Nin boina nin birrete. O binomio que foi descrición, refrán e máxima do Partido Popular en Galiza morreu coa marcha do seu fundador e ex presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, ao senado de Madrid. A Praza Marina Española mantén ocupado a un home que durante anos foi o vértice dun partido sobre o cal xiraban poderosos satélites de gran discurso de masas e poder local. Pero Feijóo non é Fraga e Alfonso Rueda non é Cuíña, nin Cacharro, nin Baltar.
A estimación da sondaxe de Quadernas non podería ser máis sentenciosa cunha formación que experimentou un cambio de líder na cadeira máis fea: a da oposición. Incómoda e invertebrada, cunha única cabeza visíbel que, semella, non convence. Segundo estes datos, o Partido Popular galego mantería a súa categoría de máis votado nas catro provincias galegas, mais Lugo, lugar onde superaba en máis de dez puntos aos socialistas, só lle outorga case catro puntos de vantaxe sobre a lista decidida por Pérez Touriño. Así, o PP pasaría nesta provincia do 49,1 ao 39,2 en estimación de voto; o PSdeG subiría do 33,7 ao 35,4%; e o BNG medraría do 15,2 ao 18,5%. Un dato, este último, máis que positivo para a lista de Quintana.
De igual maneira sucede nas restantes A Coruña, Pontevedra e Ourense. A primeira poderá ser un símbolo da caída total do PP, unha mostra de que a sempiterna bandeira da gaivota ondea xa máis baixo que a rosa vermella. Así, o PSdeG colócase a só unha décima dos populares, obtendo o 35,1 e 35,2 por cento dos votos respectivamente. O descenso conservador é aproveitado tamén polos nacionalistas, que soben até o 22,9% dos votos. Sen embargo, sorprende na Coruña as respostas "en branco", case o 5% do total. O descenso do PP en Ourense é de seis puntos, case os mesmos que en Pontevedra. A maior parte desta caída en barrena vai para os indecisos, non tanto para PSdeG e BNG, que apenas soben un ou dous puntos por demarcación.
O voto urbano
O voto urbano esvara da simpatía nacionalista. A formación frontista perde enteiros nas cidades de Galiza e manca as aspiracións máis ambiciosas que deberían de marcar a progresión do BNG dentro do noso país. A eiva é importante xa que, nos grandes núcleos, só o 10% manifesta que votaría aos nacionalistas, polo 21,6 do PP e o 21,9% do socialistas, que teñen nas cidades unha poderosa fronte desde a cal batallar. É por agora o voto semiurbano o que pode dar unha alegría aos de Anxo Quintana, lugares que lle reportarían o 16,1 por certo dos sufraxios, a só tres e un punto de populares e socialistas.
O mesmo rural de antes mantén o tipo para ese PPdeG tolleito de estandartes do populismo, outorgándolle un 22,7 por cento dos votos, catro e nove puntos por diante de PSdeG e BNG. Así as cousas, o BNG precisa tirar da súa militancia, mais cómpre que estime a importancia de mobilizar o voto urbano, pulmón de calquera vitoria electoral.
A terceira idade
Tan ou máis importante é a conservación do voto ancián do PPdeG como a mobilización da xente nova do BNG. Se ben os populares arrasan no tramo de idade de máis de 65 anos (31,3%), o BNG ten nos mozos de entre 18 e 29 anos un espazo polo que medrar (20,8%) a costa dos seus rivais. Ben é certo que Quintana non se crece cos maiores, estancándose nun pobre 7,9% do total
4.10.08
Enquisa de GZnación
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 12:34 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário