31.8.07

Á indiferencia dos gobernantes de Neda, co noso patrimonio municipal


A Consellaría de Cultura quérelles dar o maior nivel de protección aos castros, que polo momento só figuran como bens inventariados. Por iso vai declarar Ben de Interese Cultural, o maior grao de protección, a vinte novos castros, que se unirán aos de Santa Tegra (A Guarda) e Elviña (A Coruña), os únicos que até agora contaban con este recoñecemento.

Nos vindeiros días comezarán os estudos necesarios para definir e delimitar os castros e os seus contornos de protección para posteriormente iniciar os trámites para declaralos BICs de forma individualizada. Neste labor a Consellaría investirá 37.200 euros. Coa información recabada, a Consellaría de Cultura elaborará unha proposta de delimitación de cada un dos castros e do seu contorno, definindo o tipo de protección.

Os traballos incluirán a realización de prospeccións arqueolóxicas intensivas tanto dos xacementos arqueolóxicos como dos seus contornos. Esta actuación abranguerá a zona incluída dentro das estruturas defensivas do xacemento e, tamén, a súa área exterior inmediata. O obxectivo é cubrir a totalidade da unidade fisiográfica que constitúe o castro. Os datos tomados serán de gran precisión: os elementos que forman o castro así como a delimitación do seu contorno cartografiaranse mediante o seu posicionamento en GPS.

Os castros seleccionados
Os castros seleccionados pola Consellaría son aqueles máis sobranceiros tendo en conta criterios de conservación, monumentalidade e calidade do rexistro arqueolóxico:
Punta dos Prados (Ortigueira)
Castro da Cidá de Borneiro (Cabana de Bergantiños)
Castro de Baroña (Porto do Son)
Castro de Neixón (Boiro)
Castro Lupario (Rois/Brión)
Castro de Fazouro (Foz)
Castro de Viladonga (Castro de Rei)
Castro de Santa María do Castro (Cervantes)
Castromaior (Portomarín)
Castro de Vilar (Folgoso do Courel)
Castro da Torre (Folgoso do Courel)
Castro de San Cibrao de Las (San Amaro/Punxín)
Castro e vila romana de Santomé (Ourense)
Castromao (Celanova)
Coto do Mosteiro (O Carballiño)
Casto de Saceda (Cualedro)
Castro de San Millán (Cualedro)
Facho de Donón (Cangas)
Castro de Troña (Ponteareas)
Castro de Penalba (Campolameiro)

Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa
Os xacementos castrexos son vestixios dun dos períodos máis interesantes da Historia de Galiza. Trátase de elementos de grande importancia na formación da paisaxe e son perfectamente visibles e identificables en todo o territorio. Na actualidade estímase que se poden atopar arredor de 5.000 castros espallados por toda a xeografía galega.

Para investigar mellor e dar a coñecer a todo o público os restos arqueolóxicos desta época, a Consellaría de Cultura está a crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, no castro de San Cibrao de Las, nos concellos de San Amaro e de Punxín. Para cando estea rematado en 2009 o centro de interpretación albergará exposicións e actividades de difusión así como medios para afondar na investigación. Este edificio e a ruta de visita ao propio castro formarán unha unidade para entender mellor a cultura castrexa. En total, o parque comprenderá unha superficie de máis de 25 hectáreas.

As visitas orientadas ao público en xeral contarán cun programa expositivo sobre a cultura castrexa e completarase co percorrido polo xacemento de San Cibrao. Os contidos abordan o conxunto da cultura castrexa: a relación dos habitantes coa paisaxe, a explotación dos recursos e a base económica da comunidade, a vida cotiá, a estrutura social e as crenzas e relixión; así como o impacto que supuxo a chegada de Roma.

1 comentarios:

Anónimo disse...

E que me dis do xacemento de Caldoval, de Noville do castro de Meá?