15.2.09

O BNG afianza os 16 escanos

O bipartito PSOE-BNG xestionará a Xunta durante unha lexislatura máis grazas á subida dos nacionalistas se se confirma o sondeo de Quadernas Consultoría para Xornal de Galicia, aínda que a enquisa outorga aos socios de goberno unha vitoria máis axustada da que se prevía no mes de xaneiro.

O estudo outorga ao PP 35 escanos, mentres que no mes de xaneiro as expectativas apuntaban a unha variable de 33/34. Aínda que os de Alberto Núñez Feijóo melloran, seguen lonxe dos 37 deputados que outorgan a maioría absoluta e que, no seu caso, son necesarios para poder chegar á Presidencia da Xunta. Con todo, a enquisa demostra que polo momento non lle afectan a destitución do número 1 por Ourense, Luís Carrera Pásaro, nin o escándalo en Madrid de Pablo Crespo, antigo secretario de Organización dos conservadores galegos.

Mentres tanto, o PSOE baixaría un deputado con respecto ás previsións de principios de ano. Dos 25/26 escanos que se lle auguraban, os resultados de febreiro caen ata os 24 deputados, co que, de cumprirse a previsión, os socialistas perderían un asento na Cámara.

O BNG é a única das tres grandes forzas galegas que se mantén. A formación frontista subiría tres escanos, colocándose nos 16. Un ascenso que, con todo, non igualaría o teito dos nacionalistas, acadado en 1997 con 18 escanos.

No relativo á intención directa de voto, o BNG descende nesta terceira onda de estudo, mentres que o PP vaise recuperando paulatinamente da baixada sufrida no mes de xaneiro, e iríase incrementado o apoio á vez que o do PSOE decrece.

En canto á evolución das opcións de voto ante o sufraxio, máis do 10% dos enquisados dubida entre outorgar o seu voto a Anxo Quintana ou a Alberto Núñez Feijóo. O 34% oscila entre outorgar o seu apoio ao BNG ou ao PSOE e un 33,4% aínda non decidiu se a súa papeleta será a dos socialistas ou a do PP.

No trasvasamento de votos, o BNG presenta a maior porcentaxe de voto desmobilizado, xa que un 11% do seu electorado no ano 2005 outorgaría o seu voto nesta ocasión a outra forza política. Con todo, son papeletas de ida e volta, xa que a formación frontista recibe a mesma porcentaxe de sufraxios por parte dos descontentos co PSOE que os que cede ao seu socio de goberno. O PP é o grupo que conta cun electorado máis fiel. Só un 2,3% das persoas
que apoiaron a Manuel Fraga en 2005 non votarán aos conservadores nesta ocasión. Mentres tanto, o PSOE ve como descende o número de apoios procedentes do PP e do BNG e, á súa vez, un 16,9% dos seus electores as anteriores autonómicas agora están indecisos.

No que respecta á estimación por provincias, na Coruña obsérvase unha recuperación do voto conservador, o que permitiría ao PP aguantar o seu escano 11, reducindo a ameaza socialista. O BNG mantería cinco.

En Lugo, os nacionalistas roubaríanlle un escano ao PP. En Ourense poderíase repetir a situación e os populares perderían un deputado en favor do BNG.

En Pontevedra a formación frontista tería opcións de conseguir un escano e subir ata os cinco, neste caso restándolle un deputado ao seu socio á fronte do Executivo.

  • Ficha técnica

    Ámbito: Comunidade Autónoma de Galicia. Desagregación por provincias.

    Universo: Poboación de 18 e máis anos con dereito a voto.

    Tamaño: 2.200 entrevistas, 550 en cada unha das catro provincias.

    Tipo de enquisa: Entrevistas telefónicas no domicilio dos entrevistados, selección aleatoria de teléfonos sobre o conxunto do listín, selección aleatoria de individuos en cada vivenda.

    Método da mostraxe: En cada unha das provincias o deseño mostral resposta a tres estratos poboacionais. A selección final de individuos realízase segundo cuotas de sexo e idade, de forma proporcional á distribución en cada provincia.

    Afixación: Proporcional dentro de cada provincia, obtendo o número de elementos na mostra para cada estrato proporcionalmente ó censo de votantes en dito estrato.

    Erro de mostraxe: Para un nivel de confianza de 95,5% (dúas sigmas), e p=q, o erro é de ±2,13% para o conxunto de Galiciae dun ±4,26% para cada unha das catro provincias.

    Data de realización: do venres 6 ao venres 13 de de febreiro de 2009.

  • Publicación diario Xornal

    1 comentarios:

    Anónimo disse...

    Por que non poñedes a enquisa do CIS que lle da un estancamento, mesmo un retroceso ao BNG? Non sabedes que o propietario do Xornal foi un dos grandes favorecidos no concurso eolico.