14.8.07

Cultura organiza 125 funcións para conmemorar o 125 aniversario do teatro galego


A Coruña, 13 Agosto 07. O 13 de agosto de 1882 estreábase no Liceo Brigantino da Coruña "A fonte do xuramento", a primeira representación rexistrada dunha obra en galego. Para conmemorar estes 125 anos de vida do teatro galego, a Consellaría de Cultura e Deporte e o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) organizan un programa especial con outras tantas 125 funcións teatrais.

A programación presentouna na Coruña a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, durante un acto de lembranza e de homenaxe a esa primeira representación en galego e de recoñecemento ao labor dos profesionais do teatro neste tempo. Acompañada da concelleira municipal de Cultura, María Xosé Bravo, e de numerosas persoas da escena galega, Bugallo descubriu unha placa conmemorativa na fachada do antigo Liceo Brigantino, que na actualidade acolle unha oficina municipal de servizos.

125 anos, 125 funcións

Coincidindo co número de anos da primeira representación da peza escrita por Francisco de la Iglesia terán lugar en todo o país 125 funcións. En total son 25 as compañías galegas participantes, con cadansúa obra e que percorrerán 40 localidades de toda Galiza do 14 de agosto ao 30 de setembro.

A intención desta programación é achegar o teatro a públicos novos e darlle unha maior presenza social. Neste sentido, boa parte da programación terá lugar en espazos non convencionais (lugares ao aire libre, hospitais, praias, lonxas, etc.) e estará complementada con diversas actividades e intervencións de promoción.

“Un país desde as táboas”

Nestes 125 anos a dramaturxia do noso país revelouse como unha arte cunha importante función cultural, social e económica; como factor de identidade colectiva, de coñecemento da nosa historia e da nosa literatura, de extensión do uso da nosa lingua e de manifestación da nosa capacidade creadora.

Dentro das actividades organizadas pola Consellaría para festexar o 125 aniversario, a exposición itinerante Un país desde as táboas recolle a historia do teatro en galego. A mostra inclúe os grandes períodos da escena galega: o teatro popular, o nacemento da dramaturxia galega, as tentativas modernizadoras na procura dun teatro para todos e todas, o esmorecemento da actividade teatral coa dictadura, a refundación dos anos sesenta e setenta do século XX e a consolidación do sistema teatral vivida nas últimas décadas.

Material audiovisual inédito

Xunto aos paneis explicativos, a exposición conta con material audiovisual de gran valor histórico. Rescatados dos arquivos ou cedidos expresamente polos propios protagonistas, algúns destes testemuños ven a luz por primeira vez nesta exposición. Entre o material figura un extracto de 4 minutos da estrea de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, ou entrevistas a Blanco Amor e a Álvaro Cunqueiro.

A mostra, que agora está no Museo de Belas Artes da Coruña, comezou o seu itinerario en Ribadavia e visitará Cee, O Carballiño, Vigo, O Barco, Carballo, Compostela, Lugo, Pontevedra e Narón.

Plan Galego das Artes Escénicas

Para que o teatro galego cumpra moitos máis aniversarios e cada vez con mellor saúde, a Consellaría e o IGAEM abriron este ano un debate co sector para crear unha estratexia para promover as artes escénicas: o primeiro Plan Galego das Artes Escénicas.

Presentado o borrador en xuño de 2007, está previsto que se aprobe definitivamente durante o outono. A partir de entón, as artes escénicas contarán cun marco xeral para promover a súa difusión social, reforzar a estabilidade das empresas, fomentar a creatividade e promover a proxección exterior do sector. O Plan inclúe estratexias e medidas concretas. O proxecto ten unha concepción global, integrando as dimensións cidadá, artística e económica das artes escénicas.

0 comentarios: