21.5.09

Galiza en Europa


O sondeo elaborado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) sobre as eleccións europeas do 7 de xuño dálle un escano á coalición Europa dos Pobos-Verdes, na que se integra o BNG xunto a ERC, Aralar, EA e Chunta Aragonesista.

A enquisa sinala que a fronte obtería un 3,6% dos votos, co que se quedaría a unha soa décima de conquerir o segundo deputado, que correspondería a Ana Miranda (BNG) en virtude dos acordos acadados entre as formacións da coalición.

O sondeo tamén arroxa un resultado de empate técnico entre PP e PSOE, que obterían 23 escanos cada un. Ademais, revela cuestións como a falta de información dos cidadáns sobre os asuntos relacionados coa UE, xa que un 50,1% dos enquisados sostén que está pouco informado e un 18,1% que está nada informado.

Sobre a importancia de Europa, un 54,3% de cidadáns cre que a entrada na a UE beneficiou a España, aínda que o espírito europeo non calla e só un 7,3% de enquisados defínese como cidadán europeo. Ademais, o 76,3% dos cidadáns recoñece que segue con pouco ou ningún interese as noticias relacionadas coas eleccións do 7-X.

0 comentarios: