2.3.10

O BNG denuncia 'marxinación' nos informativos da TVE

O deputado nacionalista galego considera demostrado "que nos últimos meses, no canto de ofrecer unha información plural de todas as forzas do arco parlamentario", TVE "marxina" as formacións que, como o BNG, "son nacionalistas e non dan soporte ao Goberno".

Como exemplo "dunha liña informativa sectaria que atenta contra o dereito dos cidadáns a unha información plural, contrastada e veraz", Jorquera salienta o debate do Congreso sobre a situación económica, do pasado 17 de febreiro. Segundo denuncia, non se informou da intervención do portavoz do BNG, pero "si doutros partidos do grupo mixto como Coalición Canaria ou UPyD", con menos representación.

Estas mesmas circunstancias repetiuse na reunión entre o Goberno central e os distintos partidos políticos celebrada o pasado 25 de febreiro para impulsar un pacto de Estado contra a crise, onde na comparecencia posterior "o representante do BNG foi de novo excluído no informativo de mediodía de TVE, e non así con UPyD ou CC", segundo indica a formación frontista.

Francisco Jorquera estima "canto menos curioso" o criterio dos directores de TVE, xa que, tanto nun caso como noutro, o BNG é a forza política con máis representación: "209.042 votos nas últimas eleccións xerais fronte aos 164.255 de Coalición Canaria e dous deputados fronte a unha deputada de UPyD".

0 comentarios: