Nos últimos meses, a vulneración dos dereitos lingüísticos dos galegos e das galegas evidenciouse en diferentes situacións que, pola súa gravidade, tiveron tamén eco nos medios de comunicación. Algúns deses casos lembrámolos na manifestación do pasado 18 de maio, ese chamamento cívico contundente ao noso dereito a vivirmos no noso propio idioma.O Carrefour da Coruña recoñeceu que un xefe de sección insultara a unha traballadora porque esta falaba en galego. Unha xuíza, Ana López Suevos, foi denunciada e cuestionada na súa profesionalidade por emitir sentenzas nesta lingua. O Hotel Ciudad de Vigo admitiu que lle prohibe aos seus traballadores falar neste idioma milenario. O Hospital Modelo da Coruña chegou a enviar un comunicado de imprensa xustificando que unha das súas pediatras lle prohibise a pacientes e familiares que se dirixisen a ela en galego. Segundo datos proporcionados polos centros educativos, o 10,5% das crianzas de tres anos nas sete cidades non reciben nin unha hora de ensino en galego ao día; outro 16% só recibe unha hora...Ningún destes temas suscitou ningún ditame ou comunicado, por pequeno e sinxelo que fose, por parte da Real Academia Galega. Contrasta este cómodo silencio da RAG perante os problemas da lingua e da cultura do país co protagonismo desta institución na actual campaña mediática contra o uso de Galiza, forma xenuína e histórica, abrumadoramente maioritaria na documentación en galego até o século XVII (aínda que, como é sabido, desde a dominación castelá os textos no noso idioma son cada vez menos e con máis barbarismos). Hai un debate entre lingüistas sobre se Galicia é tamén ou non unha forma galega, pois a súa pervivencia na oralidade non o certifica, igual que non podemos concluír que gallego sexa o recomendábel porque galego desaparecese da fala, excepto nunha comarca. Mais o que non pode negar ningún lingüista é que Galiza é unha forma propia, da nosa historia e da nosa tradición, que hoxe non é ningunha peza de museo, senón que está recuperada e tamén viva, especialmente nos sectores máis dinámicos en favor dos dereitos da comunidade lingüística galega.Nesta pugna simbólica contra Galiza están xustamente os principais movementos e grupos fácticos ou de presión que atacan calquera posíbel adianto para o noso idioma e que ollan para outro lado cando hai conculcacións de dereitos notorias e escandalosas como as sinaladas no segundo parágrafo. Iso non quita que haxa moita xente que defenda ou utilice Galicia por apego afectivo ou porque considere máis acaída a corrente lingüística que defende o seu uso por ser a forma maioritaria na fala espontánea.Do meu punto de vista, o problema non está principalmente no ditame da RAG, pois este é pouco máis que unha paráfrase pouco afortunada das Normas de 2003, extralimitada no aspecto xurídico. O máis grave é que se estean a reproducir diariamente declaracións off the record desta institución, ou da comisión correspondente, sen que en ningún momento se neguen ou se corrixan, colaborando así na campaña de deslexitimación do uso de Galiza e creando incerteza sobre as pautas para un uso correcto do idioma. A mesma Academia que nas normas de 2003 estabelece o criterio salomónico de que Galicia e Galiza son válidas, agora considera, irresponsabelmente e pondo en perigo o consenso normativo alcanzado hai cinco anos, que isto é “esquizofrenia lingüística” e que “un país non debe ter dous nomes”. Con certeza, é digno de lamento, mais tamén non é novidade tal diverxencia de pareceres nunha institución que, despois de referendar grazas como única forma correcta, realiza declaracións públicas escasamente serias a través do seu presidente cuestionando o seu uso e indicando que el vai seguir dando as gracias. Que autoridade ten para estabelecer normativa quen non a aplica?Para o progreso do idioma é preciso un referente estándar que conte cun amplo respaldo e consenso social, aínda que tal acordo ortográfico e morfolóxico deba ser dinámico e se revise “en función do proceso de normalización do uso do galego”, tal e como estabelece a Lei de normalización lingüística na súa disposición adicional. Fraco favor lle está a facer á existencia de tal consenso a postura da RAG. Agardemos que os seus membros máis conscientes, comprometidos e preocupados pola situación do noso idioma reaccionen e, aínda que sexa 101 anos despois, teñamos por fin a Academia Galega que a nosa cultura e a nosa lingua precisan.
Carlos Callon (12-06-2008)
Artigo publicado en GZnacion.com
19.6.08
O nome do País
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 10:59 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário