Cando era vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana xa sufriu o azoute do PP, daquela oposición, por causa do decreto eólico. O nacionalista defendía o mesmo que defende agora: “Era a primeira vez que Galiza era dona dos seus recursos”. Agora, co seu proxecto derrogado, o ex portavoz nacional do BNG é contundente na súa crítica: “Todo isto aseméllase moito á prevaricación e á malversación”.
Di a súa formación que con este novo proxecto eólico do PP van volver ás adxudicacións a dedo.
O que o PP vai a facer con isto é volver a favorecer aos catro de sempre. Ás empresas amigas e de paso a certa aristocracia mediática que hai neste país que quere gobernar sen pasar polas urnas. A decisión de Feijóo é unha decisión inxusta e por riba, a sabendas de que é inxusta. Unha decisión que vai ter unha gravosa repercusión no erario público, nos cartos de todos os galegos e galegas.
Que cre que pode perder Galicia coa derrogación do decreto eólico?
Galiza vai perder cartos e algo máis importante que é prestixio. A decisión de Feijóo o que fai é convertir Galiza nunha república bananeira onde non hai seguridade xurídica para os investimentos privados. Iso é o máis grave que lle pode pasar a un país en tempos de crise. Que alguén dite resolucións inxustas sabendo que o son, e que a alguén non lle importe gastar fondos públicos para os seus caprichos... calquera experto en Dereito diría que esto se asemella moito á prevaricación e á malversación. Feijóo debería de telo en conta.
Fala de empresas amigas. Que poderes hai tras desta decisión?
Por primeira vez Galiza era dona dos seus recursos e, por primeira vez, Galiza lexislaba para que os galegos e as galegas foran os principais beneficiarios da explotación dos recursos naturais desta terra. Ningún Goberno sensato podería botar abaixo iso. Admítense matizacións ou modificacións puntuais como en calquera Executivo, pero o que fai Feijóo só se explica se o que se pretende é que, no canto de que se beneficien os cidadáns de Galiza, se beneficien os catro de sempre. Se ademais diso se dá a satisfacción dalgún aristócrata mediático que o que lle gusta é gobernar sen presentarse ás eleccións, tanto mellor para o señor Feijóo. É o que lle gusta.
Pois a Xunta asegura que o decreto o derroga polas súas numerosas tachas legais.
Se hai tachas legais debería de recorrer quen se sentise afectado e serían os tribunais os que ditaminarían se existían esas tachas ou non. Feijóo sabe que o decreto foi aprobado polo Goberno con todas as beizóns da Asesoría Técnica Xurídica da Xunta de Galicia. De todos os xeitos, o último que lle importa é a legalidade. O decreto eólico significaría, coa súa aplicación práctica e cos proxectos industriais asociados, a creación de máis de 8.000 postos de traballo. Era un auténtico plan de emprego de Galicia en tempos de crise e Feijóo tírao pola borda. E tírao tendo como único plan contra a crise malvender en revenda os coches usados da Xunta que el mesmo comprou.
Que lle parece que un canon vaia a substituir a participación pública nos parques eólicos?
Participación pública nos parques quere dicir que o conxunto da cidadanía galega benefíciase diretamente. Quen esté en contra diso que o diga. Se Feijóo está en contra da participación pública é porque está a favor de determinadas empresas, aínda que iso vaia en detrimento do beneficio dos galegos. Esa é a política que quere implantar en Galiza.
O BNG di que o proceso se dirimirá nos xulgados xa que haberá moitas alegacións das empresas. Non obstante, a Xunta asegura que, tal e como está plantexado o proceso, non haberá que indemnizar a ninguén.
Hoxe deberíanse de estar xa levando a cabo os pasos administrativos para implantar os parques eólicos concedidos polo decreto e empezándose a pór en marcha os proxectos industriais que xerarían 8.000 postos de traballo. Feijóo prometeu eficacia e rapidez contra a crise e a cambio diso danos a nada. Danos unha regulamentación eólica coma a de sempre e a beneficio dos de sempre. Por outro lado, Feijóo non só quere suplantar ao Constitucional, senón que quere suplantar o dereito libre das persoas a manifestarse se se fai algo que vai en contra dos seus intereses. Non sei se se lle subiu o cargo á cabeza incluso antes de telo.
O PSOE dicía onte que sorprende ver como a Xunta é tan meticulosa coa instalación das eólicas cando non lle ocorre o mesmo coas plantas acuícolas.
O PP utiliza a Constitución, o ecoloxismo e a Biblia con tal de beneficiar aos catro de sempre. Na ecuación dos populares hai múltiples variables constitucionais, ecolóxicas, marítimas, pesqueiras ou bíblicas pero, ao final, o resultado é sempre o mesmo: beneficiar aos catro de sempre. Esta é a verdade, todo o demais son excusas de malpagador.
7.8.09
Anxo Quintana: “O PP usa a Constitución, o ecoloxismo e a Biblia con tal de beneficiar aos de sempre”
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 6:20 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário