17.10.09

Os primeiros orzamentos de Feijóo

Logo de anunciar a catástrofe económica en forma de buratos financeiros herdados do Goberno anterior, de utilizar a excusa da falta de recursos para acometer toda caste de recortes nos servizos e nas prestacións públicas, de fantasear con inexistentes planos de choque fronte á crise que non se traduciron en ningunha medida concreta e, enfin, de ameazar cunha drástica baixada nos orzamentos para 2010…, despois de todo iso a Xunta de Feijóo apresenta (por en canto apenas parcialmente: a nota de imprensa do Consello da Xunta e un power point na web da Consellaría de Facenda, en total 26 páxinas) un proxecto de orzamentos para o próximo exercicio no que a redución a respecto de 2009 limítase a 741 millóns de euros, un 3,3%, ben lonxe daquela drástica caída do 15% prognosticada hai un mes escaso pola conselleira de Facenda. Ao fío destes dados imponse unha primeira conclusión: que foi do desfase de 1.200 millóns de euros legado polo bipartito?

Canto ao cadro macroeconómico, o PP demonstra, máis unha vez, a súa incapacidade de elaborar un cadro propio para Galiza (o que publicitan é unha mera proxección dos estudos realizados para o conxunto estatal poloGgoberno español e por centros de estudo e análise privados, na súa maioría ligados ás entidades financeiras) e mesmo de planificar orzamentalmente o conxunto da lexislatura, tal e como onte denunciaba nestas páxinas Xesús Veiga. Trátase dun “ti vai facendo” financeiro que abala entre o derrotismo en materia de ocupación (estímase un incremento do paro de máis de dous puntos, até o 15%) coherente co abandono das políticas de emprego e o optimismo desatado á hora de estimar os efectos económicos do ano Xacobeo. E quizais sexa iso o que nos cómpre: pornos en mans do Apóstolo á vista da insolvencia do goberno de Feijóo. Porque imos precisar fe, moita fe, para darmos por bos os datos ofrecidos tras do Consello da Xunta do pasado xoves e que non resisten o mínimo contraste coa realidade non opinábel dos números. Reparemos senón nalgúns exemplos:

–O ano pasado o orzamento para servizos sociais ascendeu a 570 M€. Seica este ano, cun orzamento global de 577M€, o gasto en dependencia vai experimentar un incremento de 74, suba obrigada polo propio calendario de aplicación da Lei. Daquela, que outras partidas se van reducir? Residencias, centros de día, galescolas, discapacidade, menores …? Ú-la solidariedade?

–Os orzamentos sanitarios sofren unha redución de 38M€. Os educativos baixan 32 M€. O aforro en gasto corrente fica nun pírrico 1% verbo do orzamentado para 2009 … U-la austeridade e a blindaxe dos servizos públicos?

–Baixan tamén os orzamentos dedicados a I+D+i e á sociedade da información. Carecemos de información a respecto dos orzamentos para vivenda (temámonos o pior!). Redúcense os recursos destinados a políticas de emprego ao tempo que se anuncia o incremento nun 1% do investimento real mais, iso si, recorrendo ao financiamento privado de toda caste de infraestruturas e servizos, incluídos os sanitarios… Ú-la aposta polo crecemento e a dinamización económica?

Como ben di Fernando Blanco, o portavoz de Economía do BNG, estes non son uns orzamentos para impulsar o país e enfrontar a crise. Preso da estratexia madrileña, Feijóo segue a apostar polo “canto peor, mellor” deixando á sociedade galega indefensa. Nin burato, nin crecimento, nin austeridade nin solidariedade. Eis os primeiros orzamento do feijoísmo.

0 comentarios: