22.8.09

O 'impaís'

O conselleiro de Industria dese país postula que as empresas leven a súa produción fóra, a outros países e por iso, xunto coa conselleira de Traballo, aproba deslocalizacións industriais que deixan na rúa, ERE mediante, centos de traballadores do seu país. E a man non lles treme. Ese mesmo conselleiro de Industria pretende revisar o concurso eólico para beneficiar, desta vez dixitalmente, ás empresas de fóra. As mesmas que levan décadas explotando os recursos naturais do seu país e estragando impunemente a súa natureza. Onte en Castrelo de Miño e hoxe nos canóns do Sil. E a man non lle treme. A conselleira de Facenda dese país acepta un sistema de financiamento prexudicial para os seus cidadáns e asiste calada, cun silencio cómplice, ás ameazas de absorción das súas caixas de aforro por entidades de fóra. E a consciencia non lle remorde. Esa mesma conselleira que rebaixa os impostos aos que máis teñen, xustifica despois coa falta de recursos os recortes constantes nos servizos e nas prestacións públicas que, con entusiasmo militante, aplican despois os seus compañeiros de gabinete no ensino, na sanidade ou nos servizos sociais. E mesmo anuncian novas privatizacións e retallamentos. O conselleiro de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística dese país teñen como prioridade o combate contra a lingua dese país. Por iso, ao seu ver, despolitizar o ensino equivale a depurar calquera sinal capaz de espertar no alumnado o coñecemento e o cariño cara ó seu país. E aínda fachendean, ignorantes de que o país que non defende o seu en ván reclamará fóra respeito polos seus intereses.

Nese país o presidente do Goberno escolle para o negociado encargado de mirar polo cumprimento da normativa laboral a unha persoa condenada, precisamente, por incumprila de xeito aberto e reiterado. E lonxe de a cesar, defende a súa continuidade no posto. Nun país así ninguén se estraña de que o goberno, metido até o pescozo na lameira da corrupción e do tráfico de influencias, aínda se permita fachendear contra toda evidencia de austeridade e honradez no manexo da cousa pública. Nese país ninguén semella tampouco incomodarse porque o presidente do Goberno pase a maior parte do tempo, semana tras semana, na capital do país veciño gañando méritos e negociando cos seus gobernantes e prebostes da empresa e da comunicación a venda en porcións do seu país. Hai quen dirá que ese país ten o goberno que merece. E, porén, a maioría dos seus cidadáns e cidadás votaron por algo diferente.
Artigo de Opinión de Carlos Aymerich, no Xornal.com

0 comentarios: