30.9.08

"Astano non hai optimismo sen futuro", un artigo de Fernando Blanco Parga

Vén de informarnos o Diario de Ferrol que, segundo declaracións do Presidente da Sepi, Sr. Martínez Robles, a UE vai arquivar os expedientes abertos a Izar polas axudas consideradas ilegais, sen que aínda saibamos que axudas recibíu -se foi algunha- o estaleiro de Fene, a pesares de que a instancias do BNG existe unha posición do Parlamento Galego solicitando esta información. Paradoxalmente, o Sr. Martínez Robles anuncia que o arquivo dos expedientes non significa a volta do estaleiro de Fene á construción naval civil; continuando esta penalización ata o 2015.
Estes anuncios prodúcense nun momento de fonda crise económica, que producirá un incremento do paro e no que, a pesares disto, o sector naval civil galego mantén a maior carga de traballo da súa historia recente; os estaleiros de Vigo teñen problemas para contratar máis buques polas limitacións das súas instalacións, algo que non sucede en Perlío.
Ao longo desta lexislatura, producíronse no Parlamento Galego numerosos debates - máis dunha ducia- que tiveron a situación da antiga Astano como argumento. Non hai dúbida que a aposta feita no seu día pola actual Consellaría de Innovación e Industria favoreceu que o naval de Fene non fose un tema esquecido, nin do pasado e, pola contra, a pesares das decisións do Goberno Central -tanto do PSOE como do PP- a falta de carga de traballo propia de Astano dende 2003, estivese ben presente na vida política.

Curiosamente, ningunha destas iniciativas parlamentares foi a iniciativa do PSOE, e quizais a explicación podémola atopar nun dos últimos debates parlamentares sobre este tema. Nesa ocasión, a representante do PSOE amosou unha certa fartura por ter que seguir falando, unha e outra vez, de Astano. Veu afirmar que seguir coa teima de Astano era igual a trasladar pesimismo á sociedade de Ferrolterra cando ésta, na súa opinión, vive unha fase de grande optimismo e, como fundamento da súa posición, deu lectura aos últimos resultados electorais na comarca: Alcaldías de Ferrol, Fene e As Pontes do PSOE.

O problema é que o optimismo, que sempre gusta a todos/as, tense que confirmar con feitos. Feitos tan necesarios nunha vila con perda de poboación moza, con plans industriais fantasmais, e onde os prazos de infraestruturas nunca se cumpren. Mais tamén é certo que os resultados electorais foron os que dicía a representante do PSOE, aínda que os comicios están suxeitos a moitas cuestións e reducir ou ligar un certo éxito a que Astano non traballe, ou non se fale dese tema, é síntoma dunha grande pobreza argumental e unha falta de responsabilidade política.
Por iso, esta reflexión -máis agora cando vemos como gobernos de diferentes Estados interveñen para evitar a quebra de determinados bancos- prantexa o interrogante de por que o Estado español non intervén para lograr a volta de Astano á construción naval civil, nun momento de importante carga de traballo. ¿ Ou chegaralle tamén ao Goberno do Estado co resultado das eleccións municipais?

Resulta evidente que, por riba das contendas electorais, a nosa comarca merece e necesita medidas políticas na defensa do se tecido económico e, en definitiva, na defensa do dereito a vivirmos do noso traballo. Nun ciclo alcista do mercado da construción naval - que leva mesmo a un nivel histórico de contratación dos asteleiros galegos - e perante unha situación de crise económica como a que estamos a vivir; manter o veto á construción naval civil en Astano constitúe un verdadeiro acto delictivo.
Neste momento histórico, as forzas sociais da comarca e a propia cidadanía deben de recuperar o protagonismo na defensa da nosa economía e na demanda das solucións políticas para recuperarmos o que nos pertence: o dereito a producir e o dereito a traballar. Desde logo, polo BNG non vai quedar.

21.9.08

TEGA e PP, rexeitan debatir os problemas dos veciños no Pleno

No último Pleno, celebrado o pasado xoves día 18, o Grupo do Bloque Nacionalista Galego, presentaba por vía de Urxencia, dúas mocións, mocións que xa foran presentadas por rexistro no Concello e rexeitadas na Comisión de Asuntos de Pleno por TEGA e o PP.
As mocións, que ían referidas, unha á creación dunha comisión, onde participaran os veciños e os grupos políticos, para tentar solucionar a problemática existente polo tema do trasporte no Puntal.
E a segunda moción,para que no (P.O.S.), PLAN DE OBRAS E SERVIZOS da Deputación Provincial. , plan que para este ano ten unha partida orzamentaria de 139.878,55 €, fora incluída a ampliación do saneamento da Parroquia de Anca.
Ambalasdúas, aprobadas polos grupos BNG,PSOE e E.U.e rexeitadas por PP e TEGA, que teñen maioría no concello.
Esta postura demostra o pouco interés que por parte do PP e TEGA existe para tentar solucionar os problemas dos veciños.
No caso do transporte ao Puntal e máis grave, xa que é un tema que ven do ano 2.004, de cando o Sr. Nuñez Feijoo, era o responsábel da área de Transportes da Xunta de Galicia.

4.9.08

O BNG reclama que o transporte chegue a O Puntal

Dende vai moitos anos, o Lugar do Puntal, no Concello de Neda, foi quedando aillado do resto do concello e da Comarca, como consecuencia das iniciativas económicas, tomadas polas empresas, que xestiona o Servizo e tamén polo pouco interés político que se ven demostrando polos organismos supramunicipais.

Os veciños desta zona do Concello, reclamaron en multitude de ocasións, tanto ao concello como á Xunta de Galicia e á empresa concesionaria, a situación que se estaba a vivir e por outro solucións para este problema.

En varias ocasións tanto o goberno municipal anterior como o actual, tiveron reunións cos organismos correspondentes e coa empresa concesionaria , neste último caso a empresa concesionaria fixo unha proposta que non é asumibel non so polo goberno de Neda sinon que tampouco polo BNG., sendo rexeitada, pero pese a todo isto os veciños do Puntal seguén a estar incomunicados.

Tamén no seu momento e coa sinatura do convenio de Transporte Metropolitano, (convenio polo cal o Concello debe facer unha aportación económica anual) os veciños pensaron que escomenzaba o proceso de solución do problema, pero transcorridos máis de 3 anos, estamos como ao principio.

No vindeiro Pleno a celebrar no mes de setembro ( xoves 18 ), o BNG, vai levar unha moción.

Moción na que o BNG, pedirá a creación dunha Comisión, co fin de tentar dar solución a este problema, que viven os veciños do Puntal ( que non teñen transporte nin para ir ao Centro de Saúde, á Botica ou ás tendas de ultramarinos,( para a súa merca diaria )

Que se exixa o cumplimento do acordo asinado no seu momento, e que o o Bus de Transporte Metropolitano nº 2, Porto –Neda ( chegue ao Puntal ).

O BNG, levará tamén ao Parlamento Galego, unha iniciativa parlamentaria, neste mesmo sentido.