Polo seu interese, reproducimos a carta aberta ao ministro de interior que o portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta publicou en varios xornais galegos: “Estimado Alfredo: Estou contento de poder recuperar, aínda que só sexa por medio desta carta, o agarimoso intercambio de ideas que, noutrora, animou as nosas conversas e negociacións parlamentarias. Contraste de posicións políticas que unhas veces se saldaron con proveitosos acordos e outras, como no debate de orzamentos de 2005, cun irremediable desencontro que motivou o seu veto polo BNG no Senado. Coincidencias e desacordos produto dun diálogo leal baseado nunha entrañable franqueza e na firmeza das nosas conviccións.
Sempre pensei que agora, sendo ti Ministro de Interior e eu Vicepresidente da Xunta de Galicia con competencias, entre outras, en Relacións Institucionais, nas túas visitas a Galiza teriamos unha oportunidade para retormar o noso animado diálogo. Pero xa ves, as estreiteces do protocolo e as rixideces da túa axenda impedíronnos, na túa última e fuxidiza viaxe, conversar sobre as competencias que Galiza agarda en materia de tráfico e seguridade vial. Unha mágoa á que quero por remedio con esta carta.Malia a brillantez á que nos tes afeitos, as túas últimas declaracións desvían a atención respecto das auténticas motivacións da nosa demanda das competencias de seguridade vial para Galiza. A súa descualificación como produto dunha 'efervescencia propositiva' de natureza electoralista desconsidera o labor realizado pola Xunta de Galicia desde 2005 para ampliar, mediante unha cooperación intelixente co Goberno do Estado, as capacidades competenciais do noso autogoberno. Mesmo representan unha infeliz amonestación do Presidente da Xunta que ten reiterado o seu compromiso para avanzar decididamente no traspaso de novas competenciais antes de que conclúa a presente lexislatura.Non é o aproveitamento electoralista o que guía a actuación do noso goberno, é o noso desexo reforzar as capacidades executivas coas que Galiza debe poder contar para dar unha resposta eficaz a vellos problemas nosos como a sinistralidade das nosas estradas ou a organización do salvamento nos nosos mares. Obedece a unha firme vontade que nos animou a finais de 2006 a elaborar un documento de traballo que identificaba setenta competencias subsceptíbeis de ser transferidas a Galiza. Un proxecto de avance do autogoberno que concretaba o Acordo de Goberno subscrito polo BNG e o PSdeG en 2005.A negativa do Partido Popular a aprobar un Novo Estatuto sinalou a negociación bilateral Galiza-Estado como a única vía practicable para agrandar, neste momento, o noso teito competencial e dar cumprimento pleno ao noso actual Estatuto de Autonomía. Por iso, acordamos, en febreiro de 2007, con Jordi Sevilla a apertura do traspaso de sete competencias recoñecidas estatutariamente a Galiza desde 1981. A veciñanza das eleccións municipais, primeiro, e seu relevo ao fronte do Ministerio de Administración Públicas, despois, conxelaron os traspasos en materia de salvamento marítimo; a titularidade dos inmobles da Seguridade Social; a transferencia dos centros de investigación ou dos arquivos, museos e bibliotecas. Un bloqueo que en nada beneficia a Galiza.No último debate sobre o estado da nosa Autonomía, de xeito unánime o BNG, o PP e o teu partido se pronunciaron a favor de reactivar o proceso de transferencias pendentes. Días despois, o consenso das tres forzas parlamentarias galegas plasmouse na posta en marcha dunha Proposición de Lei para solicitar do Parlamento do Estado a transferencia a Galiza, mediante Lei Orgánica, das competencias de tráfico e seguridade vial atendendo o artigo 150.2 da Constitución. Consento entre todas as forzas políticas, acatamento do ordenamento xurídico, vía constitucional para mellorar o autogoberno... Galiza está a seguir o camiño que o presidente Zapatero lle reclamou ao lehendakari Ibarretxe. Aínda así, tristemente desvalorizaches esta iniciativa ao cualificala como efervescencia propositiva e electoralismo.Francamente se nos vemos obrigados a falar de electoralismo, teño que dicir que na negativa do Goberno Central a impulsar o proceso de transferencias pensan moito máis os vosos cálculos electorais que a firmeza dos compromisos adquiridos con Galiza. O precipitado abandono do proxecto da España plural e a entrega entusiasta ao aplauso da España unitaria, á apropiación patrioteira dos símbolos e retrousos da dereita ultramontana ou o enxalzamento centralista do agora omnipresente Goberno de España son concesións a unha lamentable acomodación electoralista e son un erro que confío en que aínda poidades emendar.Certamente, a solución máis intelixente non é tentar gañar eleccións asumindo como propio o trastempado programa do Partido Popular. O camiño non é reeditar un novo centralismo para competir co vello centralismo da dereita. O horizonte ilusionante e transformador é atender o recoñecemento da natureza plurinacional, plurilingüe e pluricultural do Estado. Esa é a solución coa que os nacionalistas galegos estamos democraticamente comprometidos.Estimado Alfredo, a decisión do Goberno Galego para activar o proceso de transferencias que o noso Estatuto recolle é unha proposta institucionalmente responsable que se asenta nunha firme elección: cumprir o mandato que nos deron os cidadáns e cidadás galegas en 2005 para que ampliasemos o noso autogoberno como garantía de benestar e progreso para o noso país. Ese é o compromiso ao que nos debemos. Estou certo de que calquera porta que poidamos abrir ao diálogo será beneficiosa para a liberdade, a democracia e o autogoberno de Galiza. Quedo como sempre á túa disposición.”
6.11.07
'Tráfico: responsabilidade e electoralismo', carta aberta de Anxo Quintana a Rubalcaba
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 6:29 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário