21.7.09

O PP paraliza as axudas á Dependencia

O voceiro do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, denunciou que “o bipartito deixou a 14.000 grandes dependentes recibindo a súa prestación”, e que “en 100 días de Goberno popular non hai nin unha soa prestación máis facilitada”.

Aymerich asegurou onte en rolda de prensa que a Consellería de Benestar non prestou aos grandes dependentes de Galicia “nin unha soa axuda máis das que xa estaba dispensando o goberno Bipartito”. O voceiro do Bloque sinalou que durante o anterior goberno, o ritmo de tramitación era de 2.000 solicitudes ao mes, mentres que, entre abril e xullo de 2009, recoñeceron “apenas 800 prestacións novas”, polo que “hai, como mínimo, 6.000 galegos que están a esperar que se resolva a súa solicitude”.

Por outra banda, o nacionalista sinalou que os datos facilitados na web do Ministerio de Sanidade reflicten que o número de solicitudes recibidas ás que se lle recoñeceu o dereito a recibir unha prestación, pasou de 5.675 a 26.385 entre maio de 2008 e abril de 2009.

Aymerich atribuíu este feito a “un problema de xestión” xa que segundo afirmou, o Departamento dirixido por Beatriz Mato, “está sumido nunha parálise administrativa e nun caos organizativo”. Así mesmo, destacou que “hai un problema de financiamento grave” que afecta á aplicación da Lei de Dependencia, e culpou ao Goberno central de non cumprir os seus compromisos.

O nacionalista sinalou que a Galicia lle corresponden 32 millóns de euros en virtude do Plan de Dinamización Económica, firmado en novembro de 2008, dos que 22 aínda non se fixeron efectivos. A esta cantidade “hai que sumar outros 80 millóns de euros adicionais que o Estado se comprometeu a abonar á Xunta en 2009 para a aplicación da Lei”, afirmou. O voceiro do BNG lembrou que se trata de fondos condicionados á realización de inversións, polo que “se non hai axilidade e dilixencia á hora de xustificar os proxectos, corremos o risco de que o diñeiro se perda”. Igualmente, destacou a especial negatividade do financiamento en materia de Dependencia.

0 comentarios: