13.12.09

Nación e demonización


Nestes días en que observamos a epopeia dunha muller, que pola sua actitude de dignidade está a bater as conciencias. Agochada nun rincón dun aeroporto fronte ás costas da súa patria. Nestes tempos terríbeis de pensamento teledirixido nos que existen aqueles que son quen de emocionarse cando escoitan nos filmes norteamericanos a frase “our nation” mentres ondea a bandeira das barras e estrelas. Os que non se alporizaron cando a palabra máis repetida no discurso de Barack Obama o día en que tomou posesión do cargo foi “nation”, concretamente 15 veces. Eses, pola contra, demonizan esta palabra cando se trata do estado español e a súa realidade plurinacional, pregando entre outras cuestións, por unha sentenza en contra do Estatut catalá. Eles son os que me fixeron lembrar un pequeno libro mercado hai moitos anos xa, nunha librería chamada Gandhi onde ían comprar os libros prohibidos, entre outros, os xesuítas que estaban a facer a revolución nun pequeno país de Centroamérica liderados polo asasinado Ellacuría. Ese libro pequeno polo número de páxinas, tenno entanto unha inmensa carga no seu título “España última colonia de sí misma”.

Dende logo non vou escribir nestas liñas un discurso histórico e doutrinal sobre o concepto nación, entre outras razóns porque tamén a saturación deste tipo de discursos remata converténdose en moitas ocasións en algo inintelixible para a meirande parte dos cidadáns, cuxas vidas están moi alonxadas da política, simplemente porque se atopan na loita cotiá. Tento soamente retratar o cinismo e o papanatismo co que se ensalza noutras latitudes e como se demoniza na propia. Conceptos coma nación, identidade nacional ou realidade nacional son sometidos aquí a duras críticas, exaltando falsas mitoloxías, impugnándolle culpabilidades. Unha farsa creada arredor de dúas realidades que lle presentan á cidadanía as orientacións universalistas e a democracia fronte ao particularismo da nación que se delimita a si mesma fronte ao resto. Hai dous camiños ante isto, ou ben aceptar docilmente estas convencións que se establecen dende fóra e que non fan máis que irradiar o pensamento reitor que parte dos centros do poder estatal, ou pola outra, a posibilidade de partir de nós mesmos, segundo somos, co fin de adquirir o que é verdadeiramente universal, a través da peneira do propio. Nun mundo globalizado habitado por cidadáns multiconectados vía internet, no que se esvaecen as fronteiras, non é máis ben o estado-nación o que se derruba? Confúndense os que apostan por unha imposible homoxeinización e os que tentan o ataque dende esa perspectiva, xa que ese pode ser o motor do cambio e das transformacións político-institucionais. A idea de nación dentro desta perspectiva non pode ser eliminada da reflexión e ó debate actual. Convértese pola contra no factor estratéxico na autodeterminación democrática.

Porque cando falamos de nación, temos que situarnos no plano dos cidadáns, pero non só como o cerne dun poder político, senón coma un conxunto de individuos con un pasado e unha historia común, que tamén teñen unha vontade de futuro común. Xa que ademais do espazo compartido, determinado polo azar e alonxado de toda decisión persoal, está o elixido libre e voluntariamente por coincidencia nun proxecto colectivo.
XORNAL

0 comentarios: