Nun acto de reparación que o delegado do Goberno en Galicia, o socialista Antón Louro, definiu como “unha reafirmación das conviccións profundas asentadas na democracia”, o membro da Unión do Pobo Galego (UPG) Xosé Ramón Moncho Reboiras recibiu o recoñemento oficial como vítima da ditadura. Sindicalista tiroteado ata a morte pola policía franquista tal día como onte hai 34 anos –tras unha forte redada contra o que, presuntamente, era o xérmolo dun grupo armado de resistencia ao ditador e que acompañouse de decenas de detencións e o exilio de moitos militantes da UPG–Reboiras é considerado o gran mártir do nacionalismo galego moderno, “como o da anterior etapa foi Alexandre Bóveda”, segundo apunta Bautista Álvarez, fundador da UPG que estivo no acto celebrado na delegación do Goberno na Coruña. Xunto a el, o voceiro do Bloque, Guillerme Vázquez,os principais referentes do BNG que pertencen á UPG –Francisco Rodríguez, Bieito Lobeira, Francisco Jorquera, Ana Pontón ou Francisco García, entre outros– ou o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo. O documento oficial de reparación foi recollido por un emocionado Manuel Reboiras, irmán do nacionalista morto en Ferrol en 1975.
“Queremos que Moncho sexa recordado como unha persoa que loitou con todas as consecuencias pola liberdade do seu pobo”, afirmou Manuel Reboiras, que tamén utilizou a versión do vello lema nacionalista para cualificar ao seu irmán como “semente de vitoria”. “Foi un exemplo de compromiso por un soño vermello, branco e azul que lle levou a padecer como outros moitos a violencia ilexítima dun réxime ditatorial”, engadiu.
Antes, o delegado do Goberno gabou o traballo levado a cabo por Francisco Rodríguez, secretario xeral da UPG e dirixente do Bloque, durante os ses anos no Congreso de Madrid, onde foi un dos poñentes da Lei de Memoria Histórica, que segundo Louro vén “romper con certo silencio dos primeiros anos da transición e recuperar a lembranza dos perseguidos”. Ademais, destacou o feito de que o recoñecemento oficial viñera asinado por un ministro de procedencia galega, o ceense Francisco Caamaño.
En primeira liña do acto –no que tamén se recitou un poema de Manuel María en homenaxe a Reboiras– estivo presente o actual líder do BNG, Guillerme Vázquez, que considerou a reparación como unha “obriga”. “Seguramente tería sido imposible facelo co PP no poder en Madrid, eu era deputado cando había que condenar o franquismo e non eran capaces”. Ademais, lembrou de xeito persoal os complicados días da morte do militante nacionalista. “Eu aínda non militaba, pero si que me acordo da miña nai moi preocupada e con medo, dicindo que a policía ía matar a todo o mundo. Foron momentos terribles”, rememora.
A clandestinidade e dureza da loita contra o franquismo dos nacionalistas de corte marxista viviuna en primeira persoa o veterano Bautista Álvarez, agora presidente da UPG e ex deputado do Parlamento galego. “Moncho foi un gran compañeiro e por iso homenaxeámolo cada 12 de agosto. Foi un loitador pola nosa nación e cos actos anuais ou co de hoxe pois facemos algo moi importante que é rescatalo do inferno ao que o quixeron mandar os seus propios asasinos”, apunta.
Álvarez tivo que refuxiarse en Portugal durante aquela época. Lembra que “alí contabamos con apoios, incluso oficiais despois do 25 de abril, pero o certo é que temíamos que mandaran pistoleiros a por nós, así que ata cambiamos o piso no que nos agochabamos porque xa era moi coñecido”, relata.
O acto rematou, a petición dos propios familiares, coa interpretación do himno galego, entonado por moitos puño en alto cun retrato do Rei ao fondo. Tamén se cantou no organizado pola propia UPG, que ademais do recoñecemento a Reboiras supuxo unha exhibición –na que participaron medio milleiro de persoas– da nova actitude da forza hexemónica do BNG e a súa contorna tras a perda do poder na Xunta e a chegada do PP de Feijóo. Un espectacular corredor de bandeiras galegas e vermellas acolleu a ofrenda no punto no que foi abatido Reboiras, onde Xesús Seixo, da CIG, destacou que “existen similitudes entre 1975 e a actualidade, xa que segue a gobernar unha dereita reaccionaria e antigalega”. Pola súa parte, Francisco Rodríguez pechou un día emotivo para os nacionalistas dicindo que “recoñecer a Moncho é recoñecernos a nós mesmos”.
13.8.09
Ao fin o Estado recoñece a figura de Moncho Reboiras
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 5:39 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário