En numerosas ocasións o BNG, no Concello de Neda, ten manifestado a necesidade de construir vivenda protexida para os veciños e veciñas do noso Concello, así o amosan as iniciativas levadas a cabo polo grupo municipal ao longo destes anos, coa presentación de mocións, co fin de que os gobernantes, os de antes e os de agora, puxeran a disposición da Consellería de Vivenda e Solo, tarreos para a construcción de vivendas.
Estes días a Consellería de Vivenda e Solo, anunicou o Plano Sectorial de Solo Residencial, un Plan sectorial que inclúe ao concello de Neda; dende o BNG queremos amosar o noso apoio á iniciativa, a cal terá unha repercusión importante para Neda, Concello tan necesitado deste tipo de actuacións.
Unha iniciativa, esta, que traerá beneficios para os veciños, non so, pola construcción de vivendas, senón tamén pola urbanización que vai representar en zonas verdes, viais, zonas de lecer, etc.
Nos vindeiros días, os concelleiros do BNG, tentarán unha reunión cos responsables da Conselleaía, co fin de coñecer polo miúdo esta actuación.
26.10.08
Neda está dentro do Plan Sectorial Galego de Solo Residencial, promovido pola Consellaría de Vivenda e Solo
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 8:26 da manhã 0 comentarios
21.10.08
Implantación do Xantar na Casa
QUINTANA PRESENTA O PROGRAMA XANTAR NA CASA, QUE COLOCA A GALIZA NA VANGARDA DO ESTADO EN SERVIZOS SOCIAIS DE PROXIMIDADE
§ O vicepresidente da Xunta salientou que con este servizo ábrese unha nova etapa na que son os recursos os que se achegan á xente e non a xente aos recursos
§ A primeira fase de Xantar na Casa chegará a 90 concellos de toda Galiza e beneficiará a máis de 800 persoas, o que suporá un custe global de máis de 800.000 euros
§ Cada usuario pagará, como máximo, 54 euros ao mes polo seu menú diario, adaptado ás súas necesidades e elaborado con materias primas de primeira calidade
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou hoxe en Santiago o programa Xantar na Casa, co que se achegará menús saudables aos domicilios das persoas maiores, dos dependentes ou das persoas en risco de exclusión social. Este novo programa, que se suma a proxectos coma o transporte adaptado, a axuda no fogar ou a teleasistencia, sirve para situar a Galiza á vangarda do Estado nos servizos sociais de proximidade e axuda domiciliaria. Para Quintana, ábrese así no país unha nova etapa “na que son os recursos os que se achegan á xente, e non a xente aos recursos”.
O acto de presentación do programa Xantar na Casa desenvolveuse esta mañá na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, onde se instalaron os vehículos que prestarán este novo servizo, xunto co persoal encargado do seu desenvolvemento. A continuación tivo lugar na Casa da Parra unha demostración do funcionamento do servizo, así como unha degustación dalgúns dos menús que se servirán a través de Xantar na Casa. Ademais do vicepresidente da Xunta, ao acto tamén asistiu a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Lois Pérez Castrillo; e os alcaldes dos concellos galegos onde se implantará esta primeira fase do servizo.
Na súa intervención, o vicepresidente do Goberno galego explicou que o programa Xantar na Casa inclúese na carteira de prestacións do Sistema Galego de Benestar e supón un novo avance na estratexia de reforzo dos servizos de atención domiciliaria, cos que se pretende garantir a permanencia das persoas no seu contorno, ao tempo que promove a súa autonomía persoal. Ademais, Quintana fixo especial fincapé na importancia da colaboración institucional, froito da cal, segundo afirmou xorde esta iniciativa, que representa un novo compromiso desta colaboración entre a Xunta e os concellos galegos, na liña de cooperación e diálogo promovida desde a Vicepresidencia. Así, serán os servizos sociais municipais os que seleccionen ás persoas beneficiarias do programa, mentres que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar xestionará a prestación do servizo e realizará o seguimento do mesmo.
Autonomía e conciliación
Segundo explicou o vicepresidente da Xunta, Xantar na Casa é un recurso de proximidade co que se facilitará unha alimentación equilibrada e saudable para as persoas maiores, as persoas dependentes ou aquelas en situación de exclusión social. Os principais obxectivos deste programa pasan por favorecer a autonomía persoal, garantindo a permanencia no fogar; facilitar un respiro ás familias coidadoras e axudar á conciliación laboral e familiar dos coidadores; e potenciar tamén os hábitos saudables.
O lanzamento de Xantar na Casa faise logo do desenvolvemento dun programa piloto experimental iniciado desde a Vicepresidencia da Xunta no ano 2005, que se sumaba así a outras iniciativas concretas postas en marcha nalgunhas zonas. Pero o que ata o de agora eran experiencias puntuais convértense a partir de hoxe nun proxecto nacional, homoxéneo e de calidade, con máis recursos e con garantía de continuidade na prestación do servizo.
Unha flota de 9 vehículos distribuirá os menús entre as persoas beneficiarias do programa, no que en total traballarán 34 profesionais encargados da elaboración, envasado e distribución das comidas, baixo estritos procesos de control alimentario e sanitario. Tamén está prevista a entrega previa de electrodomésticos – microondas e frigoríficos – ás persoas usuarias que carezan deles. Ademais, os menús estarán elaborados con produtos de primeira calidade, preferentemente de orixe galega. Cada persoa que reciba o xantar na casa pagará, como máximo, un total de 54 euros mensuais.
Fases de implantación
Coa presentación de hoxe dase por iniciada a primeira fase de implantación de Xantar na Casa. Nesta primeira etapa, que se prolongará ata xaneiro de 2009, o servizo funcionará nun total de 90 concellos de todo o país e beneficiará a máis de 800 persoas, cun custo global previsto de 800.000 euros. O obxectivo é acadar que en xaneiro de 2009 o programa atenda xa a 1.200 persoas nun máximo de 130 concellos. Cómpre salientar que máis do 70 por cento dos 90 concellos que implantarán o servizo neste mes corresponden a áreas rurais ou zonas de elevada dispersión poboacional. Ademais, a selección destes primeiros 90 concellos responde a un estudo previo de necesidades, no que se valoran criterios como o índice de avellentamento, a ratio de dependencia senil ou o grao de dispersión.A segunda fase arrancará en febreiro de 2009 coa incorporación dos 39 concellos que hoxe dispoñen do servizo de comida a domicilio a través do Plan Concertado, así como daqueles outros concellos interesados en adherirse á iniciativa. Xa no ano 2010 activarase a terceira e última fase de Xantar na Casa, coa incorporación de novos municipios consorciados, ata asegurar a máxima cobertura territorial do servizo no país.
Seguimento individualizado
No programa Xantar na Casa destaca tamén a súa dimensión de compromiso social, xa que supón, ademais dunha aposta pola prevención e a atención á dependencia, unha loita contra a exclusión social, con actuacións que impulsan o trato personalizado e o seguimento individualizado de cada persoa usuaria. Así, habilitarase unha liña telefónica aberta ininterrompidamente os 365 días do ano para atender calquera incidencia na prestación do servizo. Ademais, os auxiliares de reparto non se limitarán só á entrega dos menús, senón que asesorarán aos usuarios e poderán facer un seguimento puntual de cada caso, o que permitirá detectar calquera circunstancia excepcional no núcleo familiar de convivencia.
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 6:16 da tarde 1 comentarios
19.10.08
Boletin BNGNEDA
Xa está no prelo o novo BOLETIN do BNG de Neda, un informativo no cal poñeranse a disposición dos veciños/as, iniciativas e axudas dos traballos feitos dende o Bloque Nacionalista Galego, co fin de que os veciños/as, poidan xulgar o traballo da nosa organización a prol do ben colectivo.
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 5:05 da tarde 0 comentarios
14.10.08
Jorquera reclama unha explicación a Defensa
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 5:35 da tarde 0 comentarios
5.10.08
Quintana: "Pido o voso apoio para que o BNG sexa o Partido Galeguista do século XXI"
Quintana durante a defensa da súa candidatura
O candidato asegura que “a alternativa ao disparate que nos presentan outros é o proxecto nacionalista, de benestar e igualdade”
O líder nacionalista defendeu na Asemblea Nacional Extraordinaria a súa candidatura a optar á presidencia da Xunta
O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, pedíu esta mañá na súa intervención na Asemblea Nacional Extraordinaria o apoio “de todos e todas para que o proxecto transformador, a favor das maiorías sociais do BNG sexa o Partido Galeguista do século XXI, a forza política que sexa capaz de abrazar esa maioría social galeguista que quer que unha forza política propia rixa o destino do país”.
Quintana asegurou na presentación da súa candidatura que o BNG vaise marcar “o reto de acadar o mellor resultado da súa historia nas eleccións galegas” e puxo como aval os dados dos comicios municipais e estatais nos que o nacionalismo xa se refrendou como forza política con forte implantación no país.
O líder nacionalista presentouse como “representante dun proxecto colectivo, o do BNG, e do seu programa", polo que pedíu "con humildade o voso apoio para ser o candidato de todo o BNG porque quero ser o presidente de todos os galegos e galegas”.
Quintana fixo especial fincapé na súa intervención no feito de que “o BNG é diferente” e exemplificou esta diferencia no xeito de abordar a situación de crise económica, asi, “fronte á economía especulativa, nós temos unha economía con raíces, baseada no territorio e pensada para a xente”. “A alternativa ao disparate que nos presentan outros”, continuou, “é o proxecto nacionalista, de benestar e igualdade, porque iso é o que necesitamos, un proxecto político próximo á xente”.
O candidato asegurou que o BNG é “garantía da autocrítica tan necesaria” e indicou que é a única forza política que “non deixa nun alegato progre a igualdade entre homes e mulleres, senón que o leva á acción de goberno”.
O líder do Bloque dixo que a proximidade do nacionalismo á xente “é o que temen os nosos adversarios, é o que lles molesta e ése é un valor político ao que non imos renunciar”. Outro dos valores irrenunciábeis do proxecto político nacionalista é, tal e como incidíu o candidato, “a defensa do noso idioma, porque en el está a nosa identidade” e opinou que “é imposíbel o benestar sen identidade”.
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 8:48 da tarde 0 comentarios
4.10.08
Enquisa de GZnación
Nin boina nin birrete. O binomio que foi descrición, refrán e máxima do Partido Popular en Galiza morreu coa marcha do seu fundador e ex presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, ao senado de Madrid. A Praza Marina Española mantén ocupado a un home que durante anos foi o vértice dun partido sobre o cal xiraban poderosos satélites de gran discurso de masas e poder local. Pero Feijóo non é Fraga e Alfonso Rueda non é Cuíña, nin Cacharro, nin Baltar.
A estimación da sondaxe de Quadernas non podería ser máis sentenciosa cunha formación que experimentou un cambio de líder na cadeira máis fea: a da oposición. Incómoda e invertebrada, cunha única cabeza visíbel que, semella, non convence. Segundo estes datos, o Partido Popular galego mantería a súa categoría de máis votado nas catro provincias galegas, mais Lugo, lugar onde superaba en máis de dez puntos aos socialistas, só lle outorga case catro puntos de vantaxe sobre a lista decidida por Pérez Touriño. Así, o PP pasaría nesta provincia do 49,1 ao 39,2 en estimación de voto; o PSdeG subiría do 33,7 ao 35,4%; e o BNG medraría do 15,2 ao 18,5%. Un dato, este último, máis que positivo para a lista de Quintana.
De igual maneira sucede nas restantes A Coruña, Pontevedra e Ourense. A primeira poderá ser un símbolo da caída total do PP, unha mostra de que a sempiterna bandeira da gaivota ondea xa máis baixo que a rosa vermella. Así, o PSdeG colócase a só unha décima dos populares, obtendo o 35,1 e 35,2 por cento dos votos respectivamente. O descenso conservador é aproveitado tamén polos nacionalistas, que soben até o 22,9% dos votos. Sen embargo, sorprende na Coruña as respostas "en branco", case o 5% do total. O descenso do PP en Ourense é de seis puntos, case os mesmos que en Pontevedra. A maior parte desta caída en barrena vai para os indecisos, non tanto para PSdeG e BNG, que apenas soben un ou dous puntos por demarcación.
O voto urbano
O voto urbano esvara da simpatía nacionalista. A formación frontista perde enteiros nas cidades de Galiza e manca as aspiracións máis ambiciosas que deberían de marcar a progresión do BNG dentro do noso país. A eiva é importante xa que, nos grandes núcleos, só o 10% manifesta que votaría aos nacionalistas, polo 21,6 do PP e o 21,9% do socialistas, que teñen nas cidades unha poderosa fronte desde a cal batallar. É por agora o voto semiurbano o que pode dar unha alegría aos de Anxo Quintana, lugares que lle reportarían o 16,1 por certo dos sufraxios, a só tres e un punto de populares e socialistas.
O mesmo rural de antes mantén o tipo para ese PPdeG tolleito de estandartes do populismo, outorgándolle un 22,7 por cento dos votos, catro e nove puntos por diante de PSdeG e BNG. Así as cousas, o BNG precisa tirar da súa militancia, mais cómpre que estime a importancia de mobilizar o voto urbano, pulmón de calquera vitoria electoral.
A terceira idade
Tan ou máis importante é a conservación do voto ancián do PPdeG como a mobilización da xente nova do BNG. Se ben os populares arrasan no tramo de idade de máis de 65 anos (31,3%), o BNG ten nos mozos de entre 18 e 29 anos un espazo polo que medrar (20,8%) a costa dos seus rivais. Ben é certo que Quintana non se crece cos maiores, estancándose nun pobre 7,9% do total
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 12:34 da tarde 0 comentarios