14.10.08

Jorquera reclama unha explicación a Defensa


O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para preguntarlle ao Ministerio de Defensa “por que razón procedeu á destrucción dos informes realizados polo Cevaco, órgano da Armada, sobre o sinistro da Fragata Extremadura ocorrido en decembro do ano 2005 e no que morreron dous militares”. Segundo informa o grupo parlamentar nun comunicado, o deputado do BNG quer saber se “ao se tratar de accidentes ou casos baixo investigación, “debe a Armada cumprir igualmente as normas de destrución de documentos por motivos de seguridade. Dado que se trata dunha causa aberta, non tería a Armada que ter conservado esa documentación?”, son algunhas das cuestións que formula ao Ministerio na iniciativa parlamentar. Documentos dunha investigación Jorquera pide explicacións a Defensa, segundo o comunicado, por “ter eliminado os informes redactados polos membros do Centro de Valoración e Apoio da Calificación Operativa para o Combate (Cevaco) sobre o accidente da Fragata Extremadura, que foron requeridos pola familia do soldado falecido”, Erik Noval, e que segundo Defensa “foron destruidos por motivos de seguridade”. Ademais, Jorquera tamén lle require a Defensa información sobre as posíbeis copias destes informes “e de ser así, se van ser achegadas á investigación en curso”. O deputado do BNG salienta o feito de que entre os documentos eliminados se poderían atopar as táboas de rexistro de contaminación por cloro da auga da caldeira que explotou aquel fatídico 19 de decembro. Jorquera salienta que “estamos a falar dun informe moi importante para comprobar se os niveis de contaminación por cloro superaban o establecido no regulamento, unha das hipóteses que se barallan como causa da explosión”.

0 comentarios: