21.3.10

Carlos Aymerich: “Núñez Feijóo usa os parados galegos para pavimentar a chegada de Rajoy ao poder”


O nacionalista Carlos Aymerich liderou boa parte das críticas da oposición ao Goberno de Feijóo no recente Debate sobre o Estado da Autonomía. Cando xa se cumpriu o primeiro ano dos catro da lexislatura, o voceiro parlamentario do BNG considera que “queda demostrado que esta Xunta non está á altura do país”.



Que sensacións lle deixou o Debate?

A conclusión fundamental é que temos que cambiar o regulamento para evitar espectáculos como o dado coas resolucións. E logo o debate en si amosou a un Núñez Feijóo que fuxiu das contas, nunca falou do feito nos doce meses que leva na Xunta, o que é unha fuxida permanente cara diante, na que non se cumpre o prometido pero se anuncian novos plans que seguramente tampouco se cumprirán.



Na primeira xornada do Debate fíxose visible certa crítica conxunta de Bloque e PSOE, como representando unha alternativa. Pero no día das resolucións xa volveron algunhas divisións.

Eu teño falado con moitos amigos do PSOE de que o Bloque non pode facer toda a oposición el só. Nas resolucións fálase de xeometría variable, e Feijóo está cómodo no medio da roda, pactando con uns as caixas e cos outros o territorio e a demografía. Pero nas caixas non hai un pacto, hai unha lei do BNG que foi apoiada polo PP. Eu xa dixen no debate que Feijóo é o responsable do que suceda agora. O que non pode facer é culpar a outros da súa falta de habilidade ou de firmeza. Neste país xa imos fartos de culpabilidades colectivas. Cando vetou o Estatuto tamén dixo que a culpa era de todos e non, era súa. E se o das caixas fracasa será porque non pon toda a carne no asador, non recorre o FROB nin ten a forza suficiente dentro do seu partido para cambiar a opinión do PP estatal, que é a mesma que a do PSOE, a favor dun reparto do mapa financeiro en dúas grandes áreas de influencia, unha para cada partido. Feijóo ten que pasar das palabras aos feitos. O que si nos sorprendeu máis foi o pacto polo territorio. Estes días temos en Barreiros o que significa ese pacto, que envía a mensaxe de que se pode construír ilegalmente en terreo rústico, que non vai haber sancións.



Vai dar batalla co territorio o Bloque ao mesmo nivel que coas caixas?

O BNG está para defender este país e se non o facemos sobramos, porque para esnaquizalo hai outros, mellores que nós niso. Nós non temos unha versión idílica do territorio nin pensamos que non hai que facer nada de nada, nós estamos porque haxa desenvolvemento e industria, pero dentro dun desenvolvemento racional do territorio, con respecto absoluto polo medio ambiente. O que non pode ser é que esa ordenación comece polo tellado. Se xa existe moita dispersión na poboación teremos que mirar de non aumentala, e a reforma que pactaron PP e PSOE por exemplo non axuda a ese propósito. Fan unha reforma exprés da Lei do Solo para legalizar todos os desmáns que Feijóo permitiu cando era conselleiro, cos Gobernos de Fraga. A este paso, cando haxa directrices da ordenación do territorio xa non vai haber territorio que ordenar. Constatamos que hai unha política moi lesiva para o país, claramente inspirada polo PP e por Agustín Hernández, que é o representante dos promotores e dos grandes construtores no Goberno. E agora o PSOE avala iso, e eu o lamento, porque así volve aos anos do sindicato de alcaldes e de seguir as ordes de Madrid, como nos tempos de Francisco Vázquez. Así vai ser difícil presentar unha alternativa ao PP.



Foi iluso o BNG coas caixas?

Non, sempre fomos conscientes de que isto era un tema complicado, consensuado por PP e PSOE en Madrid, que queren centralizar o poder financeiro e acabar convertendo as caixas en bancos. Iso non é fácil movelo. O que me pregunto é porque o PSOE pacta co PP por Cajamadrid, asumindo que ese era un tema central, pero en Galiza non, o que merece unha explicación, como merece unha explicación que Feijóo non se decida a aplicar a lei, non está actuando de acordo co mandato parlamentario segundo o cal ten que impugnar o FROB. E tamén ten que facerse respectar en Madrid e para iso ten que respectar primeiro a Galiza, o que non se consegue desprezando a lingua ou o autogoberno ou máis preocupado no que din os foros madrileños que no que lle ocorre aos galegos.



No Debate, Feijóo traduciu a Castelao pero definiuse como “galeguista”. Hai unha perversión do diccionario?

Isto lembra á neolingua da que fala Orwell en 1984. Eliminan os libros de texto gratis pero lle chaman gratuidade solidaria cando é todo o contrario; eliminan os servizos públicos e lle chaman austeridade; incrementan a débeda e lle chaman saneamento; atacan a lingua, a cultura e a identidade galega e falan de equilibrio e cordialidade. Feijóo usa os problemas dos galegos e os nosos parados para pavimentar a chegada do PP ao poder en Madrid. Logo di iso da Galiza global e debe referirse á subvención para que Caramelo envíe a China a súa produción. Isto é o que temos.



Seguen firmes en contra do decreto do galego do PP malia que agora é defendido como “equilibrado”.

O 50-50 que propoñen non é o equilibrio que sinala o Plan de Normalización, que fai referencia a un mínimo da metade do horario lectivo. Agora haberá un 50% excluídos os idiomas. E logo, ese suposto equilibrio ata se podería aceptar se houbese tamén equilibrio nos medios de comunicación, nas relacións comerciais, na administración, nos outros aspectos da vida, porque un non se socializa só na escola. Pero a escola está para correxir os desequilibrios. Se na sociedade hai unha desigualdade evidente entre galego e castelán iso non se vai solucionar cun falso equilibrio na escola. Tratar como iguais aos que non o son tamén é discriminar. E hai máis temas moi graves. En infantil, un neno nun entorno castelán falante non vai ter ningún contacto co galego na escola e seguramente tampouco na vida diaria. Iso é equilibrio? Pero é que ademais, logo está iso de escoller a lingua na que falan ao profesor. Nunca houbo ningún problema por iso, pero o normal en termos pedagóxicos é que se faga o exame no idioma no que se imparte. Todo isto non é algo que só diga o BNG. Feijóo cometeu un erro de cálculo, xa levou tres avisos e agora está só, porque defendendo a lingua está tamén o PSOE, nunha postura que o honra, está a Real Academia, está o Consello da Cultura, están os colexios relixiosos concertados, están as asociacións de renovación pedagóxica, os sindicatos, todo o mundo menos Feijóo, Galicia Bilingüe e Rosa Díez, que están no outro lado.



A reforma do Estatuto é unha causa perdida nesta lexislatura?

Non, non renunciamos a que esta lexislatura poda ser a do Estatuto, pero estamos no de sempre, que Estatuto? Feijóo xa o vetou unha vez e agora é o responsable de que teñamos un financiamento inxusto, xa que non regulamos eses mínimos como si fixo por exemplo Cataluña. E agora Feijóo segue no de sempre: xa o plantexaremos cando saia a sentenza do Estatut. El chegou a dicir que a reforma do Estatuto galego era imprescindíbel en termos políticos, pero chegou Rajoy, dixo que non é unha prioridade para Galiza e todo pasou a mellor vida. O BNG ten claro que quere un Estatuto para crecer, que manteña o noso estatus gañado hai trinta anos, xunto a Euskadi e Cataluña e iso significa que o texto ten que recoñecer o noso feito nacional, ten que recoñecer o dereito a uns servizos sociais públicos, porque para iso vale un Estatuto tamén. Tería que blindar as nosas competencias e tamén igualar a nivel legal a galego e castelán, como pediu o propio Xesús Palmou en Xornal, para que os que falamos galego teñamos os mesmos dereitos que os que falan castelán, algo que agora non ocorre.



Os tres grupos veñen de asinar unha resolución para loitar contra a crise. Porén, este tipo de acordos adoitan xerar moito escepticismo.

Eu tamén son bastante escéptico sobre este tipo de resolucións porque no discurso de investidura Feijóo prometeu trinta plans e non fixo ningún. El queixábase de que no último ano do bipartito medrara o paro en 15.000 persoas, e agora con el foi o dobre, 30.000. E non di nada sobre o que vai facer para atallar esta sangría. Isto debemos de cambialo, porque aprobar resolucións sen que haxa logo un mecanismo de seguimento e cumprimento non avanza nada. Pero tamén é moi chusca esta que aprobaron sobre o impulso demográfico.



Fraga dicía que os galegos tiñan que poñerse a facer fillos.

Eu prefiro o que dicía John Kenneth Galbraith cando Ronald Reagan quixo adornar a súa política neoliberal dicindo que había que defender as familias e este contestoulle que se preocupara de ofrecer uns bos servizos públicos, unha boa educación, unha boa sanidade, que se hai iso as familias xa se defenden soas e farán os fillos que queiran. E agora, o PP fala de impulso demográfico cando pecha galescolas, non abre centros de día... cun desemprego e unha precariedade laboral con cara de muller nova. De este xeito cal vai ser o impulso demográfico? Cando Fraga falara daquilo, cun discurso terrible que viña a dicir algo así como que cando as mulleres se liberan deixan de facer fillos, se creara un equipo de traballo e elaborara un informe que logo o PP non aprobou porque falaba precisamente diso, da necesidade de incrementar os servizos públicos para mellorar a demografía.



Vaise manter a tensión deste primeiro ano o resto da lexislatura?

Creo que Feijóo desperdiciou a cuarta parte do seu mandato dividindo ao país, e este non era un ano calquera, é o único que tiña sen eleccións. E nun ano que é o primeiro, o de maior enerxía, sen comicios, que pode ser o máis propicio para introducir acordos e propostas constatamos que o que fixo foi un desperdicio...ada indica que o ano que vén, con municipais, vaia baixar o diapasón, máis ben todo o contrario. Ademais, Feijóo chegou como o gran pacificador, o que ía domar e castrar ao sector da boina e logo a Galiza. E vemos como un ano despois, as augas dentro do PPdeG non baixan tan calmas e na sociedade galega hai moita máis contestación da que esperaba. Porque ademais Feijóo tolera escándalos democráticos como as prácticas dos Baltar en Ourense ou as de Louzán en Pontevedra, coas súas mocións de censura con tránsfugas.



As municipais están preto.

Estamos traballando para melloren resultados e para ter un BNG que poida aproveitar ese sentimento de orfandade que teñen agora moitos votantes do PSOE que non se recoñecen con este PSOE de Pachi Vázquez, que pacta legalizar todas as desfeitas urbanísticas. Hai moita xente que empeza a mirar para o BNG e temos que facernos merecedores da súa confianza.



Por iso o BNG non celebrará asemblea este ano?

Nós (a corrente Máis Galiza) cando falabamos dunha asemblea antes da municipais sempre dixemos para que a queríamos e como a queríamos. Agora, cando aínda non pasou un ano da anterior, se non chegamos a ela cun mínimo de consenso previo podería ser moi negativo. Queríamos unha asemblea que servise para proxectar un BNG unido e pechase as feridas da última, pero non unha de confrontación ás portas dunhas municipais nas que o Bloque se xoga moito, incrementar a presenza nos concellos pero algo máis.



Que é ese “algo máis” que se xoga o BNG nas locais?

Pois que o Bloque poida saír das municipais con forzas para botar a Feijóo da Xunta

7.3.10

POLA ABOLICIÓN DO 8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

O título deste artigo é coma aquel anuncio que dicía “cervexa gratis” e despois aclaraba: “agora que captei a súa atención…” Dende sempre as mulleres estivemos obrigadas a captar a atención sobre os nosos problemas, inquedanzas, sentimentos… O mundo masculino céntrao todo e, ás veces, chega un punto no que a pretendida igualdade se refire a “converterse” nun home. Un compañeiro meu dicíame hai un tempo: “Sodes iguais que os homes? E pensaredes que sodes gran cousa!”. Pois aquí está a diferenza. Nin somos homes nin queremos selo. A nosa loita é pola posibilidade de decidir en igualdade de condicións o que queremos ser, no que queremos traballar, o que queremos estudar…, sen esquecer o que nos fai diferentes pero non desiguais.
A conmemoración do 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora ten unha orixe algo controvertida pero non radica nun acontecemento illado, senón que debemos situalo nun contexto histórico e ideolóxico moito máis amplo. A comezos do século XX, moitas mulleres incorporáronse ao traballo nas fábricas nunhas condicións moi duras: xornadas laborais moi longas, de doce e máis horas, recibindo salarios inferiores aos dos homes. A medida que as mulleres se ían incorporando ao mundo laboral, facíase máis evidente que aquela situación non era xusta, e pouco a pouco comenzaron a organizarse. Sóense tomar como referencia dous feitos. Por unha banda, a protesta das traballadoras da fábrica téxtil Cotton de Nova York que rematou con 129 mulleres mortas e, por outra, a decisión da líder do movemento alemán de mulleres socialistas, Clara Zetkin, de converter esta celebración nunha festividade. Estes son dous feitos puntuais pero o 8 de marzo é unha xornada de reflexión sobre o longo camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.
O obxectivo final da igualdade aínda non se conseguiu, e para elo simplemente temos que remitirnos aos datos de desemprego, horas de traballo dentro do fogar e fóra del, posición laboral, soldos, abusos, agresións, etc. Aínda queda moito por facer e hai marxe para mellorar o apoio ás familias no ámbito salarial, fiscal e educativo: equiparación salarial, mellorar as prestacións fiscais por fillos, ampliar a educación gratuíta aos cero anos para favorecer a incorporación da muller ao traballo... As conquistas foron moitas pero queda dabondo por facer. Nos momentos de crise económica as mulleres seguimos a ser as máis prexudicadas. Un dos primeiros prexuízos que se causa ás mulleres no relativo ao emprego é non considerar como “traballo” a cantidade de horas e esforzo adicado ao coidado da casa e da familia. Son maioritariamente mulleres as que levan a cabo ese traballo sen que o seu labor sexa recoñecido socialmente nin valorado economicamente. Tamén cando consideramos o traballo remunerado vemos que son as mulleres as que sofren unha taxa máis elevada de paro, de temporalidade e inestabilidade no emprego, de xornadas a tempo parcial, de menores salarios, etc. Os últimos datos do paro amosan un desemprego de 107.613 homes fronte a 124. 015 mulleres na Galiza (datos do Servizo Público de Emprego Estatal para xaneiro de 2010).
Cómpre preguntarse como actúan fronte a este panorama as institucións e as leis. A resposta é que as leis prohiben a discriminación das mulleres con carácter xeral e, concretamente, no emprego alomenos en teoría. Mais isto non é suficiente, precísanse actuacións coordinadas a diferentes niveis. Un dos aspectos a miúdo esquecido é o da educación.
Toda a poboación pasa pola escola e esta debe transmitir os valores compartidos tendentes á defensa da non discriminación, a paz e a convivencia. As administracións educativas, profesorado, ANPAS… deben establecer como obxectivo prioritario o fomento da igualdade real entre homes e mulleres, fomentando a coeducación, a valorización do femenino, facendo desaparecer a segregación por sexos, facilitando o acceso das mulleres aos estudos tradicionalmente masculinos, facendo visibles as mulleres que fixeron historia no literario, no científico, no deportivo… Sinxelamente amosar en igualdade de condicións a homes e mulleres. Se conseguimos levar a cabo esta tarefa compartida, estaremos a camiñar cara a unha igualdade real e interiorizada na que as nosas cidadás e cidadáns se comporten como tales e camiñen cara unha sociedade na que o primeiro sexa a xustiza social.
(*) Jéssica Fernández Polo é responsable de Muller Galiza Nova Ferrolterra

2.3.10

O BNG denuncia 'marxinación' nos informativos da TVE

O deputado nacionalista galego considera demostrado "que nos últimos meses, no canto de ofrecer unha información plural de todas as forzas do arco parlamentario", TVE "marxina" as formacións que, como o BNG, "son nacionalistas e non dan soporte ao Goberno".

Como exemplo "dunha liña informativa sectaria que atenta contra o dereito dos cidadáns a unha información plural, contrastada e veraz", Jorquera salienta o debate do Congreso sobre a situación económica, do pasado 17 de febreiro. Segundo denuncia, non se informou da intervención do portavoz do BNG, pero "si doutros partidos do grupo mixto como Coalición Canaria ou UPyD", con menos representación.

Estas mesmas circunstancias repetiuse na reunión entre o Goberno central e os distintos partidos políticos celebrada o pasado 25 de febreiro para impulsar un pacto de Estado contra a crise, onde na comparecencia posterior "o representante do BNG foi de novo excluído no informativo de mediodía de TVE, e non así con UPyD ou CC", segundo indica a formación frontista.

Francisco Jorquera estima "canto menos curioso" o criterio dos directores de TVE, xa que, tanto nun caso como noutro, o BNG é a forza política con máis representación: "209.042 votos nas últimas eleccións xerais fronte aos 164.255 de Coalición Canaria e dous deputados fronte a unha deputada de UPyD".

1.3.10

Gobernar ou ter poder

Puidérase pensar que o exercicio de goberno leva ineludiblemente aparellada a posesión democrática do poder. Ou que ostentar o poder só ten sentido se se utiliza para exercer democraticamente os labores de goberno. Dende o meu punto de vista, a historia recente do país e o primeiro ano de goberno do señor Feijóo, amosan que non sempre se cumpre a lóxica da norma.

Galiza tivo entre xuño de 2005 e marzo de 2009 un goberno disposto a gobernar ou, o que é o mesmo, un goberno disposto a tomar decisións en función do proxecto que ofrecera aos cidadáns. As medidas de protección do litoral e de freo da degradación urbanística, o aumento exponencial do investimento en educación e a gratuidade dos libros de texto, a construción dunha rede pública de servizos sociais e de organismos estables de colaboración coma o Consorcio, a nova ordenación dos aproveitamentos enerxéticos eólicos, a Lei do Banco de Terras, o Plan Sectorial de Vivenda Protexida, o Decreto do Hábitat, as Seleccións Deportivas Galegas, as Galescolas,… Todas elas, xunto coas accións promovidas no ámbito sanitario, na promoción do emprego ou na defensa da nosa identidade cultural, provocaron transformacións positivas no país, en coherencia co programa de cambio ofertado á cidadanía. Houbo equivocacións, como é normal, pero sobre todo houbo goberno.

O bipartito gobernou, pero o bipartito non ostentou o poder. O poder nunha sociedade avanzada está repartido entre diferentes estamentos (non todos elexidos democraticamente) e, en termos políticos, osténtao aquel que é capaz de impor a súa interpretación da realidade no día a día. Esa capacidade sempre estivo en mans do Partido Popular, non só pola súa fortaleza política e social, senón sobre todo, pola súas articulacións económicas, financieiras e mediáticas. O PP usou o seu poder para impor a apreciación interesada dun Goberno galego causante da crise, despilfarrador e dividido. Un debuxo falseado da realidade que se abriu paso tamén pola incapacidade de PSOE e BNG para facer unha lectura acaída da situación política e enfrontarse a ela. Así, trala campaña máis sucia da historia da democracia, o PP chegou democraticamente ao goberno. Pero chegou para ocupalo non para exercelo. Porque non se pode chamar gobernar a destruír o feito por outros sen aportar proxectos alternativos de futuro (non podemos esquecer que a saña con que se ten empregado Feijóo na privatización dos centros de día do Consorcio ou na desaparición das Galescolas vai acompañada duns orzamentos nos que se consignan cero euros para novas instalaciónns de benestar ou educación infantil). Porque a política urbanística de “ti vai facendo”, tan extendida no mundo municipal, e agora abrazada tamén pola Xunta, pode recibir aplausos tan populistas como efímeros. Pero iso non é gobernar, é mentir botándolle a culpa dos nosos males urbanísticos ás medidas de protección postas en marcha nos últimos tres anos e medio, no canto de atribuírllas a desregularización e abandono dos vinte anos anteriores. Porque o vitimismo chorón pode servir para tentar xustificar a falla de avances no noso autogoberno, pero non pode ocultar a falla total de estratexia gubernamental en relación coa Administración do Estado, que se pretende agochar botándolle a culpa de todo a Madrid, nun enfrontamento tan pueril como inútil. Teñen o poder pero non gobernan, nin toman decisións, nin saben en que dirección tomalas. Con todo, teñen poder económico, financieiro e mediático para ir tirando, e mesmo, ás veces, permítense o luxo de facer exactamente o contrario do que prometían, pasando de abrazar o ultraliberalismo financeiro máis ramplón a defender a intervención pública nas caixas. E ao mesmo tempo que en Madrid organizan o reparto do control das entidades de aforro entre as forzas políticas estatais, aquí intentan convencernos dun galeguismo financeiro que polo visto non ten o seu referente no Parlamento Galego senón… no andaluz!

Nunha cousa si cumpriu Feijóo: dixo no seu discurso de investidura que traballaría para conseguir “a unión de todos os galegos en torno a unha idea conxunta e compartida do país que queremos”. A súa cruzada en contra do galego rompendo os fráxiles consensos nesta materia serviu para que aflorara dende a pluralidade unha inmensa unidade cidadá en defensa do noso idioma e da nosa identidade. Quizáis, despois dun ano, ao señor Feijóo xa non lle funcionen tan ben os resortes institucionais, políticos, financieiros e mediáticos para impor a súa interpretación da realidade. E ese é o primeiro paso para perder o poder. O goberno nin o exercen nin o queren.