26.2.09

Quintana: "Quen lles molesta non é o BNG nin Quintana, senón que Galiza sexa un país libre no mundo"

O candidato do Bloque di que “o que nos xogamos é ou lle entregamos o goberno de Galiza a aqueles que non cren en Galiza e nos piden o voto para gobernar, ou votar BNG para que Galiza poida ter un goberno para a xente”

O candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou esta tarde nun acto público na Coruña, no que tamén interviron o tenente de alcalde da Coruña, Henrique Tello; o número tres pola Coruña, Carlos Aymerich, e a número dous, Ana Pontón.

Quintana iniciou a súa intervención pedindo o voto para o BNG co respaldo da palabra dada hai agora tres anos e medio e fixo un repaso das políticas “transformadora” que o nacionalismo leva anos desenvolvendo desde o goberno da Xunta.

Advertíu de que en tres anos e medio non se poden “remover todas as estruturas construídas durante 50 anos e a cultura política aparellada a ela”. Mais, o líder nacionalista quixo manifestar a súa “sensación de ter perdido o tempo, porque non facía falta explicalo. Basta con ver a saña contra o BNG, os ataques inxustificados para dármonos conta de que os cambios foron moi fortes”.

O líder nacionalista asegurou que é asi porque “o PP e os poderes tradicionais deste país esperaban que o BNG fora sempre un partido bonsai” e, neste sentido fixo un símil sobre a visión que o PP ten do país “consideran que o país é o seu horto particular, a súa finca e deciden as pranta que regan e as que non” porque estaban acostumados a que nese xardín particular houbera un bonsai, un pequeno bonsai que nunca vai medrar e que utilizaban para todo”.

“Esperaban que foramos un partido bonsai e o bonsai medrou e as raíces afincaron na terra e estendéronse no país e dixeron que a terra é para quen a traballa”, dixo.

Neste sentido, Quintana remitíuse ás orixes da forza política nacionalista como “forza política propia, do pobo, disposta a conseguir que se respeitara a Galiza”, neste sentido lembrou o labor de persoas como Vilar Ponte cando anunciou a creación das Irmandades da Fala nun xornal a creación das Irmandades da Fala e perguntouse “que diría se soubera que se quixera facer o mesmo no mesmo xornal sería acusado de querer impor o galego”.

Galiza decide

O número un do Bloque explicou que agora “é Galiza quen decide en Madrid. Agora é o BNG, o BNG é Quintana. Pois aqui estamos”, retou aos que lanzan as campañas de difamación contra o nacionalismo galego.
Quixo advertir a todos que non esquezan nunca algo moi importante que quen lles molesta non é Quintana nin o BNG, senón que Galiza sexa un país libre, que Galiza se faga respectar no mundo, que apareza aos ollos da humanidade como un país orgulloso da súa cultura e o seu idioma”.

"Como non valía a mentira, nin as estadísticas, pasaron á maldita mentira que consiste en convertir a campaña na da difamación, a terxiversación, o insulto, a ofensa á vida persoal, na que se inventa todo"Mais, o candidato advertíu de que “non nos van dobrar” e, neste sentido, indicou que a súa ilusión é “que unha xeración de galegos poida criarse nun país de liberdade e con respecto a sí mesmo. Queren cortar o nacemento desa xeración, que medre no país, orgullosa, que se sinta galega e sinta que ése é o único xeito de ser cidadán no mundo. Non o imos permitir por moita estratexia de mentira que queiran pór en marcha”.

Quintana aludíu ás mentiras verquidas contra o BNG nesta campaña e indicou que “hai tres tipos de mentira, a mentira, a maldita mentira e as estadísticas. O PP nesta campaña ten utilizado a tres. Empezou polas estadísticas para falar das cifras do paro, fala de números con desprezo. O que lle interesa é lanzar mensaxe catastrofista que nos leve a pensar que non é posíbel”.

Plan económico

Contra o modelo económico do PP que perpretou a situación de crise actual, Quintana defendeu as medidas propostas polo nacionalismo a través dun plan de estímulo económico que se efectivizará nos cen primeiros días de goberno, cunha reactivación do sector estratéxico do país como é o naval” e anunciou que pedirá a Zapatero que levante o veto a Astano para que volva á construción, destacou tamén o apoio ao sector primario, “para que Galiza teña un grupo lácteo galego que nos permita ser potencia en produción e comercialización”.

Un plan de fomento do emprego xuvenil, utilizando os novos nichos do mercado laboral, a extensión do Sistema Galego de Benestar para crear postos estábeis de traballo, para alén da creación dunha banca pública galega para que chegue ás familias o crédito.

Mais, como apuntou o candidato, “cando dixemos todo isto, como ao PP as estadísticas non lle valían e ante medidas do BNG non hai estadística que valga, usou a mentira lisa e llana para trasladar unha idea: non vaiades votar, imos seguir os mesmos de sempre, todos somos iguais. Como que todos iguais?, perguntouse, “somos iguais aqueles que defendemos o galego a aqueles que fan manifestacións en contra do galego?”

Finalmente, o número un do BNG aludíu ao feito de que, “como non valían nin as estatísticas nin a mentira, pasaron á maldita mentira que consiste en convertir a campaña na da difamación, terxiversación, o insulto, ofensa á vida persoal na que se inventa de todo, a campaña dos paparazzis, e na que se chegan a inventar un accidente. Ésa é a campaña do PP”.

Mentira, maldita mentira e estadística

Estas mentiras son as que o PP quer ocultar e por iso, tal e como dixo Quintana, “négase a debate, para ocultar o tremendo timo á sociedade galega que o señor Feijóo quixo facer negándose a debater democraticamente. Teño ofrecido todas as posibilidades porque ten mentiras e moito pasado, pero non futuro.

Quintana ironizou cos temas que se poderían tratar nese debate, en caso de producirse, como as perguntas a Feijóo sobre “a que empresas amigas de fóra lles ía dar as concesións do concurso eólico, e cantos postos de traballo vai destruír pechando as galescolas co seu fanatismo ideolóxico”.

Animouno a explicar tamén no debate por que “o señor Louzán convoca postos de traballo na Deputación na que só fai falta unha entrevista na que preguntarán se son amigos do PP ou non. Vostede aínda ten tempo de facer campaña electoral despois de ter que aturar unha trama co señor Correa, e outra na que está implicado o señor Rajoy”.

Emprazou aos asistentes a votar porque “o que nos xogamos é ben sencillo: ou lle entregamos o goberno de Galiza a aqueles que non cren en Galiza e nos piden o voto para gobernar, ou lle damos o voto ao BNG para que Galiza poida ter un goberno que goberne para a xente e faga o necesario para que Galiza sexa respectada”.

Quintana amosou hoxe a papeleta do BNG pola provincia da Coruña e comentou que nestes anos tense insinuado a posibilidade de que o BNG cambiara a estrela do logo e, aínda que confesou que a el lle gusta, indicou que, se se cambiara, “sería para introducir un corazón, o corazón de aqueles galegos e galegas que cando pensan en política pensan que Galiza ten que ser o primeiro”.

0 comentarios: