21.10.08

Implantación do Xantar na Casa

QUINTANA PRESENTA O PROGRAMA XANTAR NA CASA, QUE COLOCA A GALIZA NA VANGARDA DO ESTADO EN SERVIZOS SOCIAIS DE PROXIMIDADE

§ O vicepresidente da Xunta salientou que con este servizo ábrese unha nova etapa na que son os recursos os que se achegan á xente e non a xente aos recursos
§ A primeira fase de Xantar na Casa chegará a 90 concellos de toda Galiza e beneficiará a máis de 800 persoas, o que suporá un custe global de máis de 800.000 euros
§ Cada usuario pagará, como máximo, 54 euros ao mes polo seu menú diario, adaptado ás súas necesidades e elaborado con materias primas de primeira calidade

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou hoxe en Santiago o programa Xantar na Casa, co que se achegará menús saudables aos domicilios das persoas maiores, dos dependentes ou das persoas en risco de exclusión social. Este novo programa, que se suma a proxectos coma o transporte adaptado, a axuda no fogar ou a teleasistencia, sirve para situar a Galiza á vangarda do Estado nos servizos sociais de proximidade e axuda domiciliaria. Para Quintana, ábrese así no país unha nova etapa “na que son os recursos os que se achegan á xente, e non a xente aos recursos”.

O acto de presentación do programa Xantar na Casa desenvolveuse esta mañá na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, onde se instalaron os vehículos que prestarán este novo servizo, xunto co persoal encargado do seu desenvolvemento. A continuación tivo lugar na Casa da Parra unha demostración do funcionamento do servizo, así como unha degustación dalgúns dos menús que se servirán a través de Xantar na Casa. Ademais do vicepresidente da Xunta, ao acto tamén asistiu a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Lois Pérez Castrillo; e os alcaldes dos concellos galegos onde se implantará esta primeira fase do servizo.
Na súa intervención, o vicepresidente do Goberno galego explicou que o programa Xantar na Casa inclúese na carteira de prestacións do Sistema Galego de Benestar e supón un novo avance na estratexia de reforzo dos servizos de atención domiciliaria, cos que se pretende garantir a permanencia das persoas no seu contorno, ao tempo que promove a súa autonomía persoal. Ademais, Quintana fixo especial fincapé na importancia da colaboración institucional, froito da cal, segundo afirmou xorde esta iniciativa, que representa un novo compromiso desta colaboración entre a Xunta e os concellos galegos, na liña de cooperación e diálogo promovida desde a Vicepresidencia. Así, serán os servizos sociais municipais os que seleccionen ás persoas beneficiarias do programa, mentres que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar xestionará a prestación do servizo e realizará o seguimento do mesmo.

Autonomía e conciliación
Segundo explicou o vicepresidente da Xunta, Xantar na Casa é un recurso de proximidade co que se facilitará unha alimentación equilibrada e saudable para as persoas maiores, as persoas dependentes ou aquelas en situación de exclusión social. Os principais obxectivos deste programa pasan por favorecer a autonomía persoal, garantindo a permanencia no fogar; facilitar un respiro ás familias coidadoras e axudar á conciliación laboral e familiar dos coidadores; e potenciar tamén os hábitos saudables.

O lanzamento de Xantar na Casa faise logo do desenvolvemento dun programa piloto experimental iniciado desde a Vicepresidencia da Xunta no ano 2005, que se sumaba así a outras iniciativas concretas postas en marcha nalgunhas zonas. Pero o que ata o de agora eran experiencias puntuais convértense a partir de hoxe nun proxecto nacional, homoxéneo e de calidade, con máis recursos e con garantía de continuidade na prestación do servizo.

Unha flota de 9 vehículos distribuirá os menús entre as persoas beneficiarias do programa, no que en total traballarán 34 profesionais encargados da elaboración, envasado e distribución das comidas, baixo estritos procesos de control alimentario e sanitario. Tamén está prevista a entrega previa de electrodomésticos – microondas e frigoríficos – ás persoas usuarias que carezan deles. Ademais, os menús estarán elaborados con produtos de primeira calidade, preferentemente de orixe galega. Cada persoa que reciba o xantar na casa pagará, como máximo, un total de 54 euros mensuais.

Fases de implantación
Coa presentación de hoxe dase por iniciada a primeira fase de implantación de Xantar na Casa. Nesta primeira etapa, que se prolongará ata xaneiro de 2009, o servizo funcionará nun total de 90 concellos de todo o país e beneficiará a máis de 800 persoas, cun custo global previsto de 800.000 euros. O obxectivo é acadar que en xaneiro de 2009 o programa atenda xa a 1.200 persoas nun máximo de 130 concellos. Cómpre salientar que máis do 70 por cento dos 90 concellos que implantarán o servizo neste mes corresponden a áreas rurais ou zonas de elevada dispersión poboacional. Ademais, a selección destes primeiros 90 concellos responde a un estudo previo de necesidades, no que se valoran criterios como o índice de avellentamento, a ratio de dependencia senil ou o grao de dispersión.A segunda fase arrancará en febreiro de 2009 coa incorporación dos 39 concellos que hoxe dispoñen do servizo de comida a domicilio a través do Plan Concertado, así como daqueles outros concellos interesados en adherirse á iniciativa. Xa no ano 2010 activarase a terceira e última fase de Xantar na Casa, coa incorporación de novos municipios consorciados, ata asegurar a máxima cobertura territorial do servizo no país.

Seguimento individualizado
No programa Xantar na Casa destaca tamén a súa dimensión de compromiso social, xa que supón, ademais dunha aposta pola prevención e a atención á dependencia, unha loita contra a exclusión social, con actuacións que impulsan o trato personalizado e o seguimento individualizado de cada persoa usuaria. Así, habilitarase unha liña telefónica aberta ininterrompidamente os 365 días do ano para atender calquera incidencia na prestación do servizo. Ademais, os auxiliares de reparto non se limitarán só á entrega dos menús, senón que asesorarán aos usuarios e poderán facer un seguimento puntual de cada caso, o que permitirá detectar calquera circunstancia excepcional no núcleo familiar de convivencia.

1 comentarios:

Anónimo disse...

Pois podia ir acompañadodo Programa bailar na casa.