Quintana durante a defensa da súa candidatura
O candidato asegura que “a alternativa ao disparate que nos presentan outros é o proxecto nacionalista, de benestar e igualdade”
O líder nacionalista defendeu na Asemblea Nacional Extraordinaria a súa candidatura a optar á presidencia da Xunta
O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, pedíu esta mañá na súa intervención na Asemblea Nacional Extraordinaria o apoio “de todos e todas para que o proxecto transformador, a favor das maiorías sociais do BNG sexa o Partido Galeguista do século XXI, a forza política que sexa capaz de abrazar esa maioría social galeguista que quer que unha forza política propia rixa o destino do país”.
Quintana asegurou na presentación da súa candidatura que o BNG vaise marcar “o reto de acadar o mellor resultado da súa historia nas eleccións galegas” e puxo como aval os dados dos comicios municipais e estatais nos que o nacionalismo xa se refrendou como forza política con forte implantación no país.
O líder nacionalista presentouse como “representante dun proxecto colectivo, o do BNG, e do seu programa", polo que pedíu "con humildade o voso apoio para ser o candidato de todo o BNG porque quero ser o presidente de todos os galegos e galegas”.
Quintana fixo especial fincapé na súa intervención no feito de que “o BNG é diferente” e exemplificou esta diferencia no xeito de abordar a situación de crise económica, asi, “fronte á economía especulativa, nós temos unha economía con raíces, baseada no territorio e pensada para a xente”. “A alternativa ao disparate que nos presentan outros”, continuou, “é o proxecto nacionalista, de benestar e igualdade, porque iso é o que necesitamos, un proxecto político próximo á xente”.
O candidato asegurou que o BNG é “garantía da autocrítica tan necesaria” e indicou que é a única forza política que “non deixa nun alegato progre a igualdade entre homes e mulleres, senón que o leva á acción de goberno”.
O líder do Bloque dixo que a proximidade do nacionalismo á xente “é o que temen os nosos adversarios, é o que lles molesta e ése é un valor político ao que non imos renunciar”. Outro dos valores irrenunciábeis do proxecto político nacionalista é, tal e como incidíu o candidato, “a defensa do noso idioma, porque en el está a nosa identidade” e opinou que “é imposíbel o benestar sen identidade”.
5.10.08
Quintana: "Pido o voso apoio para que o BNG sexa o Partido Galeguista do século XXI"
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 8:48 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário