Debo recoñecer o meu asombro pola riada de opinións a favor e en contra que motivou a miña presenza nunha tertulia radiofónica. Sería moito máis gratificante para min que as opinións viñeran dadas polo que eu poidera dicir neses debates e non polo simple feito de asistir, cousa común e corrente para responsables políticos de todo signo e en todas as cadeas de radio sen excepción.
Tiña eu a convicción de que debía escoitar en respectuoso silenzo as opinións de todo o mundo. E así o faría se non fora porque o presidente Feijóo, por si faltaba alguén, tamén tercia na controversia e a preguntas dos xornalistas de Intereconomía di que non coñece as capacidades para o debate de quen esto escribe, deixa esa valoración “para quenes o contrataron”, e deséxame toda a sorte do mundo.
Abrumado por merecer a atención de quen ostenta tan alto posto e precavido ante a posibilidade de que se me aplique o refrán de “cala logo outorga”, me animo a facer algunhas puntualizacións sobre os últimos acontecementos. De boa gaña daríalle as grazas ao presidente polos seus bos desexos senon fora porque para facelo utiliza dúas mentiras.
Primeiro porque el sabe que non hai ningún “contrato” ou polo menos este é tan irreal como o que el ten ca Cadena SER, onde tamén participa como tertuliano. O sr. Feijóo coma presidente e eu coma deputado temos dedicación exclusiva e estamos suxeitos á lei de Incompatibilidades polo que non podemos contratar nin recibir remuneración polos nosos servizos de ningunha empresa, nin mediática nin doutro signo.
E segundo porque algo sobre as miñas condicións para o debate sí debe saber o sr. Feijóo porque nalgunhas ocasións tivo a oportunidade de comprobalo en primeira persoa. A última con motivo do debate das pasadas eleccións xerais do Estado. E foi a última porque o sr. Feijóo preocupouse de que non houbera máis debates electorais dando boa mostra do seu sentido democrático.
Facer política a rebufo das mentiras e manipulacións dalgún medio de comunicación debe ser tremendamente fácil pero dende o meu punto de vista indigno de calquera responsable politico. Porque só de mentiras e manipulacións pódese calificar o tratamento dalgún medio aos últimos acontecementos.
Para os que non contamos co rencor como parte significativa da nosa personalidade resulta difícil entender que un gran medio de comunicación se marque como tarefa obsesiva o intento de destrución persoal de quen equivocadamente consideran o seu adversario. O acordo entre o BNG e o PSOE para garantir a presenza das dúas forzas en organismos e institucións como a Mesa do Parlamento ou o Consello de Contas, está por escrito e non admite lugar a dúbidas nin interpretacións. Non hai ningún intercambio. Hai compromiso de presenza de ambos nos dous organismos, simplemente porque ningún Parlamento democrático deixa fora dos lugares de debate, decisión e control, a unha forza política que conta co 16,57 % do electorado, 267.631 votos e 12 deputados.
Como corresponde a toda forza democrática, o BNG decide no seo dos seus organismos quen o representa en calquera ámbito. Tal foi así na decisión da Executiva Nacional, a proposta unánime do Grupo Parlamentar, para que fora eu quen ocupara o lugar que o Nacionalismo, por dereito propio, lle corresponde na mesa do Parlamento.
Converter esta limpa realidade nunha falsa novela negra de negociacións persoais, con escuros intercambios no que o único obxectivo é a conquista dun coche oficial, só cabe na cabeza de quen se guía pola máxima tramposa de: non deixes que a verdade te estrague un bo titular.
E para seguir nesa liña, si fai falta, rómpense criterios básicos de comportamento comunmente utilizados. Como o que establece como norma que nunha democracia avanzada, igual que é lexítima e saudábel a discrepancia, non caben os vetos contra ninguén polas súas ideas e credos, e moito menos os vetos a un medio de comunicación.
Fun convidado, e aceptei de bo grado, a participar nun debate radiofónico cada quince días no que estarían presentes responsables políticos de todas as tendencias e no que se me asegura poder expresar as miñas opinións con total liberdade nun programa de dúas horas cunha audiencia de máis dun millón de ouvintes de todo o Estado.
1.10.09
Nin calados nin con medo
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 11:08 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário