29.4.08

Financiarmos o autogoberno

Onte, venres, repasaba eu as miñas notas mentras tomaba un cafeíño rápido e agardaba polo Conselleiro Suárez Canal para a presentación pública do Plan de Dinamización do Medio Rural. Nesas, achegáronse á miña mesa dúas rapazas novas. Reproduzo a conversa:
- Ola, Anxo, desculpa un momentiño… Somos estudantes do último curso de Económicas e estamos a facer un traballo sobre as balanzas fiscais e o financiamento autonómico. No BNG, estades a favor de que se publiquen as balanzas fiscais? - As balanzas fiscais hai que facelas ben. Nesta materia do financiamento cómpre estudar moi ben os números e botar as contas ao dereito. -
Pero, qué lle convén a Galiza?
Financiámonos co que aquí se recada ou precisamos a solidariedade doutras zonas máis desenvolvidas?
- Mirade, o autogoberno significa autoresponsabilidade. Para nos autogobernar temos que contar cun financiamento suficiente e, de poder ser, o máis automático posíbel, que non faga depender a calidade dos nosos servizos nin o desenvolvemento das nosas políticas da decisión anual do Goberno central de subir ou baixar unha suposta cota de solidariedade.
- Xa, iso todo esta moi ben. Pero nos xornais, ás veces, saen informacións dicindo que temos que nos xuntar con Asturias, Castela e León ou Extremadura para impedir que os cataláns ou valencianos impoñan o modelo de financiamento que lles convén.
- Pois no BNG cremos que esa non sería unha boa estrategia porque Galiza non é pobre. Claro, non temos o grao de desenvolvemento da economía catalá e, por tanto, non temos ese exceso de recadación a respecto do custo dos nosos servizos. Mais tampouco é certo que recibamos moito máis do que recadamos. Estamos nun chanzo intermedio, porque o que recadan a Xunta e o Estado por tributación e o que invisten en cadanseus Orzamentos son magnitudes parellas.
- Si, xa sabemos iso. Pero mira, hai moitos galegos cobrando pensión…
- Cobran porque cotizaron aquí, en Suiza ou en Bilbao. A Seguridade Social baséase na caixa única e na cotización persoal. Aquí non pinta nada a solidariedade interterritorial, porque o da pensión é un asunto entre a caixa única e a persoa. Non se pode misturar o asunto do financiamento co da Seguridade Social.
- Entón, Anxo, se o choio é así e nos cederan a recadación do Imposto de Sociedades das empresas que producen aquí e cotizan en Madrid, teríamos cartos dabondo para financiar a autonomía.
- Segundo as nosas contas xa os teríamos agora. Pero é evidente que se o Imposto de Sociedades fose xusto, empresas como CITROEN ou UNIÓN-FENOSA haberían pagar aquí pola renda que gañan porque é aquí onde producen. Iso inxectaría un adicional de cartos moi importante e nos situaría, case definitivamente, no grupo das nacións e territorios que recadan o que precisan gastar de xeito claramente suficiente.
- Pero precisamos da solidariedade dos máis desenvolvidos para que nos paguen a débeda histórica…
- Non, a débeda histórica ou, o que é o mesmo, o pagamento do déficit estrutural que temos é unha cuestión de xustiza e non de solidariedade. Porque este déficit ou débeda xerouse pola falla de investimentos do Goberno central durante unha longa tempada da nosa historia. Por iso o BNG obtivo na lexislatura estatal pasada que os Orzamentos xerais do Estado invistan un 8% dos seus programas de infraestruturas na Galiza, a pesares de sermos só o 6% en termos poboacionais. Pero cómpre que se manteña esta porcentaxe durante uns dez ou doce anos para liquidarmos esta débeda.
-E despois de que nos paguen a débeda, financiarémonos nós sós?
-Despois de que nos paguen a débeda, a nosa economía atoparáse dotada dun capital social básico que nos vai permitir financiarmos o autogoberno cunha marxe suficiente. E exerceremos a autonomía como adultos. Sabedes que cando nos toca marchar da casa temos que botar contas, aforrar nunhas cousas e renunciar a outras. Pero non se pode medrar como persoas se non somos autónomos. Pois aos países pásalles o mesmo…
-Temos que marchar, Anxo. Enviarémosche por email o noso traballo…
-Adeus, moita sorte co traballo e nos exames… Ao marcharen as estudantes aínda tiven un minutiño para seguer a teimar neste tema. Tantas apelacións á solidariedade, non agocharán unha falta de definición que só beneficia ao Goberno central? Por qué aínda hai galegos que pensan que somos e seremos uns pobriños? E que non estamos todos dacordo en gobernarmos a nosa vida? Pero en calquera caso, vivimos tempos de crise e tamén de muda no modelo de financiamento autonómico. No novo modelo algúns queren priorizar a poboación ou o número de inmigrantes. E nós queremos que se teña en conta o avellentamento e o espallamento da nosa poboación (temos máis da metade dos núcleos urbanos do Estado). Tamén queremos que se avalíen outras variábeis que teñen que ver co noso esforzo medioambiental. Teño para mín que a defensa destas variábeis no novo modelo de financiamento só é posíbel desde a negociación bilateral co Estado. De igual a igual, coma Catalunya ou Euskadi. Velaí porque o mércores no Parlamento propuxen o acordo conxunto das tres forzas políticas para reformar a Comisión de Cooperación Xunta-Goberno central e convertela nunha auténtica Comisión Bilateral onde discutamos os investimentos estatais, a súa execución, a liquidación da débeda histórica ou o peso que estas variábeis teñan no noso financiamento futuro.
Porque a batalla do financiamento non a imos gañar facendo alianzas inestábeis e sempre á contra con territorios que non se asemellan para nada á nosa situación e circunstancias. Gañarémola só desde o diálogo e a negociación bilateral co Estado. En clave de país, dando e esixindo respecto institucional. Como adoitan facer as Nacións.
P.D.: Esta semana convídovos a que botedes unha ollada ó traballo que está a facer o meu compañeiro Alfredo Suárez Canal na Consellaría do Medio Rural. Despois de iniciativas transformadoras como a do Banco de Terras, a Mesa do leite ou as unidades de xestión forestal, tiven a honra de presentar con él onte o Plan de Dinamizacióin do Medio Rural. 212 millóns de euros para desenvolver un dos eixos centrais da política do BNG na Xunta contra a crise económica. Que vai permitir que o medio rural, no canto de ser o lugar onde se instale a crise, poida converterse nun espazo xerador de actividade económica e emprego. O traballo serio, o estudo rigoroso e o diálogo coa sociedade definen a boa xestión e a boa política. Grazas, pois, Alfredo.

1 comentarios:

Anónimo disse...

Castro para seres creibeis deberiades facer alusion aos numerosos conflitos que soporta o departamento do conselleiro Canal. O escandalo da xestion das fundacións por parte dunha empresa propiedade dun concelleiro de Ordes... O autobombo é malo. Non insultes a intelixencia da xente. Ou en boca calada non entran moscas. E o do leite trae cola...