7.8.07

Roberto Mera afirma que o informe do Consello de Contas sobre as deputacións provinciais dalle a razón ao BNG


O secretario de Política Municipal do BNG asegura que os nacionalistas introducirán transparencia na xestión dos entes provinciais que gobernen e reduciran as súas funcións a aquelas que recollen as leis

Santiago de Compostela, 6 Agosto 07. O informe do Consello de Contas sobre o incumprimento por parte das deputacións da súa labor de asistencia aos concellos “corrobora as teses do BNG respecto ao funcionamento dos entes provinciais e o seu desencaixe no actual modelo territorial e institucional do país”, asegura Roberto Mera, secretario de Política Municipal da organización frontista.

Para o BNG é moi significativo que o informe do Consello de Contas faga fincapé no incumprimento por parte das deputacións do seu núcleo competencial básico, é dicer, a coordinación dos servizos municipais e a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos concellos de menor capacidade económica de xestión. Esta valoración confirma a necesidade defendida sempre polo BNG de abordar unha reforma da actual organización territorial do país que conduza á desaparición das deputacións e a creación dunha nova estructura institucional formada por concellos, áreas metropolitanas e comarcas, unha nova organización acorde coa realidade política e socioeconómica de Galiza.

“O país non pode permitirse o luxo de seguir soportando o custo dunhas deputacións provinciais que se converteron en simples intermediarias no reparto e distribución caciquil e e clientelar de cartos, uns entes ineficientes na xestión dos seus recursos cun grande nível de endebedamento, que funcionan cunha absoluta descoordinación e que non someten a súa actuación á coordinación e dirección do poder galego, malia estar así contemplado no actual estatuto de autonomía”, afirma Mera.

Novo Estatuto

O BNG aposta por abordar a desaparición das deputacións desde un novo Estatuto de nación. Mentres ese cambio estrutural non se produza, os nacionalistas defenden a necesidade de que as deputacións limiten a súa actuación ás competencias básicas recoñecidas por Lei, é dicer, prestar apoio aos concellos. Ademais, o BNG destaca a necesidade de que se remate coa “arbitrariedade e discrecionalidade no reparto dos fondos públicos desde as deputacións gobernadas polo PP aos concellos” e que a súa actuación se coordine e se someta ás directrices do goberno galego, dacordo coas actuais previsións estatutarias, que os nacionalistas consideran se debe concretar através “dunha lei de delimitación competencial e coordinación das deputacións provinciais e dun plan único de obras e servizos”.

A actuación do BNG desde o goberno da deputación da Coruña e Lugo nos vindeiros catro anos estará guiada por estes obxectivos de cinguir a actuación das deputacións ao apoio aos concellos, introducir transparencia na xestión dos recursos e coordinarse co goberno galego.

0 comentarios: