Render contas
A actual crise financeira internacional, logo do estoupido e balbordo mediático, aterrou na economía real. Ao tempo de vermos o derrube de grandes corporacións financeiras, produciuse unha restrición xeralizada no acceso ao crédito de empresas e familias e, como corolario, unha retracción na actividade real na práctica totalidade dos sectores económicos. Relatado á inversa, a profundidade da recesión económica actual ten orixe no endurecemento da financiación por parte das entidades bancarias que se viron afectadas pola queda do sistema financeiro.
O colapso financeiro desencadéase após de culminárense unha serie de reformas que aspiraban a reforzar a solvencia do sistema financeiro en base á autorregulación e o autocontrol por parte de Bancos centrais dotados de maior autonomía respecto do poder político. Precisamente o que está en cuestión agora non son simplemente as malas prácticas e a incorrecta xestión dos riscos por parte das entidades financeiras e os bancos de investimento, senón tamén o papel desenvolvido polas autoridades que tiñan encomendada a supervisión de todo o sistema, isto é, os bancos centrais independentes dos poderes democráticos.
Neste días, as máximas autoridades na Unión europea e no Estado español da vixilancia do sistema financeiro, Trichet e Fernández Ordóñez, receitan saídas contra a crise económica que como denominador común implican un desmantelamento da protección social das persoas traballadoras. Non lle adicaron unha palabra á autocrítica no que atinxe ao desempeño da fiscalización do bon funcionamento do sistema financeiro que constitúe a súa principal ocupación. Iso non vai con eles. Antepoñen a crítica ao alleo antes de asumiren a exixencia nas obrigacións propias. Prefiren estar na allada política (que paradoxo, se son independentes!) como activistas da ideoloxía conservadora e neoliberal máis radical.
Con todo, veranse recompensados. A creación dun Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria, cunha inxección inicial maioritaria de diñeiro público de 6.000 millóns de euros que pode multiplicarse por dez, tamén pretende ser cedido en administración ao Banco de España. Non só hai que nutrir vigorosamente ao doente sistema financeiro español para superar a indixestión sufrida pola inxesta descomunal de activos tóxicos, tamén hai que delegar nunha tecnocracia corporativa, cos poderes democráticos de outsiders, a aplicación das doses reconstituíntes aos balances bancarios
Calquera curación require antes do tratamento un diagnóstico fiábel. Xa que logo, antes de sanear o sector bancario no Estado español cómpre que as súas autoridades informen publicamente do estado do doente. O gobernador do Banco de España está obrigado a render contas, a relatarnos en que andaba a institución que dirixe antes da crise, non a facer apoloxía política ao abeiro dun cargo que non ten ese cometido. O Goberno debe responsabilizarse, e facer partícipe ás Comunidades Autónomas, dos fondos públicos para sanear o sector bancario, garantindo a través da súa xestión directa que o destino principal sexa o restablecemento do crédito á economía produtiva e doméstica. É un labor propio dos poderes públicos que non pode depositarse en institucións alleas a un mínimo control democrático, das que sabemos ben, iso si, que son rexidas por quen non está a dar conta das súas obrigas e se dedican só a amosar xenreira contra as conquistas sociais.
Alberte Souto é avogado ( Gabinete de estudos do BNG )
1.7.09
Artigo de opinión de Alberte Souto sobre a situación dos bancos
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 5:02 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário