25.8.07

No seu primeiro ano, máis de 3.000 nenos asistirán ás Galescolas


As 23 galescolas que comezan o curso en setembro teñen cubertas o 85% das prazas e o prazo para formalizar a matrícula finaliza o vindeiro día 30 de agosto.


Máis de cen persoas traballarán dende setembro nestes centros.


XORNAL I Santiago.- Máis de 3.000 nenos e nenas galegos asistirán este curso ás galescolas no seu primeiro ano de funcionamento. Concretamente, as 23 galescolas postas en marcha pola Vicepresidencia e xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que comezan a funcionar en setembro, acollerán a arredor dun milleiro de nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos. A esta cifra hai que sumar as 2.100 prazas existentes nas 25 escolas infantís xestionadas pola Xunta a través da Secretaría Xeral de Igualdade.

Ata o momento, teñen cubertas o 85% das prazas ofertadas, de acordo co proceso de preinscrición aberto o pasado mes de xullo. En total, das 930 prazas ofertadas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, unha vez rematado este proceso, cubríronse un total de 790 prazas, o que supón o 85% da oferta. Aqueles que aparezan nas listas definitivas de admitidos xa poden formalizar a súa matrícula nas Galescolas xa que o prazo remata o vindeiro día 30 de agosto.

As persoas interesadas no proceso de formalización de matrícula dispoñen dos listados provisionais cos nenos e nenas admitidos na galescola ou concello correspondente, así como na páxina web www.igualdadebenestar.org. Con todo, trátase dun procedemento que permanece aberto, polo que os pais e nais que queiran aínda inscribir a partir de agora aos seus fillos e fillas nestas escolas infantís poden facelo en calquera momento.

As 23 galescola que van comezar no curso 2007-2008 atópanse nas vilas de Cambre, Cerdedo, Coles, Crecente, Fene, A Fonsagrada, Ortigueira, Pantón, Portas, A Rúa, Taboada, Vilaboa, Boiro, Covelo, Rianxo, Pereiro de Aguiar, Ponteceso, Vilamarín, Poio, Zas, Xinzo de Limia, O Rosal e Campo Lameiro.

Máis de cen persoas van traballar nestas galescola. O proceso de selección de persoal xa está pechado en dezaseis destas escolas infantís, cun total de 107 traballadores, e nas outras sete galescola rematarase en breve. Dos 107 traballadores xa seleccionados, 29 son mestres (entres os que hai un director ou director apor galescola), 59 educadoras e 19 persoal de servizos xerais.


Rede galescola

As galescola son os centros educativos da Rede Galega de Escolas Infantís de 0 a 3 anos xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e impulsadas pola Vicepresidencia. A través desta rede, a Vicepresidencia vai crear 121 Galescola en toda Galicia, cun investimento de 33 millóns de euros. Os novos centros supoñen a creación de máis de 6.000 novas prazas para nenos e nenas menores de tres anos, así como a xeración de máis de 1.200 postos de traballo.

As galescola propiciarán que A Coruña supere a media estatal no índice de cobertura de prazas en escolas infantís públicas, xa que a taxa de cobertura da poboación de 0 a 3 anos na provincia pasará a ser do 22%, cando o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais fala dun índice de cobertura media no conxunto do Estado do 21%. As provincias de Ourense e de Lugo situaranse, grazas á Rede de Galescola, no pelotón de cabeza da educación infantil no Estado español. O índice de cobertura da poboación menor de 3 anos chegará ao 39,7% en Ourense e ao 34,4% en Lugo, superando así o 33% recomendado pola Unión Europea. En Pontevedra increméntase o número de prazas en escolas infantís en máis do 75%, unha cifra que a sitúa en niveis históricos na dispoñibilidade de recursos de educación infantil.

Estas primeiras 23 galescola exemplifican o modelo de centros que se queren estender dende a Vicepresidencia por toda Galicia. Trátase de centros modernos e funcionais, pensados para unha aprendizaxe que ten que ser para toda a vida. Son escolas con máis servizos e cunha mellor oferta educativa e pedagóxica, que educan en galego e en Galicia para os galegos e as galegas do século XXI.

Dende á administración se indica que esta rede de escolas infantís responde "ao compromiso máis ambicioso da Vicepresidencia, que é o de apostar porque todas as galegas e galegos teñan o mesmo benestar e as mesmas oportunidades, vivan onde vivan, co fin de acabar coa fenda entre o rural e o urbano, a costa e o interior, que divide ás galegas e aos galegos en galegos de primeira e galegos de segunda".

0 comentarios: