Cando o goberno de Fraga, con Núñez Feixoo de vicepresidente, adxudicou máis de 4000 MW eólicos a amigos e empresas de escasa ou nula solvencia económica, muitas delas recén criadas por personaxes próximos a PP – como Castro Valdivia – e PSOE – Francisco Vázquez -, tamén envolvidos na trama hidroeléctrica denunciada polo Consello de Contas, un coñecido diario coruñés gardou un clamoroso silencio. Tampouco informou aos seus numerosos leitores de que o goberno popular foi asesorado, nesta adxudicación, por unha consultora propriedade dunha empresa basca, GAMESA, beneficiaria dun bon lote de megavatios. Daquela non interesaba. Todo quedaba na casa.
Mais cando o BNG impulsa desde o goberno galego unha nova política enerxética respeitosa co meio ambiente – a diferenza dos gobernos do PP non se vai ocupar ningún espazo incluído na “Rede Natura” –, favorábel aos intereses do país – na previsión da participación pública e na obriga dos adxudicatarios de desenvolveren proxectos industriais – e faino, ademais, de xeito rigoroso e transparente – a meio dun concurso público con participación das consellarías de industria, meio rural, meio ambiente e política territorial – aí comezan os problemas.
Os problemas co PSOE, que non dubidou en utilizar un Consello Consultivo nomeado na súa integridade por Fraga para tentar paralisar o Decreto eólico. Os problemas co goberno español que non dubidou en utilizar a empresa pública “Red Eléctrica Española S.A” para tentar paralisar o concurso co argumento da falta de capacidade de evacuación (sen reparar nos retrasos que acumulan as infraestruturas enerxéticas que esta empresa estatal ten que acometer en Galiza). Os problemas e as presións exercidas por poderosos grupos enerxéticos foráneos, receosos de que as autorizacións non recaisen nos de sempre. E os problemas, como é notorio, con certos poderes fácticos, económicos e mediáticos, afeitos a se repartiren Galiza, o seu territorio e os seus recursos naturais, como se dun clube privado se tratase.
E con todo, o proceso segue. A resolución dun concurso público non pode ser obxecto de negociación, tal e como algúns pretenden mesmo dentro do goberno galego. A adxudicación dos megavatios eólicos ten de se facer dentro da máis escrupulosa observancia da legalidade e das bases dun concurso que toma en conta a participación pública nos beneficios e o emprendimento de proxectos industriais no país. Así será. Porque isto é gobernar. Promover o interese xeral, o da maioría social, frente a calquera influencia ou presión. Así o entende o BNG. Outros farán ben en lembrar que non se pode servir a dous señores.
Publicado en Xornal Galicia
2.1.09
O CONCURSO EÓLICO
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 10:35 da manhã
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário