29.11.07

Actuamos no Congreso como miles de galegos e galegas esperan que o fagamos, con pragmatismo e intelixencia,en beneficio do País


Quintana : 'Antes do 15 de Xaneiro, o Estado entregará 51 millóns de euros a Galiza para liquidar a débeda histórica en materia social''

O portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou que o sucedido onte en Madrid no Congreso dos Deputados demostra que “os galegos e galegas decidimos en Madrid e iso é bo para Galiza”. Quintana amosou a súa satisfacción polo cambio de actitude e polo cambio de postura do Goberno do Estado no que se refire a Galiza, “había algunhas situacións que non eran boas para Galiza e que ían en detrimento da credibilidade do Goberno do Estado para cos seus compromisos con este país. E polo tanto, é para min unha satisfacción que haxa un cambio de actitude e que podamos comezar agora unha nova etapa”.
O vicepresidente sinalou que onte en Madrid o Bloque Nacionalista Galego actuou “como ten que actuar unha forza política ao servizo do país, con pragmatismo, con intelixencia e colocando a Galiza por diante de calquera outro interese, sexa partidario ou de calquera outro signo”. Quintana asegurou que se ten feito un bo acordo e sobre todo un bo acordo para Galiza, “témolo feito con pragmatismo, con intelixencia e pensando no país”. Explicou que onte, no Congreso dos Deputados, o que había que decidir en Madrid era ben claro, “ou ben reprobar a unha ministra cunha consecuencia práctica nula, como todos sabemos, reprobar a unha ministra fundamentalmente polo sucedido en Cataluña e polo tanto en base á dialéctica política establecida en Cataluña. Ou ben a segunda cousa que se podía facer era tentar, a través dun acordo, colocar a Galiza no debate político e que Galiza puidera ter un resultado positivo desta situación. E esta segunda opción é a que nós escollemos e que ten resultados importantes para Galiza”. Anxo Quintana sinalou que o ocorrido onte no Congreso confirma que “pasamos dunha época na que Cataluña ou Euskadi podían determinar a acción do Goberno, e mesmo quitar e pór ministros, a unha situación agora na que Galiza é a que decide este tipo de cousas”. Sinalou que, ao seu entender, hoxe hai milleiros de galegos e galegas que, sobre todo e ante todo, o que queren é que Galiza teña unha forza política propia que actúe así, con pragmatismo, con intelixencia e colocando a Galiza por enriba de calquera outra cousa. “Estou plenamente convencido de que onte o BNG actuou como esperan milleiros de cidadáns de Galiza que actúe o BNG”, concluíu Quintana. AcordosO vicepresidente da Xunta explicou que onte tivo a oportunidade de falar co presidente Zapatero e con outros altos responsables da Administración do Estado para chegar a un acordo “que penso que é positivo para Galiza”. En primeiro lugar, e en virtude do acordado onte, “vamos ter a posibilidade de que o pagamento da débeda histórica con Galiza en materia social -que como sabedes estaba acordada dende fai tempo- se poida efectivizar con carácter inmediato e temos un preacordo xa para que antes do 15 de xaneiro se poida proceder á sinatura da segunda parte de pago desa débeda histórica en materia social que o Estado ten con nós”. Quintana lembrou que fai uns meses se concretou a primeira parte desa débeda, de nove millóns de euros, e agora faltan por efectivizar 51 millóns “e temos xa ese preacordo de que antes do 15 de xaneiro poderemos proceder a liquidar esta situación, cuestión moi importante para Galiza”. En virtude do acordado onte, Galiza tamén vai ter con carácter excepcional a posibilidade de pór en marcha un sistema pioneiro en toda España e en toda Europa, como é o servizo público de transporte adaptado. Segundo o acordado onte, “vamos ter con carácter excepcional a concesión dun número telefónico, o 065, que vai servir para darlle estabilidade a ese servizo e isto é algo que se fai por primeira vez no Estado”. O vicepresidente indicou que a concesión dese tipo de números sempre se fai con carácter estatal e nunca con carácter exclusivo para unha comunidade autónoma, algo que agora se lle concede a Galiza. Segundo o acordado onte, Quintana explicou que se vai desbloquear o proceso de transferencias. Recordou que o presidente Zapatero tiña adquirido un compromiso no Senado polo que, despois do bloqueo do proceso de transferencias, se comprometía persoalmente a tratar este tema e buscar unha solución. “Dende aquel compromiso no Senado, nunca máis souberamos dunha actitude e dunha posición do presidente para cumprir aquel compromiso. Pero agora, en virtude do acordado onte, ese compromiso por parte do presidente vaise cumprir e nese sentido está acordado que teñamos unha entrevista antes do 15 de decembro para proceder ao desbloqueo do proceso de transferencias”. Ao mesmo tempo, Quintana explicou que se vai constituír a Comisión Bilateral de Cooperación, que se dará un prazo de tres meses dende hoxe, polo tanto antes de que remate a lexislatura, para desbloquear o proceso de transferencias. Engadiu que “o documento referencial será o que no seu día lle presentamos ao ministro Jordi Sevilla e dende logo, se algunha desas competencias non fose posible nese prazo, o Estado terá que pór enriba da mesa outras que as compensen”. Polo tanto, Anxo Quintana concluíu que onte en Madrid “abrimos un camiño para o desbloqueo dun proceso moi importante para Galiza e para a mellora do autogoberno de Galiza”. En virtude do acordado onte, o Partido Socialista manifestou o seu apoio e compromete o seu apoio para a aprobación da proposición de lei no Parlamento galego como primeiro paso para o traspaso da competencia do tráfico, “unha competencia tan importante para Galiza”. Relacionado con este acordo, Quintana anunciou que ten convocado para o vindeiro luns no Parlamento aos portavoces dos tres grupos parlamentarios para definir xa ese proxecto de lei que reclame a transferencia de tráfico a Galiza pola vía da lei orgánica. “Como sabedes, fai un mes reuninme con eles, e téñense celebrado diferentes reunións, pero o protagonismo debe pertencer ao Parlamento galego e por iso a miña misión é convocar aos tres grupos e conseguirmos así que esa proposición de lei se efectivice xa con carácter definitivo e se rexistre no Parlamento para o seu tratamento”.

0 comentarios: