Que o Presidente do Governo Galego viaxe a Bruxelas está ben. Depois de todo, nesa capital como nas demais da Unión Europea: Estrasburgo, Luxemburgo, Frankfurt, as instituicións que nos reunen, toman decisións nosas e ás que votamos non poden se ignorar cando se trata da convivencia política, a economía e a política monetaria, as redes de transporte e enerxética, o medio ambiente, a xustiza, ou a acción internacional. Mais o paseo non se debe aplaudir cando se organiza aproveitando actividades menores ou visitas institucionais de escasa relevancia, utilizando os nomes de José Manuel Durão Barroso, Jerzy Buzet ou Joaquín Almunia para dar a impresión de que un saudo fugaz ou unha breve conversa protocolaria onde se coincida teñen algo a ver cos problemas ou aspiracións da sociedade galega.
Claro que é preciso achegarse con frecuencia e que Bruxelas veña a Compostela, ponto de destino en Galiza dun camiño que contribui a explicar a identidade europea. Mais, para as viaxes seren úteis, antes tería sido preciso formular aquí propostas serias, xa non digo un proxecto nacional como correspondería, en lugar de destruir o feito e de sementar o caos, tal como está a pasar.
Son muitos os asuntos que xustifican unha política galega acerca da Unión Europea. A cuestión enerxética é cada vez mais un asunto comunitario, sendo prioritario o desenvolvimento das enerxías renovábeis e en especial da enerxía eléctrica de orixe eólica. Qué pode explicar e demandar alí o xefe dun executivo que no país do vento empreendeu gravisimamente o camiño contrario, tollendo unha oportunidade crucial? Que pode dicer que fixo ou que quer facer a respeito do futuro da produción lactea galega e do desenvolvimento da agricultura, unha actividade decisiva para o noso futuro como do de todos os paises, se está a disculpar o non facer co argumento escapista das competencias estatais e borra todo o que se levaba feito; da industria do automóbel e da excelente industria auxiliar galega en crise, mais alá dos audis; da pesca nos mares comunitarios, se semella que non sabe que a frota galega está ainda discriminada; da incorporación a todas ás redes europea de transporte terrestres, ferroviarias, aéreas, liberándose da castradora pexa radial madrileña; do sistema educativo se no momento en que se europeiza lle retea aos centros e á universidade os recursos económicos precisos; da presenza da língua galega na Unión, como língua nacional e intercontinental, unha realidade que se fai cada vez máis evidente apesar do negacionismo do Governo que preside; da crise e do desemprego e do que debe facer a UE no mundo desde a perspectiva galega? Que dirá en Bruxelas da natureza privilexiada de Galiza e do que é preciso facer desde aquí e desde alí?. O Presidente da Comisión Europea, podería compreendelo. Enxergao mesmo desde o seu fogar nas Terras do Barroso do Támega e o Cávado, a unha carreiriña de can da Serra do Larouco que as une coa Limia e Monterrei.
Non parece que o Presidente de Galiza leve que dicer.
6.10.09
De paseo a Bruxelas
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 10:28 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário