25.7.09

Dia da Patria Galega


Máis de 20.000 persoas asistentes á manifestación do día da Patría, mentres que a Policía aínda non se pronunciou. Con todo, os nacionalistas encheron a Praza da Quintana, malia que o recinto non se ateigou, nin quedou xente fóra como noutras celebracións. “Na Galiza en galego!” e “Galegos somos, galegos seremos por españois nunca pasaremos” foron dous dos berros con máis éxito.

“Vencer a Feixóo como a Fraga”

“Ás veces podemos sentir certo desalento”, admitiu o líder da fronte ao comezo do seu discurso, en referencia á vitoria dos conservadores nas autonómicas. Porén, Vázquez asegurou que o Bloque non se converterá nunha “estatua de sal” que mira o pasado. “Se fomos quen de sobrevivir e vencer ao PP de Fraga, sobreviviremos e venceremos ao PP de Feixóo”, animou.

O voceiro fixo un chamamento á unidade da fronte e a incorporación de novos militantes porque “cabemos todos neste proxecto común e vós sodes os únicos imprescindíbeis”.

“Ataque ao idioma sen precedentes”

Vázquez acusou ao presidente da Xunta de “estar ao servizo de minorías extremistas” en particular na política lingüística. “O noso idioma está a sufrir un ataque sen precedentes orquestrado dende a propia Xunta”, denunciou o político pontevedrés.

“Tirar abaixo o concurso eólico para favorecer aos seus amigos”, “estar na política para facer carreira persoal”, “transformar o Goberno nun esperpéntico concesionario de coches de segunda man”, foron outras das acusacións.

Como alternativa propuxo unha política máis social que protexa aos traballadores da crise. Demandou tamén un “Estatuto de Nación, un Estatuto de primeira”.

0 comentarios: