O candidato nacionalista participou nun xantar con preto de un milleiro de mozos e mozas procedentes de toda Galiza
O candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou este mediodía nun xantar con preto de un milleiro de mozos e mozas de toda Galiza en Pontevedra.
Ali, o número un do nacionalismo reivindicou o labor feito polo BNG na Xunta nestes tres anos e medio nos que levou adiante iniciativas innovadoras aínda que quixo matizar que “cando derrotamos ao goberno de Fraga derrotamos a un réxime que levaba toda a vida” e indicou que “ninguén podía esperar que un réxime fora borrado e cambiado en tres anos e medio”.
“Puxemos os alicerces do cambio”, dixo o candidato, “e temos conseguido que o goberno se preocupe da xente e leve adiante políticas para a xuventude tendo en conta á xuventude e iso, en si mesmo, é un cambio moi importante”.
Para continuar con este traballo, Anxo Quintana indicou que o BNG quer agora “un complemento autonómico para o desemprego que afecta de xeito tan importante á xente nova”, e salientou tamén outras medidas como a necesidade dun ICO galego porque “debe apoiar á xente e ás empresas e non aos intereses especulativos”.
Contrapuxo estas medidas coa ideas do PP “teñen unhas ideas macanudas”, ironizou, “nós queremos manter emprego e eles din que hai que fomentar o despido libre, a ver se é porque pensan que sendo máis levarémonos mellor”.
Anxo Quintana defendeu o modelo nacionalista fronte ao dos “ricos e poderosos” do PP que, tal e como explicou, “agora vén dicindo que non houbo cambios suficientes. Non existen milagres en política”, continuou, “pero a alternativa é ir atrás, que é o que quere o PP, converter a Galiza nun país de quinta categoría e poñelo aos pés de Rajoy e dese predicador radiofónico que manda no PP”.
Asegurou que o que queren os populares é “unha campaña pasmona, sen chicha, porque quer que a xente se aburra e só lanzan mentiras e difamacións para que cunda a idea de que todos somos iguais”.
Fronte a isto, explicou o labor do nacionalismo con iniciativas como o decreto eólico que pon os beneficios da enerxía a favor dos galegos e galegas en contra do que fixo o PP. “Quen queira que a enerxía eólica serva para que o Madrid fiche a Ronaldo que vote polo PP, quen queira que beneficie aos galegos e galegas, que vote BNG”.
Quintana finalizou a súa intervención cun chamamento masivo ao voto e explicou que “o after hours do día 1 son as urnas".
Iria Aboi
O acto abríuno a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, que chamou a todos os asistentes a que non se confiansen e reclamou o voto nacionalista para “ter un ensino público en galego, mal que lles pese a algúns”.
“A mocidade galega mobilizouse contra a guerra de Irak, contra a ocupación do pobo palestino”, lembrou, “agora hai que apoiar ao BNG porque é unha causa xusta dos que queremos que as institucións se poñan ao servizo do país. Non nos vale a abstención”, advertíu.
15.2.09
Quintana chama aos mozos e mozas a votar BNG "para seguir avanzando con políticas de apoio á mocidade e contra a crise"
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 10:40 da manhã
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário