O consello da Xunta aceptou o cese a petición propia de Antonio Losada
O novo secretario xeral da Vicepresidencia será Xavier Ferreira Fernández, doutor en Dereito e profesor de Dereito administrativo da Universidade de Santiago de Compostela. Posúe, ademais, estudos de doutoramento na Universidade de Bolonia e na Escola de Administración Pública de Cataluña.
O Consello da Xunta aceptou na súa reunión desta mañá o cese no seu cargo do secretario xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia, Antonio Losada, quen presentou a súa dimisión ao vicepresidente, nas últimas horas, por motivos persoais. A dimisión foi aceptada e levada hoxe ao Consello da Xunta.
Nacido en Valdoviño, no ano 1966, Xavier Ferreira Fernández está casado e é pai de dous fillos. Ferreiro, que conta cunha ampla experiencia en materia de formación, ten participado e dirixido numerosos cursos de formación de funcionarios, másters e congresos. Foi director do departamento de Dereito Público e Teoría do Estado entre 1999 e o 2005 e membro da ponencia redactora dos Estatutos da USC.
A súa actividade investigadora centrouse, fundamentalmente, no estudo do dereito local, do réxime xurídico dos funcionarios e dos dereitos lingüísticos. Así, publicou catro monografías e numerosos artigos en revistas da especialidade e en obras colectivas. Entre as súas últimas publicacións salienta a participación na obra “Estatuto xurídico da lingua galega”, editada por Xerais ou a coordinación de dous volumes de análise do dereito como feito diferencial de Galicia, editados polo Museo do Pobo Galego. Ademais, ten colaborado co BNG na elaboración de numerosos estudos e traballos e mesmo formou parte da comisión redactora do Estatuto de Nazón, elaborado polo BNG.
Actualmente, é profesor Titular de Dereito Administrativo da USC e director da Escola Universitaria de Relacións Laborais. No ámbito da xestión, Ferreira Fernández colabora con diversas administracións públicas en actividades relacionadas coa xestión dos recursos humanos e a elaboración de propostas normativas.
Xavier Ferreira Fernández é membro, dende o ano 2.000, da Xunta Electoral de Galicia. Foi elixido polo Parlamento, a petición do Bloque Nacionalista Galego
7.9.07
Un veciño de Ferrolterra novo Secretario Xeral da Vicepresidencia da Xunta de Galiza
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 11:55 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário