25.10.09

Continuan as mobilizacións dos veciños de O Puntal


Por terceira vez en dúas semanas, os veciños da zona nedense de O Puntal protagonizaron un corte de tráfico para reclamar un mellor servizo de transporte público na área. Actualmente, a concesión no lugar é de Arriva, que a cobre co autobús entre Ferrol e A Coruña. A súa escasa frecuencia non cubre as necesidades cidadás, que piden que esta se incremente ou que chegue até o núcleo a liña de Tranvías que hoxe queda no Camiño do Regueiro, a un quilómetro e medio.
A protesta de onte foi tan pacífica como longa.
Sobre as cinco da tarde os residentes na zona comezaron a congregarse nun paso de peóns do viario que une Neda e Fene. Reuníronse preto dun centenar de persoas que, ás 17.30 horas, fixeron unha cadea humana para cortar o paso do autobús de Arriva con rumbo á cidade herculina. Unha pancarta, un megáfono, chifres, chalecos reivindicativos... Todo servía para que a reclamación fixésese notar.
Non foi até unha hora máis tarde cando se disolveu a protesta e a circulación volveu á normalidade. Agardaron os manifestantes a que chegase o autobús de Arriva en sentido contrario para, deste xeito, paralizar os dous e focalizar as protestas, neste caso, cara a esa compañía. Non se evitou, no entanto, que os centos de vehículos que accedían ao lugar nas dúas direccións desen volta e buscasen alternativas por outras pistas próximas. Isto solucionou o problema de que se producisen retencións quilométricas, pero non impediu que a zona se convertese nun enorme foco de colapso.
Foi media hora despois de que se iniciase o corte cando se acudiron no lugar axentes da Garda Civil e de Tráfico. Os primeiros reclamaron autorización aos cidadáns para a súa protesta. Mostróuselles unha comunicación enviada o xoves á Subdelegación do Goberno informando da súa intención de mobilizarse. Os segundos axudaron a regular o tráfico.
Até os veciños indicaban amablemente aos condutores que se baixaban para preguntar por onde escapar do lugar. A obxectivo era deter aos autobuses de Arriva. E conseguiuse.
Os froitos das protestas, no entanto, fanse esperar. Os cidadáns agardan que sexa xa por pouco tempo.

0 comentarios: