7.3.10

POLA ABOLICIÓN DO 8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

O título deste artigo é coma aquel anuncio que dicía “cervexa gratis” e despois aclaraba: “agora que captei a súa atención…” Dende sempre as mulleres estivemos obrigadas a captar a atención sobre os nosos problemas, inquedanzas, sentimentos… O mundo masculino céntrao todo e, ás veces, chega un punto no que a pretendida igualdade se refire a “converterse” nun home. Un compañeiro meu dicíame hai un tempo: “Sodes iguais que os homes? E pensaredes que sodes gran cousa!”. Pois aquí está a diferenza. Nin somos homes nin queremos selo. A nosa loita é pola posibilidade de decidir en igualdade de condicións o que queremos ser, no que queremos traballar, o que queremos estudar…, sen esquecer o que nos fai diferentes pero non desiguais.
A conmemoración do 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora ten unha orixe algo controvertida pero non radica nun acontecemento illado, senón que debemos situalo nun contexto histórico e ideolóxico moito máis amplo. A comezos do século XX, moitas mulleres incorporáronse ao traballo nas fábricas nunhas condicións moi duras: xornadas laborais moi longas, de doce e máis horas, recibindo salarios inferiores aos dos homes. A medida que as mulleres se ían incorporando ao mundo laboral, facíase máis evidente que aquela situación non era xusta, e pouco a pouco comenzaron a organizarse. Sóense tomar como referencia dous feitos. Por unha banda, a protesta das traballadoras da fábrica téxtil Cotton de Nova York que rematou con 129 mulleres mortas e, por outra, a decisión da líder do movemento alemán de mulleres socialistas, Clara Zetkin, de converter esta celebración nunha festividade. Estes son dous feitos puntuais pero o 8 de marzo é unha xornada de reflexión sobre o longo camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.
O obxectivo final da igualdade aínda non se conseguiu, e para elo simplemente temos que remitirnos aos datos de desemprego, horas de traballo dentro do fogar e fóra del, posición laboral, soldos, abusos, agresións, etc. Aínda queda moito por facer e hai marxe para mellorar o apoio ás familias no ámbito salarial, fiscal e educativo: equiparación salarial, mellorar as prestacións fiscais por fillos, ampliar a educación gratuíta aos cero anos para favorecer a incorporación da muller ao traballo... As conquistas foron moitas pero queda dabondo por facer. Nos momentos de crise económica as mulleres seguimos a ser as máis prexudicadas. Un dos primeiros prexuízos que se causa ás mulleres no relativo ao emprego é non considerar como “traballo” a cantidade de horas e esforzo adicado ao coidado da casa e da familia. Son maioritariamente mulleres as que levan a cabo ese traballo sen que o seu labor sexa recoñecido socialmente nin valorado economicamente. Tamén cando consideramos o traballo remunerado vemos que son as mulleres as que sofren unha taxa máis elevada de paro, de temporalidade e inestabilidade no emprego, de xornadas a tempo parcial, de menores salarios, etc. Os últimos datos do paro amosan un desemprego de 107.613 homes fronte a 124. 015 mulleres na Galiza (datos do Servizo Público de Emprego Estatal para xaneiro de 2010).
Cómpre preguntarse como actúan fronte a este panorama as institucións e as leis. A resposta é que as leis prohiben a discriminación das mulleres con carácter xeral e, concretamente, no emprego alomenos en teoría. Mais isto non é suficiente, precísanse actuacións coordinadas a diferentes niveis. Un dos aspectos a miúdo esquecido é o da educación.
Toda a poboación pasa pola escola e esta debe transmitir os valores compartidos tendentes á defensa da non discriminación, a paz e a convivencia. As administracións educativas, profesorado, ANPAS… deben establecer como obxectivo prioritario o fomento da igualdade real entre homes e mulleres, fomentando a coeducación, a valorización do femenino, facendo desaparecer a segregación por sexos, facilitando o acceso das mulleres aos estudos tradicionalmente masculinos, facendo visibles as mulleres que fixeron historia no literario, no científico, no deportivo… Sinxelamente amosar en igualdade de condicións a homes e mulleres. Se conseguimos levar a cabo esta tarefa compartida, estaremos a camiñar cara a unha igualdade real e interiorizada na que as nosas cidadás e cidadáns se comporten como tales e camiñen cara unha sociedade na que o primeiro sexa a xustiza social.
(*) Jéssica Fernández Polo é responsable de Muller Galiza Nova Ferrolterra

0 comentarios: