3.5.08

Menores de idade

O BNG ve "inaudito" que o PPdeG desautorice os acordos dos seus alcaldes "Preténdense usar as alcaldías do PP nunha confrontación co goberno e non en beneficio dos veciños”, di Roberto Mera.
O BNG considera inaudito que a dirección do PP "desautorice publicamente os acordos dos seus alcaldes coa Xunta de Galiza". Para os nacionalistas “é evidente que coa súa actuación Núñez Feijoo e Alfonso Rueda, ademais de deixar en ridículo a oito alcaldes, mandan un recado claro aos rexedores do Partido Popular, lembrándolles que as alcaldías do PP deben ser utilizadas como arma de confrontación co goberno galego e non para chegar a acordos beneficiosos para os veciños e veciñas”.
Segundo Roberto Mera, secretario de Acción Municipal do BNG, “detrás do bochornoso e lamentábel espectáculo ofrecido onte por Feijoo e Rueda, hai un claro problema interno no Partido Popular. Por unha banda os alcaldes, pensando nos intereses dos veciños, chegan a acordos coa Xunta positivos para o seu concello e se negan a seguir a estratexia da crispación e o enfrontamento dictada por Feijoo. Por outra banda, a dirección galega do PP pensando nos seus intereses partidarios, pretende utilizar as alcaldías como arma electoral contra a Xunta e o BNG, e decide abroncar publicamente a aqueles alcaldes que non siguen esas ordes e consignas”.
Ademais, o nacionalista considera lamentábel que “os alcaldes do PP se presten a ese xogo aínda a costa da súa propia dignidade. Resulta triste ver a uns alcaldes que se deixan tratar como menores de idade ou incapaces pola dirección do seu partido. Até agora só os menores de idade e os incapaces precisaban de tutela e autorización dos seus titores para obrigarse con acordos. Agora hai que sumarlles os alcaldes do PP”. Nese sentido, o BNG recomendou ao Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, “que cada vez que se reuna cos alcaldes do PP pida unha certificación que acredite que os alcaldes contan coa autorización dos seus titores, Feijoo e Rueda, para asinar acordos coa Xunta”.
No fondo, en opinión do BNG, Feijoo e Rueda, “desde a desesperación e o nervosismo tentan tapar a súa incapacidade como alternativa de goberno recurrindo a unha estratexia de boicot, ataque e crispación contra a Xunta de Galiza e contra as medidas que significan un avanzo histórico no benestar social dos galegos e galegas”. Mera asegura que para executar esa estratexia os dirixentes do PP “non dubidan en utilizar o escaso poder institucional co que contan hoxendía, convertendo os concellos en armas de ataque contra a Xunta e contra o BNG, pensando xa nas eleccións autonómicas de 2009, aínda que sexa a costa de prexudicar aos veciños e veciñas das súas localidades.”
O BNG, por último, recomenda aos alcaldes do PP “que tomen as súas decisións conforme ao que interesa aos seus concellos e veciños e non conforme ás instruccións e ordes partidistas que reciban de Núñez Feijoo e de Alfonso Rueda”

0 comentarios: