Puidérase pensar que o exercicio de goberno leva ineludiblemente aparellada a posesión democrática do poder. Ou que ostentar o poder só ten sentido se se utiliza para exercer democraticamente os labores de goberno. Dende o meu punto de vista, a historia recente do país e o primeiro ano de goberno do señor Feijóo, amosan que non sempre se cumpre a lóxica da norma.
Galiza tivo entre xuño de 2005 e marzo de 2009 un goberno disposto a gobernar ou, o que é o mesmo, un goberno disposto a tomar decisións en función do proxecto que ofrecera aos cidadáns. As medidas de protección do litoral e de freo da degradación urbanística, o aumento exponencial do investimento en educación e a gratuidade dos libros de texto, a construción dunha rede pública de servizos sociais e de organismos estables de colaboración coma o Consorcio, a nova ordenación dos aproveitamentos enerxéticos eólicos, a Lei do Banco de Terras, o Plan Sectorial de Vivenda Protexida, o Decreto do Hábitat, as Seleccións Deportivas Galegas, as Galescolas,… Todas elas, xunto coas accións promovidas no ámbito sanitario, na promoción do emprego ou na defensa da nosa identidade cultural, provocaron transformacións positivas no país, en coherencia co programa de cambio ofertado á cidadanía. Houbo equivocacións, como é normal, pero sobre todo houbo goberno.
O bipartito gobernou, pero o bipartito non ostentou o poder. O poder nunha sociedade avanzada está repartido entre diferentes estamentos (non todos elexidos democraticamente) e, en termos políticos, osténtao aquel que é capaz de impor a súa interpretación da realidade no día a día. Esa capacidade sempre estivo en mans do Partido Popular, non só pola súa fortaleza política e social, senón sobre todo, pola súas articulacións económicas, financieiras e mediáticas. O PP usou o seu poder para impor a apreciación interesada dun Goberno galego causante da crise, despilfarrador e dividido. Un debuxo falseado da realidade que se abriu paso tamén pola incapacidade de PSOE e BNG para facer unha lectura acaída da situación política e enfrontarse a ela. Así, trala campaña máis sucia da historia da democracia, o PP chegou democraticamente ao goberno. Pero chegou para ocupalo non para exercelo. Porque non se pode chamar gobernar a destruír o feito por outros sen aportar proxectos alternativos de futuro (non podemos esquecer que a saña con que se ten empregado Feijóo na privatización dos centros de día do Consorcio ou na desaparición das Galescolas vai acompañada duns orzamentos nos que se consignan cero euros para novas instalaciónns de benestar ou educación infantil). Porque a política urbanística de “ti vai facendo”, tan extendida no mundo municipal, e agora abrazada tamén pola Xunta, pode recibir aplausos tan populistas como efímeros. Pero iso non é gobernar, é mentir botándolle a culpa dos nosos males urbanísticos ás medidas de protección postas en marcha nos últimos tres anos e medio, no canto de atribuírllas a desregularización e abandono dos vinte anos anteriores. Porque o vitimismo chorón pode servir para tentar xustificar a falla de avances no noso autogoberno, pero non pode ocultar a falla total de estratexia gubernamental en relación coa Administración do Estado, que se pretende agochar botándolle a culpa de todo a Madrid, nun enfrontamento tan pueril como inútil. Teñen o poder pero non gobernan, nin toman decisións, nin saben en que dirección tomalas. Con todo, teñen poder económico, financieiro e mediático para ir tirando, e mesmo, ás veces, permítense o luxo de facer exactamente o contrario do que prometían, pasando de abrazar o ultraliberalismo financeiro máis ramplón a defender a intervención pública nas caixas. E ao mesmo tempo que en Madrid organizan o reparto do control das entidades de aforro entre as forzas políticas estatais, aquí intentan convencernos dun galeguismo financeiro que polo visto non ten o seu referente no Parlamento Galego senón… no andaluz!
Nunha cousa si cumpriu Feijóo: dixo no seu discurso de investidura que traballaría para conseguir “a unión de todos os galegos en torno a unha idea conxunta e compartida do país que queremos”. A súa cruzada en contra do galego rompendo os fráxiles consensos nesta materia serviu para que aflorara dende a pluralidade unha inmensa unidade cidadá en defensa do noso idioma e da nosa identidade. Quizáis, despois dun ano, ao señor Feijóo xa non lle funcionen tan ben os resortes institucionais, políticos, financieiros e mediáticos para impor a súa interpretación da realidade. E ese é o primeiro paso para perder o poder. O goberno nin o exercen nin o queren.
1.3.10
Gobernar ou ter poder
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 4:37 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário