O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, aclaroulle hoxe ao concello de Arteixo que alí non se fará ningunha vivenda dentro do Plan Sectorial de Vivenda Protexida da Xunta. “Como nós o que queremos é facer vivenda protexida, favorecer á xente, crear postos de traballo e crear riqueza, como as nosas intencións son positivas, pero como parece ser, segundo a alcaldesa, que en Arteixo o Plan Sectorial é un problema que afecta negativamente aos veciños, que non se preocupe a señora alcaldesa, que non se fará nin unha soa vivenda en Arteixo”. Así se manifestou esta mañá o vicepresidente en Xinzo de Limia a preguntas dos xornalistas sobre os problemas xurdidos en Arteixo a raíz das actuacións previstas no Plan Sectorial de Vivenda Protexida.
Quintana explicou que en Arteixo, o Plan Sectorial de Vivenda contemplaba unhas actuacións de 91 millóns de euros de investimento, íanse facer 2.800 vivendas protexidas e 600.000 metros cadrados de parques, “que non creo que os haxa neste momento en todo Arteixo” dixo Quintana, e ao mesmo tempo íanse crear espazos dotacionais para facer escolas infantís e para facer centros de día. “Pois parece ser que isto é un grave problema. O problema en Arteixo non foron os corenta anos de urbanismo salvaxe, o problema parece que é facer vivenda protexida, espazos libres e dotacionais e garderías”, sinalou Quintana.
Quintana explicou que o Plan Sectorial de Vivenda contemplaba en Arteixo actuacións de 91 ME de investimento O vicepresidente aclarou ademais que todas estas actuacións se ían facer sen tirar a casa de ninguén e sen que ninguén quedara se compensar con todo rigor como marca a lei. “Pero xa que a alcaldesa considera que isto é un atropelo e o bo polo visto é seguir con ese urbanismo salvaxe, que se tranquilice a alcaldesa e que cese xa nesa campaña de trasladar angustia aos veciños. Non se fará ningunha vivenda”, informou o vicepresidente. Quintana asegurou que existen na área metropolitana de Coruña varios concellos que están reclamando que se fagan máis vivendas protexidas, e polo tanto, “o que se ía facer en Arteixo farémolo agora no resto dos concellos”.
Ante esta situación, Quintana dixo que o que si terá que facer agora a alcaldesa é explicarlles aos veciños que van quedar sen 2.800 vivendas e teralles que dicir como vai compensar ela a carga de traballo que se ía dar para uns 18.000 postos de traballo. “Pero é evidente que cada un ten que ser responsable dos seus actos, e nós o último que queremos é crear ningún tipo de angustia”, aclarou o vicepresidente.
Colaboración institucional
O vicepresidente Quintana dixo entender que se fagan críticas a un plan ou a unha actuación, xa que as críticas son boas e hai que aceptalas en democracia. Pero asegurou que o problema en Arteixo non é que se critique, o problema é que non se plantean alternativas. “Eu creo que a alcaldesa está facendo algo máis que criticar o Plan Sectorial de Vivenda. Ademais, para unha cuestión tan importante como o Plan Sectorial de Vivenda é bo que os concellos planteen as súas alegacións, as súas propostas e as melloras que haxa que facer”. Por iso, recordou Quintana, no propio Plan Sectorial se define que cada concello ten un período para mellorar o previsto porque sempre hai cousas que se poden mellorar.
O vicepresidente afirmou que agora a alcaldesa terá que explicarlles aos veciños que van quedar sen 2.800 vivendas Quintana asegurou que o problema en Arteixo non é que se critique, o problema é que non se plantean alternativas. “E o que se está é trasladando, por parte da alcaldesa, é unha incertidume e unha angustia a moitos cidadáns totalmente infundada e se está acusando ao plan sectorial de vivenda de provocar malestar en Arteixo e ir contra os intereses dos veciños. E a min iso é algo que me preocupa”, manifestou Quintana. Explicou que é algo que o preocupa porque Arteixo é un concello, como tantos outros de Galiza, sen planeamento urbanístico, “porque se ten feito un urbanismo salvaxe, no que o prezo da vivenda ten aumentado ata un 150% nos últimos anos, e nesa situación, que non se aproveite a oportunidade do Plano Sectorial e que o único problema urbanístico de Arteixo sexa que a Xunta de Galicia quere facer vivenda protexida para que poida acceder á vivenda a xente con menos recursos, paréceme dende logo unha actitude imposible de explicar”.
O vicepresidente destacou que o único que agarda é que haxa colaboración institucional. Lembrou que o Plan Sectorial de Vivenda significa a construción de 45.000 vivendas protexidas en todo o país e afirmou que o problema que se está dando é que, unha vez que se empezou, hai moitos concellos que querían máis e que están solicitando máis, “estamos recibindo colaboración institucional en todas partes”. Quintana expuxo que o único problema que se está producindo é que se queren facer máis porque fan falta máis vivendas. Explicou que, por unha parte, o sector da construción está totalmente paralizado e faille falta carga de traballo, e por outra banda, o único xeito que ten a xente de acceder a unha vivenda, agora en tempo de crise, é a vivenda protexida, que é unha vivenda de prezo taxado. “Se hai alcaldes e alcaldesas que non entenden isto e que prefiren axitar e angustiar e trasladar situacións totalmente irreais, eu teño que aceptalo democraticamente porque son representantes dos cidadáns, electos democraticamente, e respectar as súas decisións e traballar ao lado das corporacións”, concluíu o vicepresidente.
14.12.08
Quintana lamenta a actitude do concello de Arteixo pola que vai perder 2.800 vivendas protexidas e 91 ME de investimento
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 11:01 da manhã
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário