23.5.09

O BNG non comparte a colocación de video- cámaras que anunciou o Concello e dubida da súa viabilidade legal


O BNG de Neda non entende nin comparte a intención, anunciada desde goberno local, de colocar cámaras de vídeo-vixilancia en varias zonas do municipio co obxecto de diminuir os niveis de delincuencia. Ademais, o BNG preguntará, na próxima reunión da Comisión de Tráfico e Seguridade, se o goberno conta con todas as autorizacións dos organismos pertinentes.

O BNG cre innecesaria e inadecuada a medida anunciada polo goberno municipal de instalar cámaras de vídeo en diversos puntos do concello, e ademais, dubida de que sexa viable legalmente dado que a lei é moi clara e estrita ao respecto, e somete a instalación de cámaras a unha autorización por parte da Delegación do Goberno, previo informe da Comisión de Garantías de Vídeo-vixilancia. Existe xurisprudencia neste sentido, como é a sentencia de 19 de outubro de 2007 do Xulgado do Contencioso- Administrativo nº 3 da Coruña, recaída no procedemento ordinario 69/07 que se seguiu contra o Concello da Coruña pola instalación de cámaras de vídeo-vixilancia na estación de autobuses, na que literalmente se pode ler: “resulta que a administración local incumpriu o RD 596/1999, xa que este impón que a instalación sexa autorizada antes de que se realice o informe -previo- vinculante da comisión de garantías á solicitude de instalación”.

Deste xeito, as cámaras que se pretenden colocar, tanto na Toeleira coma no contorno do Concello e nas rúas de aceso á pía municipal poden non cumprir a lexislación. É necesaria unha proporcionalidade, é dicir, que só se poden empregar vídeo cámaras cando resulte adecuado para unha situación concreta para o mantemento da seguridade cidadá. Ademais, tamén se esixe o principio de intervención mínima, ou o que é o mesmo, que exista ponderación entre a finalidade perseguida e a posible afectación pola utilización da vídeo cámara aos dereitos á honra, a propia imaxe e a intimidade.

Desde o BNG non entendemos a teima dos gobernantes locais de afirmar que en Neda existe máis delincuencia que noutros concellos de Ferrolterra, cando os datos revelan que o noso Concello é un dos menos conflitivos da comarca.

0 comentarios: