2.4.11

Non todos somos iguais

O pasado 14 de marzo, no curso do debate sobre o Estado da Nación, Núñez Feijóo declarou solemnemente que “os principais responsábeis de que os cidadáns perciban os políticos como un problema somos os políticos”. Agradezamos, en primeiro lugar, o ton autocrítico exibido polo líder do PP galego raro en quen adoita empregar modos ben menos modestos. Mais recoñezamos tamén que non se trata dunha confesión sincera senón dunha vella táctica do PP da que tiran cando se ven apurados.

Así aconteceu cando a catástrofe do Prestige, daquela os culpábeis tamén eran “os políticos”, en plural e sen distincións, e non os gobernos de Fraga e de Aznar. Se cadra tamén agora todos seremos culpábeis da trama Gürtel e dos escándalos nas oposicións e no concurso eólico.

Mais non. Non todos somos iguais. Non somos iguais no fundo, porque representamos intereses e proxectos políticos diferentes. E non somos tampouco iguais nas formas, porque non todos empregamos a mentira e a manipulación como arma política. Este día un xornalista preguntoume que pensaba acerca de que Rajoy tivese subido en 2009 a un barco propiedade don irmán dun narcotraficante que, segundo indicaban os medios que publicaron a nova, non tiña vínculo ningún con actividades ilegais. A miña resposta foi clara: onde está a noticia? Sei que o PP actúa doutro xeito, xa o ten demostrado. Mais eu négome a me pór á súa altura. O BNG non se vai enfouzar na lameira en que PP e PSOE queren converter a política galega.

Por principios. Por respecto á cidadanía. Porque as mentiras acaban sempre por se virar contra quen as profire. E, sobretodo, porque se algo sobra son motivos para nos opor, con argumentos na man, ás políticas de Núñez Feijoo na Xunta de Galiza.

Ou acaso non son argumento bastante o incremento do desemprego e da pobreza, o desmantelamento e privatización dos servizos públicos ou o desprezo cara a nosa lingua e cultura propias? Ou acaso non temos proxectos alternativos á recentralización e ás políticas neoliberais que o PP pratica en Galiza? Debate entre valores, ideas e proxectos antagónicos. Iso é a democracia.

Os que acoden á política do “e ti máis” cruzando denuncias de narcotráfico e de irregularidades urbanísticas fano porque no esencial comparten o mesmo político e social. Entanto eles discuten, a cidadanía afástase da política e Botín goberna. Mais non todos somos iguais. Afortunadamente para Galiza está o BNG.
Carlos Aymerich

0 comentarios: