O conselleiro do Medio Rural ofreceu en comparecencia parlamentaria o balance da campaña contra incendios 2007 e salientou a posta en marcha, por vez primeira, de importantes medidas contidas na Lei de prevención e defensa contra incendios forestais, xunto cun sistema organizativo máis profesionalizadoSantiago de Compostela, 16Outubro 07.-O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, presentou no Parlamento un informe co balance provisional da campaña contra incendios deste ano, no que destacou a posta en marcha de medidas contidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, como a limpeza de perímetros de núcleos de poboación e vías de comunicación. Sinalou tamén entre as novidades, a informatización de sistemas operativos de actuación, a incorporación de voluntariado na prevención e de medios auxiliares na extinción e a renovación dos equipos de protección individual e de medios terrestres, así como a creación de redes de puntos de encontro para brigadas e a modernización das bases aéreas, que contribúen a mellorar as condicións laborais do persoal contra incendios. Suárez Canal fixo especial fincapé na formación e profesionalización do dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais, como unha das melloras desta campaña, cun sistema organizativo que vai sentar as bases para o futuro.
Ofreceu datos comparativos de meteoroloxía, con respecto a anos anteriores que evidencian que a pluviometría, sendo un factor importante, non é determinante por si soa na diminución de número de lumes nin de superficie afectada. Así, o conselleiro sinalou o labor de prevención realizado no perímetro de núcleos de poboación mediante convenios asinados con 215 concellos, cunha superficie certificada de 6.129 has, e outras actuacións executadas nos distritos forestais, tales como apertura e mellora de pistas forestais, faixas auxiliares, desbroces, apertura e mellora de devasas, construción e acondicionamento de puntos de auga... Para esta campaña de incendios, dotouse o persoal do SPDCIF dun equipamento de extinción con buzos ignífugos, botas, cascos, luvas, gafas, máscaras, botiquíns e cintos, entre outros. En canto á adquisición de medios de locomoción e de extinción, dispúxose de 450 vehículos (todoterreos, pick-ups, turismos, furgóns e motobombas). Entre as novidades introducidas nesta campaña destacan a creación de novos procedementos operativos (protocolos de actuación). Na busca dun sistema de prevención e extinción de incendios o máis profesionalizado posible, determinouse a contratación directa da administración, ou mediante encomenda a SEAGA, da maioría das brigadas terrestres e helitransportadas fronte ao sistema anterior de convenios coas entidades locais. Estableceuse un mando único directo de todo o operativo de prevención e defensa contra incendios dependente da Dirección Xeral de Montes. Ademais, dispúxose unha composición de 5 membros das brigadas de reforzo con días de descanso e traballo por brigada completa. Incorporáronse medios auxiliares á extinción, achegados por distintas cooperativas ou CUMAs, creáronse agrupacións veciñais de vixilancia forestal tanto de CMVMC como de propietarios particulares, e xestionouse por parte de Vicepresidencia o Voluntariado do monte galego, encadrado no sistema de prevención da Dirección Xeral de Montes. Estableceuse un Comité de coordinación entre as forzas e corpos de seguridade e a Dirección Xeral de Montes, que funciona a nivel central galego e que ten as súas correspondentes extensións nas catro provincias. Forma parte deste comité o director xeral de Montes da Consellaría do Medio Rural, un representante da Delegación do Goberno Español, o subdirector de Incendios da Dirección Xeral de Montes, un representante da Fiscalía de Incendios, un representante da Garda Civil e do SEPRONA, un representante da Policía Autonómica, un representante da Policía Nacional, un representante das Forzas Armadas e expertos da Dirección Xeral de Montes. Nesta campaña entrou en funcionamento a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, adscrita á Consellería do Medio Rural, e creouse un novo Grupo Central de Análise formado por expertos para deseñar estratexias de incendios con riscos potencialmente perigosos. Investiuse na modernización da flota de motobombas coa incorporación de 20 vehículos a esta campaña e tamén se renovou a dotación de todoterreos. Duplicáronse as brigadas de vixilancia móbil (de 30 a 60) dotadas de vehículo equipado con minidepósito para unha acción rápida en pequenos focos. Ampliáronse as Brigadas Especiais (de 1 a 3), xa que estas unidades demostraron unha grande eficacia o pasado ano (BELUGA) porque teñen un alto grao de profesionalización. Dispúxose que en distritos de difícil orografía se despachase de maneira automática un medio aéreo ás alarmas da zona para gañar tempo e aumentar a eficacia no combate do lume. Despregouse maquinaria pesada en todos os distritos forestais na época de perigo alto. Realizouse unha mellora dos puntos de encontro e de patrulla do SPDCIF para mellorar os tempos de reacción e desenvolvéronse cursos de formación das distintas unidades de defensa contra incendios (brigadas terrestres, helitransportadas e especiais).Ademais, incorporáronse importantes medios tecnolóxicos nesta campaña como o cálculo do Índice de risco diario de incendio (IRDI) en función da temperatura e humidade ambiental; o Xeocode, unha aplicación que subministra información global do estado das alarmas e lumes ocorridos en Galiza en tempo real; automatizáronse as comunicacións de queimas cun novo sistema de xestión; instaláronse posicionadores con motor GPS e GSM / GPRS en medios terrestres (todos os vehículos motobomba e vixilancias móbiles); instalouse o sistema Vixía, para a video-vixilancia nas bases de medios aéreos, con cámara web teledirixida, o sistema COMA, de Control de Medios Aéreos; e realizáronse comunicacións vía SMS de información sobre cada lume, en tempo real, a alcaldes e autoridades da Consellaría do Medio Rural.
17.10.07
Suárez Canal destaca a vixilancia, prevención, profesionalización e persecución aos delincuentes como melloras introducidas no operativo de extinción
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 10:32 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário