15.9.07

Quintana advirte que as forzas nacionalistas “van ter moito que dicir” á hora de decidir quen será o próximo presidente do Estado


O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, considerou hoxe que as forzas políticas que conforman Galeuscat, CIU, PNV e BNG, teñen "unha oportunidade na próxima lexislatura" para contar cun peso destacado sobre o próximo Goberno central.

Na liña do que reclamou tamén o líder de CIU, Artur Mas, no acto que compartiron hoxe en Barcelona con motivo da XVIII Escola d'Estiu de CDC, Quintana advertiu que as forzas que compoñen o Galeuscat teñen "moito que dicir á hora de decidir quen vai ser o responsábel político que ocupe a Moncloa logo das próximas eleccións xerais".

Así, avogou porque os nacionalismos vasco, catalán e galego "traballen conxuntamente" neste camiño e defendeu Galeuscat como "a única alternativa ao modelo de estado que representa PP e PSOE". Quintana sinalou o "reto" desta entidade de erixirse na "única alternativa á monotonía política que se vive no Estado español", convencido de Galeuscat será "o mellor freo para calquera proceso de involución antidemocrático que se queira dar no Estado español, tanto no modelo de Estado como no modelo social".

Neste sentido, criticou que o "pseudoprogresismo español apodérese de termos" como igualdade, innovación ou desenvolvemento, dos que dixo que "os nacionalismos" defenderon sempre. "O nacionalismo hoxe en día é un berro de rebeldía intelectual, dos que non renuncian ao que son e saben que o primeiro paso para ser cidadáns do mundo é ser cidadáns do seu propio país", sinalou.

Estatuto de Nación
Quintana enlazou este modelo co debate do Estatuto galego, vetado polo popular Alberto Núñez Feijoo. Asegura o vicepresidente do goberno galego que “o Partido Popular ten unha estratexia destinada a impedir que haxa estatutos de nación en Galiza, Catalunya e Euskadi”. “Alí onde ten forza parlamentaria para facelo, utilízaa, como en Galiza; en Catalunya, como non ten esa opción, intenta paralizar o estatuto utilizando a Xustiza”, dixo.

Porén, destacou que “non nos consideramos fracasados por non ter un Estatuto, porque a nosa presenza no goberno serviu para impedir que Galiza non teña un estatuto de segunda”. “Estamos agora en condicións de agardar a un novo tempo político, que seguramente virá pronto”, asegurou.

1 comentarios:

Anónimo disse...

Van ter que dizer o mesmo ca vos en Neda. So aqueles que din a voz do povo concienzado teran moito que falar A ria e nosa e non de regnosa.