E non digo que o Sr. Cabezón non mereza ser alcalde, pero de Neda non.
O Sr. Alcalde ten unha visión de Neda que pouco se corresponde coa realidade. Desde o seu punto de vista percibe unha imaxe deformada da vila que logo non contrasta cos veciños e veciñas que habitamos o concello.
A maiores da falta de información que padece o alcalde, amosa unha incontinencia verbal indigna de quen ostenta o cargo máis alto de representación municipal.
Como alcalde deste concello, o Sr. Cabezón debería ser o principal defensor da honra e da dignidade de toda a poboación nedense.
Se fora certa a imaxe que el ten de Neda, a súa primeira e principal preocupación debería ser dotar ao concello de todos os servizos da súa competencia, para que a vida diaria no concello discurrise dentro dunhas aceptabeis condicións de dignidade e decencia.
Pero no canto de preocuparse desto, o Sr. Alcalde utiliza os medios de prensa para difundir pola contorna a imaxe deformada que ten do concello, manifestando que o “efecto favela se está adueñando” das rúas de Neda e augurando un futuro de delincuencia para a nosa xuventude.
Non sei como chegou o Sr. Cabezón a formarse esta idea do que supostamente está a acontecer en Neda.
Creo que non é necesario explicarlle a ninguén en que consiste unha favela. Calquera ten a información suficiente para saber que as favelas son asentamentos de poboación marxinais, nos suburbios das cidades, formados por colectivos procedentes en xeral da migración, que sobreviven en condicións límite, sen os servizos básicos de auga, electricidade e saneamento, e con actividades que moitas veces bordean a legalidade.
Aquí chamariamoslle un barrio de chabolas.
Non sei se o Sr. Cabezón ve pola vila de Neda pobreza e lixo, coas casas construídas con materiais de refugallo, e a xente sumida na miseria e no abandono.
De ser así, debería tomar as medidas oportunas para rematar esa situación.
O caso é que o Sr. Alcalde considera que Neda padece un proceso de “favelización”.
E nesta situación, e como corresponde coa súa mentalidade retrógrada, considera que a solución é dotar á Policía Local de máis medios para perseguir aos delincuentes.
Con todas as súas carencias e necesidades, Neda non se parece nin de lonxe a unha favela.
A xente de Neda somos xente corrente, nin bos nin malos senón de todo un pouco.
Poden faltar certas comodidades e determinados servizos, pero somos unha comunidade de convivencia pacífica e ordenada.
Claro que ás veces acontecen pequenos sucesos e, moi de raro en raro, mesmo algún grave. Pero non máis nin menos dos que poden acontecer nos concellos veciños.
Por qué motivos se califica a Neda como “o concello máis propicio para a proliferación do vandalismo”?
Cando se imputan actos vandálicos aos adolescentes “que de maiores se adicarán a outras cousas peores” estáse a decir que os nosos mozos e mozas son potenciais delincuentes?
A solución dos nosos problemas é incrementar as forzas de seguridade?
Non sería máis adecuado tomar as medidas oportunas para que a nosa xuventude dispoña de lugares e actividades nos que ocupar o seu tempo de ocio?
E procurar para toda a poboación a formación necesaria e suficiente para o acceso ao mundo laboral.
Pero vemos que o seu talante é voltar a vellos costumes e prácticas que pensabamos xa caducados.
Sr. Cabezón, non coñece vostede o noso concello nin se preocupa de coñecelo.
Por eso non merece ser alcalde.
6.4.08
NEDA NON MERECE ESTE ALCALDE
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 10:08 da manhã
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentarios:
Neda merecia a Abel, pero dende que o botachedes fora por denunciar a xenofobia de alguns dirixentes do bng, fixechedes boa calquer alternativa ao bng.
Enviar um comentário