a vivenda sexa utilizada como un ben especulativo para beneficio duns poucos. Coas Normas do Hábitat Galego créanse grandes esperanzas na sociedade pero tamén grandes compromisos. Asume este repto?
Si. Efectivamente, créanse na sociedade grandes esperanzas de que hai políticos e políticas que si cremos no cambio, que tentamos facer ese cambio pero tamén grandes compromisos de facer que se cumpran.
Aínda queda moito por facer no noso país no referido ás políticas de vivenda. Nestes momentos estamos a redactar o primeiro plano sectorial do Estado español para vivenda protexida, para habilitar 6 millóns de metros cadrados e que se poidan construír, sobre todo nas grandes cidades que é onde hai máis demanda, un total de 40.000 vivendas nos seguintes seis anos a partir da súa aprobación.
Polo tanto, somos conscientes de que temos que respostar a esta crise económica con medidas. As medidas son solo empresarial, son plans sectoriais de solo residencial e a partir de aí a construción seguirá a ter o seu nicho de negocio, pero as persoas terán, que é o máis importante, vivendas a prezo limitado e de grandísima calidade.
Estes días imos adxudicar as primeiras vivendas que van cumprir coas Normas do Hábitat Galego: son 172 vivendas en Garabolos (Lugo), de promoción pública.
Moito ánimo porque a sociedade galega precisa destas medias.
Ánimo e ilusión porque a ilusión é o que nos fai traballar. Temos que crer que podemos. Temos unha sociedade que o merece porque os seus problemas estiveron durante moito tempo esquecidos polos poderes públicos.

19.4.08

Quintana asegura que "os galegos e galegas están fartos de pagar moito por vivendas de baixa calidade"


O vicepresidente asegurou que a Consellería de Vivenda e Solo non se vai someter a presións nin a chantaxes e o que si vai facer é dialogar con todos para garantir a boa aplicación das Normas do Hábitat Galego
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou hoxe estar convencido de que os galegos e galegas, e “sobre todo a xente máis humilde, a xente con menos posibilidades económicas, está farta de pagar cantidades astronómicas por pisos de moi baixa calidade”. E para rematar con esta situación, o Goberno galego pon en marcha as Normas do Hábitat Galego, que, tal e como explicou Quintana, pretenden asegurar que as vivendas teñan un mínimo de calidade, “que, por exemplo, poidas ter un baño no que poidas entrar, que en vez dun mínimo de dous metros teñan cinco, que haxa uns corredores suficientemente amplos, que as vivendas teñan un mínimo de luz e de aireación, que haxa patios de luces amplos e todo iso é o que pretende o decreto que agora puxemos en marcha”.
"Xa era hora de que a xente con poucos recursos poida acceder a unha vivenda de calidade"O vicepresidente resaltou a necesidade destas novas normas, que teñen que dar resposta a esa necesidade de que a xente estea farta de pagar cantidades astronómicas por pisos de baixa calidade. “Xa era hora que a xente con poucos recursos poida acceder a unha vivenda a un prezo xusto e ademais a unha vivenda de calidade”, asegurou. O vicepresidente Quintana fixo estas declaracións sobre as Normas do Hábitat Galego hoxe en Pereiro de Aguiar durante unha visita á nova galescola deste municipio ourensán.
Non ter vértigo ao cambio
O vicepresidente da Xunta asegurou que non se pode ter vértigo ao cambio, “o cambio, do que tantas veces falamos en Galiza, non pode ser só un cambio de persoas, un cambio de goberno, ten que ser sobre todo un cambio de políticas”. Quintana amosouse convencido de que, maioritariamente, os cidadáns en Galiza reclaman cambios estruturais en moitos aspectos, e entre eles, en materia de vivenda. “E iso é o que estamos a pór en marcha e por iso non nos pode entrar vértigo ao cambio. Dende logo ao BNG non lle vai entrar vértigo ao cambio. Por iso facemos as galescola, por iso fixemos o Banco de Terras, por iso cambiamos o decreto de aproveitamento eólico, por iso estamos a apostar polo deporte de base, e por iso estamos a apostar por unha política de vivenda que garanta vivenda para os que máis o necesitan e ademais vivenda de calidade”.
"Imos dialogar para que a súa aplicación sexa o máis efectiva posíbel"Anxo Quintana asegurou que a Consellería de Vivenda e Solo non se vai someter a presións nin a chantaxes e dixo que o que si vai facer a Consellería é dialogar con todos. Lembrou que as Normas do Hábitat Galego entrarán en vigor o próximo día 17 “e vamos dialogar con todos para que a súa aplicación sexa o máis efectiva e lóxica posible. E cando digo falar con todos, falaremos cos promotores, pero tamén cos veciños, porque supoño que teremos que escoitar a todos, a ver se os veciños queren pisos de calidade ou non”. O vicepresidente recordou ademais que non se pode esquecer que, nos vindeiros anos, o maior promotor de vivenda en Galiza vai ser a Consellería de Vivenda e Solo. “Xa temos posto en marcha o Programa de Vivenda Protexida, que vai supor a posta a disposición de seis millóns de metros cadrados de solo residencial para construír 40.000 vivendas protexidas. Por certo, 40.000 vivendas que se farán de acordo co decreto do hábitat, é dicir, que serán vivendas de calidade”.
Quintana amosouse estrañado ademais de que, agora que se fala de crise do sector da construción, unha crise que é fundamentalmente unha crise financeira, “a min estráñame que os promotores non saian en avalancha protestando e criticando ás entidades bancarias pola súa política de redución crediticia, que si está causando un verdadeiro problema no sector”. O vicepresidente explicou que aí está realmente o problema da situación actual e non en facer pisos de calidade, “porque a iso temos que ir, a facer pisos de calidade, que é para o que son as Normas do Hábitat Galego”.
Declaracións Fegamp
Ao respecto da polémica co dirección da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), “unha polémica coa dirección da Fegamp e non cos alcaldes nin cos concellos”, o vicepresidente asegurou que, unha vez máis, a directiva da Fegamp se equivoca. Ante os xornalistas, Quintana pediulle aos veciños e veciñas de Galiza que reparen nunha cuestión, “o alcalde de Ames, membro da directiva da Fegamp, está en contra do decreto do hábitat; e o alcalde de Allariz, membro da directiva da Fegamp, está a favor do decreto do hábitat. Pois eu pido aos veciños e veciñas de Galiza que comparen o urbanismo e o modelo de cidade de Ames e de Allariz, e saquen a conclusión de onde preferirían vivir”.
Quintana afirmou que considera que, ás veces, hai que pensarse as cousas dúas veces antes de manifestarse en contra de algo que o que pretende é que a xente viva con calidade, e a xente ten dereito a unha vivenda digna a un prezo xusto e de calidade. “Eu penso que a dirección da Fegamp se equivoca porque os alcaldes, sobre todo e ante todo, o que teñen é que velar polos intereses dos veciños, porque teñan unha vivenda de calidade e un urbanismo ao servizo da xente”, dixo Quintana, ao engadir que, pola contra, “os alcaldes, o que non se deben preocupar é por se algún promotor vai reducir un pouco a súa marxe de beneficios, que estou seguro que será capaz de superar esa situación con toda normalidade”.

13.4.08

O nacionalismo une


Esta semana deume unha das maiores satisfacións que pode ter un político nacionalista. A aprobación unánime no Parlamento galego da proposición de lei orgánica para a transferencia do tráfico e da seguranza viaria demostrou, non só, necesidade e máis a utilidade do nacionalismo, senón o seu carácter conciliador e de unión. A pór o País po riba das desputas políticas o nacionalismo foi que de unir aos galegos neste obxectivo.
No debate do Estado da Autonomía do pasado outubro propuxen que fose o propio Parlamento, como representante do pobo galego, o que liderase esta reivindicación. Buscaba así a complicidade común que nace de pertencer ao mesmo pobo. E o tempo deume a razón. Podemos, pois, sentirnos ledos e orgullosos por ter conciliado e unido nesta proposta tamén a socialistas e populares. E velaí temos xa a proposición de lei pendente de se debater no Congreso dos Deputados de Madrid. Escoitaredes a algúns que isto de reclamarmos as competencias de tráfico é un capricho. Que o importante é xestionalas ben, fór dende Galiza ou dende Madrid. Non é certo. As transferencias de tráfico e seguranza viaria permitirán atender as nosas necesidades propias (temos unha rede viaria alongadísima no territorio e máis da metade dos núcleos de poboación de todo o Estado) desde un maior coñecemento da nosa realidade. Gobernar a propia casa sempre é rendíbel. Catalunya e Euskadi son os únicos territorios que autoxestionan estas competencias e teñen menores índices de siniestralidade que a media estatal. E foi particularmente salientábel a baixa de siniestralidade que tivo Catalunya desque asumiu as competencias viarias. A transferencia do tráfico será, pois, un instrumento para xerar máis benestar e calidade de vida. Pero a transferencia do tráfico non se explica só por mellorar e achegar a xestión, por incrementar o noso benestar. O autogoberno non só consiste en xestionar un maior ou menor ámbito de competencias, senón nunha actitude colectiva, como pobo, de nos autoresponsabilizar da xestión dos seus problemas. Esta actitude colectiva é comparábel a das persoas cando chegamos á idade e circunstancias vitais de sermos autónomos. Entón, percuramos gobernarmos a nosa vida, sen que deixemos de manter as máis estreitas relacións coa familia. E supoño que todos e todas estamos dacordo en que as persoas que dan ese paso no seu xusto tempo gañan en autoestima, en autonomía persoal e en madurez. Por iso o autogoberno é, en grande medida, unha cuestión de autoestima e autoresponsabilización. En xuño do 2007 aprobamos a creación da Policía galega. Esta nova transferencia vai permitir que a nosa Policía xestione o tráfico nas nosas estradas. Estaremos, deste xeito, ao mesmo nível ca Euskadi e Catalunya. Melloraremos a xestión, reduciremos progresivamente a siniestralidade e, por iso, xeraremos máis benestar. E tamén faremos visíbel en todos os recunchos do País un símbolo nacional: a Policía galega. Porque para construirmos a Nación precisamos da vontade das persoas que a componen, pero tamén do recoñecemento común dos nosos símbolos nacionais. E un dos caracteres e símbolos dunha Nación é ter unha Policía de seu. Nación e Policía propia van sempre xuntos.


P.D.: Hai que salientar o grande labor o de Chus Lago, secretaria xeral de Benestar da Vicepresidencia da Xunta. Chus demóstranos como se compatibilizan as convicións nacionalistas coa defensa da igualdade das persoas e a integración social de todos os colectivos. Nestes tempos nos que algúns chaman á exclusión, ao medo e á discriminación, Chus apréndenos os valores da solidariedade e da inclusión. Todo un luxo para Galiza.

10.4.08

Neda non merece unha Ordenanza asi

O Mércores 26 de marzo, celebrouse no concello unha sesión Plenaria ordinaria, entre outros temas da orde do día e no ponto 6º ía a ordenanza de conductas cívicas e protección dos espazos públicos.
O Bloque Nacionalista Galego, votou en contra desta ordenanza e tal e como explicamos no Pleno, os motivos, son os seguintes.
Consideramos, que un pobo como o de Neda, tranquilo e solidario, non é merecedor dun regulamento tan estricto e represivo, unha ordenanza que está copiada literalmente da de Castro Urdiales ( non por que veña desa Vila), senón, por que as casuísticas dun pobo como Castro Urdiales ( con 28.000 habitantes ) pouco teñen que ver con Neda ( 5.700 ).
Este é un regulamento que non introduce cuestións concretas de Neda e para Neda.
E por último, a pesar de estar aprobado, dende o BNG, consideramos que en moitos casos é de difícil apricación.

6.4.08

NEDA NON MERECE ESTE ALCALDE


E non digo que o Sr. Cabezón non mereza ser alcalde, pero de Neda non.
O Sr. Alcalde ten unha visión de Neda que pouco se corresponde coa realidade. Desde o seu punto de vista percibe unha imaxe deformada da vila que logo non contrasta cos veciños e veciñas que habitamos o concello.
A maiores da falta de información que padece o alcalde, amosa unha incontinencia verbal indigna de quen ostenta o cargo máis alto de representación municipal.
Como alcalde deste concello, o Sr. Cabezón debería ser o principal defensor da honra e da dignidade de toda a poboación nedense.
Se fora certa a imaxe que el ten de Neda, a súa primeira e principal preocupación debería ser dotar ao concello de todos os servizos da súa competencia, para que a vida diaria no concello discurrise dentro dunhas aceptabeis condicións de dignidade e decencia.
Pero no canto de preocuparse desto, o Sr. Alcalde utiliza os medios de prensa para difundir pola contorna a imaxe deformada que ten do concello, manifestando que o “efecto favela se está adueñando” das rúas de Neda e augurando un futuro de delincuencia para a nosa xuventude.
Non sei como chegou o Sr. Cabezón a formarse esta idea do que supostamente está a acontecer en Neda.
Creo que non é necesario explicarlle a ninguén en que consiste unha favela. Calquera ten a información suficiente para saber que as favelas son asentamentos de poboación marxinais, nos suburbios das cidades, formados por colectivos procedentes en xeral da migración, que sobreviven en condicións límite, sen os servizos básicos de auga, electricidade e saneamento, e con actividades que moitas veces bordean a legalidade.
Aquí chamariamoslle un barrio de chabolas.
Non sei se o Sr. Cabezón ve pola vila de Neda pobreza e lixo, coas casas construídas con materiais de refugallo, e a xente sumida na miseria e no abandono.
De ser así, debería tomar as medidas oportunas para rematar esa situación.
O caso é que o Sr. Alcalde considera que Neda padece un proceso de “favelización”.
E nesta situación, e como corresponde coa súa mentalidade retrógrada, considera que a solución é dotar á Policía Local de máis medios para perseguir aos delincuentes.
Con todas as súas carencias e necesidades, Neda non se parece nin de lonxe a unha favela.
A xente de Neda somos xente corrente, nin bos nin malos senón de todo un pouco.
Poden faltar certas comodidades e determinados servizos, pero somos unha comunidade de convivencia pacífica e ordenada.
Claro que ás veces acontecen pequenos sucesos e, moi de raro en raro, mesmo algún grave. Pero non máis nin menos dos que poden acontecer nos concellos veciños.
Por qué motivos se califica a Neda como “o concello máis propicio para a proliferación do vandalismo”?
Cando se imputan actos vandálicos aos adolescentes “que de maiores se adicarán a outras cousas peores” estáse a decir que os nosos mozos e mozas son potenciais delincuentes?
A solución dos nosos problemas é incrementar as forzas de seguridade?
Non sería máis adecuado tomar as medidas oportunas para que a nosa xuventude dispoña de lugares e actividades nos que ocupar o seu tempo de ocio?
E procurar para toda a poboación a formación necesaria e suficiente para o acceso ao mundo laboral.
Pero vemos que o seu talante é voltar a vellos costumes e prácticas que pensabamos xa caducados.
Sr. Cabezón, non coñece vostede o noso concello nin se preocupa de coñecelo.
Por eso non merece ser alcalde.