18.8.07

Quintana reitera ao PP que para pasar do diálogo ao acordo co BNG o primeiro paso é que os populares retiren o veto ao Estatuto de Nación para Galiza


O líder nacionalista aposta por unha representación forte e propia de Galiza en Madrid para “termos unha posición determinante no Estado” e para “facer realidade os soños de Bóveda”

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, reiterou hoxe a proposta de diálogo co Partido Popular, “porque dende o nacionalismo asumismos que o diálogo é un elemento de primeira orde na política”, pero advertiu que para pasar do diálogo ao acordo “o primeiro que ten que facer o PP é retirar o seu veto a que Galiza teña un estatuto de primeira”.

Durante o acto de homenaxe a Alexandre Bóveda, celebrado en Poio, no día da Galiza Mártir, Quintana lembrou que hai un ano, na mesma conmemoración, “nos comprometimos a loitar para que Galiza tivera un estatuto de nación, aínda que non fomos quen de conseguilo estamos seguros de que Bóveda estaría satisfeito porque Galiza non se conformou cun estatuto de segunda” e isto foi posíbel, dixo, grazas a que existe o BNG.

“Agora –engadiu- hai chamadas de diálogo dende outras forzas políticas” pero para que isto sexa factíbel o PP debe retirar o “veto de Madrid” ao Estatuto, para que dende Galiza “nos ocupemos dos nosos problemas”.

O líder nacionalista insistiu en que a vontade do BNG é facer realidade os soños de Bóveda e lembrou que un destes soños era que Galiza tivera un peso importante en Madrid a través de forzas políticas propias.

Neste sentido, lembrou que as eleicións Xerais están á volta da esquina, “dende Madrid non se nos vai regalar nada, só dende unha representación forte e propia de Galiza no Estado será posíbel que o noso País teñan unha posición determinante na política estatal”.

“As nacións constrúense –dixo- coa vontade das persoas capaces de dalo todo pola súa patria, como Bóveda, por iso os nacionalistas, nunha data como esta lembramos a Alexandre e damos conta do cumprimento do noso compromiso coa súa memoria”.

Para Quintana, boa proba deste compromiso e de que o BNG está a cumprir as súas ideas é que os “nacionalistas gobernamos en máis concellos ca nunca e temos a maior introdución social e a maior representación territorial da historia”.

0 comentarios: