13.1.09

Entrevista co Conselleiro de Innovación e Industria

O actual conselleiro de Innovación e Industria analiza nesta entrevista para a web do BNG as medidas estrela do seu departamento durante esta lexislatura, pero tamén fai unha radiografía da actual crise económica e das propostas para saír dela.
Unha pregunta obrigada é sobre a resolución do concurso eólico. Agardaba tanta polémica e controversia arredor desta resolución?
“Con este concurso eólico os galegos e galegas terán o 14,28% dos parques eólicos, dos anteriores concursos do PP teñen cero”
Creo que facer as cousas con cambios de fondo sempre suscita controversias. O máis fácil é deixarse levar pola inercia e repetir modelos pasados. Por iso cando nós, en comparación co anterior sistema do PP, puxemos en marcha un concurso público suscitouse controversia porque supuxo cambios evidentes. Esiximos uns baremos obxectivos como a participación pública, o desenvolvemento de proxectos industriais, o desenvolvemento de proxectos medioambientais, ou incluso a canalización do aforro, que figuraban como punto de valoración. Creo que xa coñecemos o modelo do PP: un modelo ocultista, onde concedía o conselleiro sen saber que criterios se avaliaban. Pola contra, o noso é un modelo de concurso público, transparente, onde se analizan todas as propostas e aquelas que redundan nun maior beneficio para os galegos e galegas son as adxudicatarias. Os galegos e galegas teñen que saber que agora un 14,28% dos muíños que se van poñer perténcelles, e dos anteriores cero. Pode haber algúns cambios na resolución?
A resolución é definitiva. A resolución é firme. É unha admisión a trámite, pero a resolución é firme.
Cando se prevé que os parques eólicos entren en funcionamento?Actuarase en tempos diferentes, en función da propia axilidade e eficiencia dos promotores. Haberá algúns que poidan entrar en funcionamento en dous ou tres anos e haberá algúns que poidan levar máis, en función do proxecto presentado e da súa axilidade e eficiencia. Esta participación pública, que se canalizará a través do INEGA, será o xérmolo cun grupo enerxético público galego?
A participación da Xunta de Galiza no sector enerxético xa empeza a ser importante. Imos ter un 14,28% nestes megavatios, temos participación en REGANOSA, en Gas Galicia, podemos ter participación en moitos proxectos que se poñan en marcha. Polo tanto configúrase aí un grupo importante.
Se a iso lle sumamos que xa hai un número importante de empresas galegas que actúan dentro dese sector, evidentemente que a conxunción de forzas de iniciativa galega, tanto pública como privada, poderían configurar un grupo enerxético galego de certa entidade, que haberá que mirar que percorrido ten. Con este grupo gañamos dúas cousas: presenza no sector, e polo tanto, beneficios para os galegos e galegas, e a articulación dun grupo de cara o futuro.
Será esta unha das propostas en materia de industria do programa eleitoral do BNG?
Creo que si porque a enerxía é un sector estratéxico de cara ao futuro, como o estamos a ver estes días coa gran dependencia enerxética que ten Europa doutros países. Polo tanto, debemos reducir ese grao de dependencia. A aposta polas renovábeis que fixemos é moi importante, porque non esquezamos que o 95% da enerxía que se consuma no futuro vai ser de enerxías renovábeis. É un cambio substantivo.
En absoluto renunciamos ao traslado de ENCE”Un dos proxectos que quedou descartado foi o do traslado de ENCE.....
Creo que son dúas cuestións distintas. O concurso eólico, efectivamente, podía ser unha oportunidade, pero era un concurso público, onde había que competir con outros, que foron mellores na presentación deses proxectos.
Iso non significa que se renunciase en absoluto. ENCE ten a limitación de 2018 e polo tanto tense que marchar de alí. Penso que o razoábel é buscar unha alternativa que permita facelo canto antes. Nese sentido, as negociacións continuarán, agora sen o que supuña unha oportunidade pero tamén un condicionante.
En que fase se atopan as negociacións?
Cos propietarios de ENCE lévase falando tempo e haberá que seguir falando no futuro. Pero hai unha parte substantiva que son os propietarios de ENCE. Nós dende o 2018 non tempos capacidade se non hai un acordo para retirala. Polo tanto, debe de ser unha conxunción de vontades, que até este momento non se ve con claridade.
“O Estado ten que garantir que o investimento no sector financeiro chegue a quen o necesita: os cidadáns e as empresas”
Véñense de coñecer os dados do paro no conxunto de 2008 e a verdade é que as cifras asustan: incremento do 22% en Galiza con respecto a 2007 e máis de 3,2 millóns de parados no conxunto do Estado. Esperaba que a crise fose tan dura?
No 2007 xa falei de crise e polo tanto non me teño que arrepentir de non ter alertado da situación que ía producir. Daquela propuxemos medidas porque isto se vía vir. A gravidade ou afección era máis difícil de discernir nese momento, pero é unha crise moi importante que está a afectar a todo, de maneira global. E ,sobre todo, en certos sectores que se ven moi afectados, como a construción, a lousa, o automóbil, o granito, aínda que a afección é ao conxunto. Polo tanto, nós como Administración o que temos que facer é apoiar ás empresas, darlles forzas para aguantar este temporal para saír desta crise reforzadas.
Pero hai algo que todos os empresarios me repiten: necesitan financiamento. E o sistema financeiro non está prestando axuda que tanto as empresas como as familias precisan para adquirir bens de consumo e para levar proxectos de futuro, a pesar das inxeccións que veñen dende a propia administración. E isto non é tolerábel.
Xa que logo, hai que esixir claramente aos bancos e caixas que fagan unha aposta imprescindíbel polas empresas e polas familias. E que os cartos que se lles dan vaian a onde teñen que ir. Do contrario, haberá que cambiar o sistema.
O problema de financiamento é o problema máis grave que teñen neste momento as empresas e as familias. E, polo tanto, ten que resolverse e o Estado debe garantir que o investimento público chegue a quen o necesita e para quen se lle da.
Nós non queremos os cartos para resolver os problemas dos bancos e caixas debidos a unha xestión máis ou menos eficaz ou máis ou menos irresponsábel. Senón que eses cartos sirvan para artellar unha recuperación económica, non a deles, senón a do conxunto do entramado económico.
“É imprescindíbel a creación dun instituto galego de crédito oficial”Que marxe de actuación ten a Xunta de Galiza neste momento para resolver ese problema?
A marxe de manobra é moi limitada. A ausencia dun Instituto de Crédito Oficial galego ou dunha banca pública condiciona claramente a capacidade de reacción dunha administración como a galega.
Sería por tanto imprescindíbel a creación dun instituto galego de crédito oficial. Todos os que hai un ano dicían que o público debería desaparecer son os que agora reclaman berrando máis alto ca ninguén a necesidade da intervención pública. En que quedamos? Podo ir ao eólico. A participación pública sempre foi un cabalo de batalla do BNG, do BNG, e non de outros. E daquela se nos dicía que o libre mercado resolvía todo, e os que dicían iso hai un ano agora claman pola intervención pública. Algúns seguimos tendo coherencia no que plantexamos, outros eles saberán.
Un sector que pasa por un momento difícil é o da automoción. Por onde deberían pasar as medidas para buscar unha saída á crise deste sector tan importante na economía galega?

A solución á situación do sector do automóbil vén tamén incentivar e garantir o financiamento para os consumidores. Nós falamos de que hai que presentar un novo Plan RENOVE, con subvención directa e con articulación de medidas de financiamento que garantan iso. Ese é o problema.
O resto, as apostas de tipo tecnolóxico, nós xa as temos deseñadas dende antes da crise para ir cara a un cambio substancial no modelo de produción do automóbil, que agora hai que axilizar e no que temos proxectos importantes. Pero a solución agora é que se compren coches.
O Plan VIVE non me parece suficiente. Ante grandes problemas cómpren grandes solucións, e a solución vai por un Plan Renove, onde haxa unha parte de subvención directa e garantirlle o financiamento aos consumidores.
Veñen de comezar as rebaixas, cunha queixa unánime do sector polo descenso das vendas. Cal é a avaliación que fai a Consellaría da situación do comercio galego?
O sector do comercio está a pasar esta crise con dificultades por unha redución do nivel de vendas e tamén pola falta de financiamento. Dende a Consellaría puxemos en marcha iniciativas para axudar o sector. Así, nos orzamentos para 2008 démoslle prioridade aos investimentos no comercio galego, cun incremento do 15,8% ao respeito do ano 2007 chegando aos 35 millóns de euros.
Unido a este problema conxuntural da crise económica, hai unha cuestión máis estrutural de sectores produtivos galegos que, como os do téxtil ou da pedra-lousa, están sufrindo a competencial global. Cal é a aposta que deberían facer as empresas galegas para afrontar este reto?
Innovación, tanto no proceso como no produto. Creo que a aposta pola I+D+i é imprescindíbel. Se queremos seguir ocupando espazo ante unha situación que, efectivamente, é así, desde logo, a aposta pola innovación ten que ser unha clave esencial nisto e cara a iso estamos dirixindo os nosos esforzos, cara á innovación e busca de novos mercados a través da internacionalización, e, inevitabelmente, cara á revisar un sistema que non dá resposta a moitos dos problemas que están a suceder.
“A actual crise demostra que hai que cambiar o modelo: as economías especulativas foron un timo a gran escala
”Nesta crise viuse que era necesario un cambio no modelo de crecemento?
Creo que está claro que dalgunha maneira nos puxo na realidade. Estas economías especulativas, onde a espiral da inflación aliméntase e impúlsase a si mesma, rompen e descubrimos a verdade. Creo que isto foi un calote da estampita a gran escala.
Un dos proxectos que o BNG vén defendendo historicamente é a recuperación de ASTANO. Hai novidades?
Creo que se alguén defendeu ASTANO e o sector naval e desde logo apostou e fixo unha defensa en todos os sentidos dende logo é o BNG, e esta consellaría especificamente. Alégrome de que agora moitos empecen a contemplar que a construción naval é posíbel en ASTANO, despois de opoñerse de forma máis ou menos clara durante moito tempo e durante todo o proceso no que a Consellaría de Industria defendeu iso. Con posicións doutros partidos políticos que si votaron a favor no Parlamento pero que despois instrumentalizaban coas forzas que tiñan unha oposición a ese cambio. Parece ser que iso vai cambiar agora, e como estas fe dos conversos é moi resistente, mesmo pode ser que o poñan como bandeira, pero a sociedade galega sabe o que hai.
Un empresariado comprometido coa defensa dos intereses de Galiza está moi dentro da liña que o BNG defende”Por agora non hai información sobre o proceso para levantar o veto. Nós colaboraremos e estaremos aí para que sexa un traballo conxunto. Se alguén ten credibilidade para defender ese sector e conseguir eses cambios é quen xa o fixo hai dous anos.
Cando o BNG asumiu a dirección da Consellaría de Industria, a relación do nacionalismo co empresariado galego estaba interferida por preconceitos.
Cambiou a percepción do empresariado galego e viceversa nestes catro anos?
Penso que todos tiñamos preconceitos, os empresarios e o BNG. Porén, fomos capaces de superalos e buscar puntos de encontro, cun obxectivo coincidente para eles e nós: defender os intereses do país. E iso tamén significa defender os intereses dun empresariado galego comprometido co país. Polo tanto, hai puntos en común. Penso que esa relación foi frutífera para todos e iso é bo para eles e para o BNG.
É imprescindíbel que desde calquera sector haxa unha aposta polo país, polos intereses dos galegos e galegas. Calquera é benvido a ese proxecto. E eu considero que se son conscientes de que a defensa dos intereses propios sempre é algo prioritario nun pais, o comportamento que ten que producirse está moi dentro da liña que o BNG defende. Iso é evidente.
Cales son os proxectos nos que lle gustaría ter avanzado máis nesta lexislatura?
Quizás a creación da Axencia de Desenvolvemento Industrial e Innovación gustaríame vela rematada, pero diferentes visións produciron un atraso e espero que sexa unha realidade na próxima lexislatura. O resto dos compromisos que tiñamos cumprímolos: o Plano Galego de I+D+i, o Plano Galego da Sociedade da Información, a Lei de Horarios Comerciais, a Lei de Minas, a aposta polos sectores industriais produtivos, polo comercio, polo turismo tamén. Houbo un nivel de cumprimento moi alto e iso é o que nos vai dar credibilidade para que agora lle expliquemos á sociedade galega que queremos facer nos próximos catro anos, porque hai que dar saltos, hai que continuar, e este cumprimento é o que nos permite ter creto suficiente para levalos adiante.
Cales son as súas expectativas para os comicios do 1 de marzo?Creo que un medre importante do BNG, qué o que as enquisas dan. Ese é o meu desexo e polo que vou traballar. Eu falarei do BNG, dos demais que falen outros

1 comentarios:

Anónimo disse...

Di o conselleiro, creo que é do psoe, que co concurso eolico os galegos teremos o 14,28. E a quen lle darán o 85,72. Por que non lle dan o 100% ao pobo galego? Vese que sodes 6 veces mais amigos dos empresarios que do pobo que decides defender.