1. Fracaso económico e social
“Galiza é un home en paro, unha familia que non chega a fin de mes, unha parella que non pode pagar unha casa, unha muller que cobra menos que un home polo mesmo traballo, 30.000 universitarios sen perspectivas de emprego, un inferno nas listas de espera sanitarias e milleiros de persoas que esperan a que lles paguen a lei de dependencia. Serei humilde e estarei á altura” (Núñez Feijóo, Chantada, 23 de febreiro de 2009).
Dous anos despois, en Galiza hai 45.000 parados e paradas máis, 75.000 empregos destruídos, 55.000 afiliados menos á Seguridade Social, máis de 600.000 galegos e galegas por baixo do limiar da pobreza, 43.000 dependentes á espera dunha prestación, 275.000 doentes padecendo o “inferno das listas de espera sanitarias” e 300.000 demandantes de emprego.
Se mellorar a vida da maioría dos galegos e das galegas fose realmente o obxectivo do seu goberno, é obrigado concluír que Feijóo fracasou.
2. Fracaso democrático
Hai dous anos, Feijóo prometeu “erradicar” o enchufismo e o clientelismo e “non volver falar deles en catro anos”. Dixera tamén en campaña que “se cometemos erros pedirei perdón, mais sempre despois de depurar responsabilidades”. Erros cometeu abondo mais responsabilidades non depurou ningunha. E non sería por falta de oportunidades tanto no seo do goberno, como do partido, os concellos e as deputacións. A non ser que a súa forma de depurar responsabilidades sexa a que praticou o pasado 24 de febreiro en Ourense cando perguntado pola modélica política de persoal de Baltar contestou: “Agora vou para Xinzo e despois para Celanova”.
Con que excusa xustificará agora Feijóo que tránsfugas comprados con cartos públicos encabecen as candidaturas do PP en Abegondo, Mos ou Folgoso do Courel? Non é de estrañar que vaia estendéndose a idea de que Feijóo non é unha persoa fiábel, que carece de principios e de escrúpulos e que só se move polo seu interese persoal e partidario.
3. Fracaso na defensa do país
Incumprindo de forma flagrante o deber estatutario de defender Galiza, a súa identidade e os seus intereses, Núñez Feijóo pospuxo sempre na súa acción de goberno os intereses de Galiza aos cálculos e diretrices do seu partido. Por orde de Xénova os deputados galegos do PP apoiaron o Decreto do Carbón, a privatización das caixas e un sistema de financiamento que non garante os recursos que os nosos servizos públicos precisan. E nunha teima suicida dedicou a perseguir o galego o empeño e os recursos que non aplicou para combater o paro e a precariedade. Os resultados están á vista.
Frente a un goberno fracasado, o BNG exerceu estes dous anos unha oposición firme traendo á cámara as demandas e os problemas reais do país, sentando as bases da alternativa que Galiza precisa. Alternativas de goberno e, sobre todo, políticas alternativas. É preciso recuperar o sentido xenuino da democracia para que os gobernos elixidos polo pobo defendan os seus intereses e non os dos mercados. É preciso recuperar a idea de que os sistemas económicos están para producir benestar e unha vida digna para todos. Que en Galiza o autogoberno é unha condición indispensábel para lograr unha sociedade máis xusta e máis estábel. E que na identidade que nos une reside a enerxía coa que esta vella Nación, superando a crise, construirá un futuro mellor.
Carlos Aymerich, xornal
19.3.11
O triplo fracaso de Feijóo
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 10:09 da manhã
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário